Por Hugo Del Valle-Inclán |
CRÍTICA URBANA N.16 |
Durante toda a súa vida Sophie Germain sufriu oposición a estudar matemáticas polo simple feito de nacer muller. Viuse forzada a estudar en segredo durante a súa mocidade, e a empregar un pseudónimo -Monsieur Le Blanc- para acceder a estudos universitarios. Porén, malia os obstáculos, Germain logrou converterse nunha gran matemática que impresionou a outras figuras prominentes do seu tempo.
Agora sabemos que debemos a Germain importantes contribucións á disciplina, pero non podemos saber que máis tería descuberto se gozase da oportunidade de recibir educación temperá e apoio social. Con todo, aínda que Germain sufriu discriminación polo seu xénero, contou cunha vantaxe da que a meirande parte da xente carece: unha familia rica. Ela non tivo que traballar, nin que dedicarse ás tarefas do fogar -ela tivo tempo, que empregou estudando.
A desigualdade de oportunidades
Considero que a vida de Sophie Germain é interesante por si mesma, pero recorro a ela neste intre para ilustrar o que entendemos por (des)igualdade de oportunidades. Este campo de investigación xurde a finais do pasado século, cando unha serie de filósofos procuraron definir un concepto de equidade que integrara tanto a preocupación por corrixir os privilexios adquiridos ó nacer, como o desexo de preservar os logros acadados a través do esforzo persoal. O resultado do seu traballo é unha teoría para clasificar sistematicamente calquera reparto como xusto ou inxusto.
Neste artigo describirei primeiro a desigualdade de oportunidades (á que de aquí en adiante referireime como DO), para despois presentar os resultados dunha investigación propia coa que logro medir a evolución da mesma en Europa cun nivel de detalle inédito.
Segundo a DO, a desigualdade é “xusta” ou “inxusta” segundo a súa orixe. Desigualdade producida por factores que as persoas poden escoller, coma o grado de esforzo ou a responsabilidade na toma de decisións, é considerada xusta. Pola contra, determínase como moralmente reprobable a desigualdade xurdida de características que non podemos controlar, tal que a cor de pel.
Evolución da desigualdade de oportunidades en Europa
Por exemplo, Germain sufriu discriminación debido ó seu xénero, algo polo que non pode ser responsabilizada. É dicir, ser muller complicoulle o proceso de converterse en matemática simplemente porque a súa sociedade establecera un rol para o seu xénero incompatible con tal prestixio. Do mesmo xeito, Germain contou con tempo para estudar matemáticas porque non precisaba traballar, grazas á posición económica da súa familia—e naturalmente tampouco tivo ningún mérito ou responsabilidade a ese respecto. En consecuencia, segundo o enfoque da DO, tanto o seu xénero coma a súa orixe socioeconómica influenciaron inxustamente a vida de Germain, o primeiro xogando unha influencia negativa e a segunda constituíndo unha vantaxe de partida. Así a todo, Sophie Germain acadou un nivel de coñecemento e prestixio (postmortem) maiores ós da meirande parte da poboación, e algo desa desigualdade é seguramente debida ó seu maior esforzo. Esta última desigualdade, producida por factores que as persoas poden escoller, é considerada xusta. Un “terreo de xogo nivelado”, que di a metáfora, é o que entendemos por igualdade de oportunidades.
Cabe comentar unha confusión frecuente que leva a equiparar meritocracia e igualdade de oportunidades, cando en realidade deberían contrastarse. Meritocracia, termo proposto a mediados do século XX polo sociólogo Michael Young para describir unha indesexable orde social, tornouse unha noción positiva nas últimas décadas. Actualmente emprégase para describir sociedades ou organizacións nas que os seus membros acadan o éxito grazas as súas habilidades, non polos seus cartos ou posición. Esta definición, que a primeira vista pode resultar semellante á da igualdade de oportunidades, diferénciase daquela no factor crucial de como foron adquiridas esas habilidades.
Baste un exemplo: unha economía na que persoas de familia acomodada reciben educación de alta calidade e salarios en consecuencia, mentres xente de orixe humilde non ten acceso á mesma calidade educativa e debe aceptar traballos peor remunerados, sería unha economía meritocrática. Pola contra, para que exista igualdade de oportunidades a sociedade ó completo debe ter igual acceso á adquisición de habilidades, con tódolos recursos que iso implica.
