Por Fran García |
CRÍTICA URBANA N.19 |
A paisaxe é a resultante da relación dinámica entre o ser humano e o territorio. Existen tantas paisaxe(s) como individuos pero cada tempo e cada espazo manexa unha serie de ficcións de paisaxe que actúan como lugar común para a interpretación colectiva da realidade. Son paisaxes fixas que complementan as nosas vivencias no territorio, que permiten contextualizar a percepción
Esta relación entre ser humano e paisaxe está nunha continua construción e reconstrución que non sempre acontece dun xeito completo: as percepcións que temos da paisaxe non son interpretadas na súa totalidade polo que precisamos destas representacións que nos axuden a entender o incompleto. Olafur Eliasson falou da diverxencia entre o real e o representado ate o punto de asumir a representación como modelo, pasando así a ter dúas realidades: a real e o modelo figurado[1].
As paisaxes da mobilidade como paradigma
As estradas forman parte da paisaxe, que diría John Brinckerhoff Jackson, pero o relato creado foi mudando e agora é a paisaxe a que forma parte das estradas: percibimos aquelo polo que transitamos, a percepción é en grande parte a da paisaxe fixa, a do relato creado a priori.
Entre as representacións da realidade, a idealización da estrada é unha das asumidas socialmente con maior éxito. A translación desta idea á mobilidade lévanos a asunción de que eses modelos idealizados de estradas ou ferrocarrís pasan a ser anhelos reais dos individuos e das colectividades. A implantación dos ferrocarrís de Alta Velocidade Española son bo exemplo desa necesidade xerada por un relato interesado. Unha das prioridades da mobilidade sostible debe ser rachar con esa idealización da infraestrutura, coa necesidade de trasladar á realidade ese modelo creado.
A integración paisaxística do irreal
A integración paisaxística das infraestruturas é un aspecto esencial para acadar paisaxes de calidade. Á marxe das cuestións técnicas que permiten esa integración, hai toda unha serie de implicacións na relación vía de comunicación-paisaxe. Deste xeito a planificación de infraestruturas viarias debe ter en conta non só criterios técnicos para acomodarse á orografía, senón tamén acadar singularidade para evitar a monotonía e garantir a súa relevancia como porta de acceso ao compoñente escénico.
As vías de comunicación definen as nosas paisaxes de cada día, as paisaxes cotiás, converténdose en espazos de interacción colectiva[2]. A súa xestión debe responder a lóxicas de ben común, tanto dende o punto de vista práctico como simbólico dado que en moitos casos esas intervencións, que en principio supuxeron un impacto, terminaron por se converter en elementos con valor patrimonial. A planificación debe ter en conta intanxibles.
As estradas, os camiños ou as vías de ferrocarril son máis que simples infraestruturas, permiten a accesibilidade á paisaxe e deste xeito a percepción dos diversos valores paisaxísticos que contén o territorio. Sen interacción non hai paisaxe. O tránsito por unha vía de comunicación supón un enorme estimulo: percibimos o que vivimos. Pero nesa vivencia coexisten aspectos conscientes e outros case imperceptibles: a realidade e a realidade figurada de Eliasson, o modelo irreal.
A soberanía móbil
A través do cinema, da literatura, da publicidade, etc. a vida na estrada identifícase con liberdade. Esa visión romántica do automóbil, ten xerado un uso e un abuso do mesmo pouco recomendable dende o punto de vista ambiental até o punto de que a día de hoxe segue sendo a alternativa principal de mobilidade.
A responsabilidade da cidadanía pasa tanto pola esixencia de políticas públicas sustentables como pola asunción colectiva dunha soberanía de mobilidade que nos permita decidir a nosa maneira de desprazarnos. Para iso o primeiro paso a dar é rachar cos modelos idealizados que levan a interpretar como reais necesidades creadas. Debemos rachar as paisaxes fixas.
[1] Eliasson, O. Los modelos son reales. Barcelona: Gustavo Gili, 2009.
[2] Español Echaniz, I. (2012). Infrasctructure and landscape: roads. En Council of Europe, Landscape Facets: Reflections and Proposals for the Implementation of the European Landscape Convention, p. 53-110, 2012.
Nota sobre el autor
Fran García Fernández é historiador e creador de Territorio Raso, estudio que deseña estratexias territoriais. Colabora coa Fundación Juana de Vega e participou na redacción dos Catálogos de Paisaxe de Galicia
Para citar este artículo:
Fran García. Paisaxes móbiles, paisaxes fixas. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 19 Movilidad urbana justa. A Coruña: Crítica Urbana, julio 2021.