Por Lucía Escrigas, Rosalía Macías
CRÍTICA URBANA N.6
pp
p
En Galicia existen 2.028 núcleos de poboación sen habitantes, e a cifra non deixa de aumentar. Algúns ven nestas aldeas abandonadas a posibilidade de facer negocio, mentres que outros ven unha oportunidade de plantexar modelos de vida alternativos. Cunha poboación cada vez máis urbana e avellentada, Galicia enfróntase ao reto de devolver a vida ás aldeas.
Galicia conta cun territorio complexo, que nos fala sobre a súa identidade. Nos seus 30.000 km2 de extensión, a comunidade autónoma caracterízase pola segregación de núcleos pequenos dispostos por toda a súa superficie. Estes núcleos organízanse en municipios, subdivididos á súa vez en parroquias. Estas son as divisións tradicionais galegas, que contan con varias entidades de poboación de escalas diversas. Todo isto fai que Galicia sexa peculiar pola súa alta taxa de dispersión demográfica e polo gran número de poboacións. Chega a sumar un total de 30.347 entidades singulares, entendéndose como calquera área habitable do termo municipal, fronte ás 61.778 que hai en todo o Estado español[1].
Cada vez menos e máis avellentados
Todos estes datos, móstrannos a ameaza que existe sobre a rexión. A maioría destes lugares abandonados atópanse na provincia de Lugo. Estas cifras aumentan por cuestións que están relacionadas coa pirámide de poboación, cos procesos migratorios e coa situación xeográfica de Galicia dentro do país, tan afastada dos poderes económicos. O rural non morreu pero si sufriu diversos procesos e por iso, moitas aldeas quedaron baleiras.
Hai 30 anos que en Galicia o número de nacementos é menor que o de mortes. A baixa natalidade reflíctese claramente no rural, mais tamén afecta ás zonas urbanas. É o caso de cidades como A Coruña, onde o número de habitantes mantense estable pero a idade media vai aumentado. Se a tendencia se mantén, pronto haberá territorios onde será difícil atopar xente nova.
A migración tamén tivo que ver. Nos anos 50 comezaron a baleirarse as aldeas, pero as persoas que emigraron naquel momento terminaron por voltar. Con todo, nos 80 a migración comezou a non ter retorno xa que “o medio rural xa non era o suficientemente atractivo para atraer á poboación”, explica o profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos. O emigrante daquela época “foise sendo campesiño e voltou non querendo ser campesiño”.
p
Véndese aldea!
Miles de aldeas despoboadas fan xurdir miles de ideas. A modo de exemplo analizamos aquí dúas delas: a venda de aldeas e a volta ao rural como vía de escape para aqueles que necesita afastarse da tensión da cidade.
Existen inmobiliarias especializadas na venda destas localidades – con prezos que van dende os 3.000 euros ata algúns que superan o millón – como Galician Country Homes, situada en Rábade (Lugo). Esta inmobiliaria fundada por Mark Adkinson está dirixida por Rosa María Costoya, que explica que “os mozos tiveron que marcharse e facer as súas vidas fóra das aldeas”.
Entre a clientela, na súa maioría de orixe estranxeira, hai historias para todos os gustos. Dende unha señora escocesa que se uniu ao grupo de pandereiteiras da zona ata un home que está a pensar en comprar o famoso castelo de Quindous, pasando pola súa última compradora: unha canadense que quere facer un hotel de retiro. Tamén os usos que lle dan ás propiedades son diversos, aínda que moitos son xubilados que se mudan na procura dun sitio tranquilo e seguro. “Tamén hai xente que vén emprender”, indica Costoya, que engade que ademais hai persoas que “sempre viviron no vórtice da cidade, sen ter tempo, e que agora buscan reencontrarse consigo mesmos”.
p
Fuxir da cidade e voltar ao rural
Non moi lonxe de alí, un grupo de persoas buscan unha forma de vida alternativa ao modelo dominante das cidades. Tras varios quilómetros de subida por unha estrada que bordea a montaña, un cartel de madeira indica que alí se atopa o Proxecto Couso, unha ecoaldea no concello de Samos. O proxecto está aberto, literalmente non hai portas. Só unha entrada na que Geo, un pastor alemán que leva alí máis tempo que ninguén recibe aos visitantes curiosos.