A importancia da herdanza
A DO é un concepto de xustiza distributiva que está captando moita atención nos círculos académicos, políticos e periodísticos, mais sufre numerosos problemas. Un especialmente destacado é a difícil aplicación empírica deste enfoque (isto é, como medir a DO na práctica), porque require contar con moitos datos. No que resta de artigo presentarei unha investigación coa que trato de aliviar a severa escaseza de información relativa á orixe socioeconómica dos individuos.
Son moitos os factores que estando fóra do noso control poder influír nas nosas perspectivas de éxito económico-é dicir, as características causantes da desigualdade “inxusta”. No que vai de texto destacamos o xénero, a raza e o berce, pero hai máis e todos son importantes. Sen querer restar relevancia ó resto, a continuación centrareime nos privilexios do berce, ou orixe socioeconómica, dado que os datos deste tipo son particularmente escasos.
É un feito ben coñecido que a familia inflúe na carreira educativa e profesional. Para ter en conta esta dimensión, que non podemos medir directamente, en análise de datos empréganse os chamados proxies, que son variables cuantificables estreitamente relacionadas coa variable (non cuantificable) que realmente queremos observar. Pois ben, os proxies da orixe socioeconómica comunmente empregados son a educación e ocupación laboral das proxenitoras. Por suposto estes proxies non son ideais, pois non miden perfectamente o transfondo familiar senón só unha parte. Non obstante é frecuente considerar que son suficientemente bos. O problema non está polo tanto na súa fiabilidade, senón na dispoñibilidade: son tan escasos que se queremos considerar a orixe socioeconómica ó medir a DO temos que resignarnos a calculala só nuns poucos momentos temporais. Por exemplo, dada a escaseza destes datos, a medición máis recente da DO en España data do 2010, fai xa unha década.
Nunha investigación recente propoño usar un proxy alternativo que conta ca vantaxe de ser moi abundante: os ingresos de capitais. Este enfoque aproveita o que en economía coñécese como persistencia interxeneracional da riqueza, é dicir, que as fillas de fogares ricos tenden a ser, na súa adultez, ricas tamén. Os mecanismos implicados no proceso son múltiples e traspasan o alcance deste artigo, mais baste entendelos como a herdanza nun sentido amplo.
Grazas á notablemente meirande dispoñibilidade de datos relativos ós ingresos de capitais (comparada coa dos relativos á educación e ocupación das proxenitoras) podemos medir a DO con maior detalle do que era posible previamente. A gráfica 1 mostra un dos resultados da miña investigación, que permite analizar a evolución da DO en Europa durante gran parte das últimas dúas décadas.
Antes de empregar o método dos ingresos de capitais para estimar a DO foi realizada unha extensa análise da súa fiabilidade, con resultados satisfactorios. A alta precisión do método suxire que os ingresos de capitais dos individuos están en efecto estreitamente relacionados coa súa orixe socioeconómica, e consecuentemente, que a herdanza amplamente entendida pesa máis que o esforzo persoal na adquisición de riqueza.
A igualdade de oportunidades está lonxe de ser unha realidade incluso nas relativamente equitativas economías europeas-aínda que o progreso é posible, como mostra a Gráfica 1 (véxase por exemplo Portugal). Algunhas das políticas propostas para avanzar neste terreo inclúen garderías de balde, redución das desigualdades de acceso ó sistema educativo (mediante bolsas, cotas, etc.), potenciar os impostos de sucesións e patrimonio, e a transferencia dunha contía de capital a cada cidadán ó acadar a maioría de idade.
Semella razoable pensar que hoxe en día Sophie Germain non o tería tan complicado para chegar a matemática. Pero tamén que debido á inxustiza distributiva perdemos moitas figuras que, como ela, poderían desenvolverse mellor de ter a oportunidade-e se as perdemos a elas perdemos tamén as súas contribucións ó desenvolvemento. En resumo, ca igualdade de oportunidades xogámonos moito: a xustiza e a economía.
Nota sobre el autor
Hugo del Valle-Inclán Cruces, profesor da Universidade de Vigo. A súa investigación está centrada na desigualdade económica, de xénero e nas teorías de xustiza distributiva. Emprega Twitter co nome de @hugobaltasar
Para citar este artículo:
Hugo Del Valle-Inclán. Privilexios do berce. De como a herdanza pesa máis que o esforzo. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 16 No Discriminación A Coruña: Crítica Urbana, enero 2021.