“Non é só unha casa ou un proxecto, é un fogar no que vivo 365 días ao ano”, di Memo, un mexicano que chegou alí no 2017. O lugar componse de varias cabanas construídas no marco do proxecto e dunha casa do século XVI. “É un proxecto moi ambicioso”, conta Luis mentres quenta as súas mans na estufa de leña. Cando este madrileño chegou a Couso, a casa estaba en ruínas. Dende entón, foise avanzando aos poucos e sobre todo no verán, época do ano en que poden xuntarse ata 30 ou 40 persoas.
Luis lamenta que haxa tantos pobos baleiros e ao mesmo tempo tanta xente que ten que durmir na rúa. Maritza, outra das habitantes, opina que Couso achega coñecementos, diversidade e novos costumes á comunidade. “Hai unha alternativa de vida diferente”, asegura esta colombiana. Ela pensa que as novas xeracións volverán ao rural, pois “hai xente que se foi á cidade pero que agora se cansou de traballar e de ser escrava”.
p
Na procura dunha solución para reactivar o rural galego
Dependendo de quen mire, o rural pode ser visto como unha causa perdida, como unha fonte de beneficios económicos, como un patrimonio cultural ou como un espazo cheo de posibilidades. Sen dúbida estas dúas formas de atallar un mesmo problema son dispares, caras dunha mesma moeda. Pero ambas visibilizan a dificultade na que se atopa Galicia. Cal é a forma máis ética de intervir nun espazo que está abandonado e en deterioración? De quen é responsabilidade? Como se pode reactivar un pobo enteiro e volver metelo nunha dinámica socio-económica sustentable e estable no tempo?
A pesar da gravidade da situación, a desertización do rural galego non é un tema que se adoite escoitar nas conversacións de bar, nin aparecer nas axendas políticas. Con todo, podemos e debemos falar sobre o tema e sobre as posibles vías de actuación. “O problema grave é que os galegos non vexan o problema”, insiste Lizancos.
Segundo o profesor, hoxe non hai políticas para mudar esta situación de desertización. Trátase de proxectos superficiais que só parchean o problema e fomentan a idea bucólica do rural. No pasado houbo intentos por parte das administracións de protexer ou manter o rural galego. Na súa opinión, durante os anos do Partido Popular de Manuel Fraga (presidente da Xunta entre 1990-2005) leváronse a cabo políticas que tenderon a manter o patrimonio, pero de forma incorrecta. “Non había que dar esmola ou un incentivo había que dar impulso”, critica. “Esa política rexionalista do PP fracasou” e converteu algúns puntos de Galicia “nunha caricatura de si mesmos”. Como un papel cando arde, a política do PP “produciu unha labarada e extinguiuse, e aí están as súas cinzas”.
Para reverter esta tendencia ou polo menos freala, habería que facer un diagnóstico para saber con certeza cantas aldeas abandonadas hai e cal é a situación real na que se atopan. Así, o primeiro sería identificar que actores teñen algo que dicir sobre o asunto, xa que como apunta este profesor “isto non se organiza dende un despacho”. É necesario consultar á poboación para a partir de aí poder elaborar un programa de actuación transversal. Unha vez exista ese mapa, será posible pensar unha estratexia.
Como vemos, non é casualidade que hoxe miles de aldeas se atopen baleiras en Galicia. O abandono destes espazos é o resultado da rápida desagrarización, da estigmatización do rural e da escasa vontade política. Esta última viuse apoiada por un sistema que fomenta as grandes cidades, co fin de sacar a maior rentabilidade a estas sen importar os desequilibrios que xeran, tanto a nivel social como territorial. Baixo estas lóxicas capitalistas, os territorios segregados vense desamparados e máis se se sitúan lonxe do poder estatal. As causas e os síntomas están aí dende hai tempo, a que esperamos para actuar? Aínda que o problema sexa grave, estamos a tempo.
[1] . Nomenclátor del Instituto Nacional de Estadística (INE)
p
Nota sobre as autoras
Lucía Escrigas é arquitecta pola Universidade Da Coruña. Sempre estivo interesada no urbanismo dende una visión social, polo que participou en distintos proxectos de investigación urbanísticos en diferentes cidades, como A Coruña ou Madrid.
Rosalía Macías é xornalista especializada en conflitos e movementos sociais. Ademais de en medios de comunicación nacionais e franceses, ten colaborado con ONGs comprometidas coa comunicación social como AGARESO ou ASAD.Participa a diversos col·lectius pel dret a la vivenda i a la ciutat, com Entrebarris, a València.
p
Para citar este artículo: Lucía Escrigas, Rosalía Macías. O rural gallego. hai alguien aí?. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.2 núm.6 Conflictos Territoriales I. A Coruña: Crítica Urbana, mayo 2019. |