Por Iago Lestegás|
CRÍTICA URBANA N.10
|
A partir dos anos sesenta do século pasado, o desmantelamento da economía precapitalista de base labrega e mariñeira galega e a constitución dunha nova sociedade de consumo tiveron como corolario a destrución do modelo de asentamento tradicional.
En ausencia de planeamento efectivo e vontade ordenadora, a substitución do valor de uso polo valor de cambio como elemento rexedor dos usos do solo provocou a proliferación sobre terreos anteriormente agrícolas de edificacións illadas e desconexas dos asentamentos consolidados, materializándose nuns tecidos urbanos e suburbanos cada vez máis desordenados e fragmentados[1]. Esta desfiguración do hábitat tradicional galego —e das tipoloxías construtivas populares a el vencelladas— resulta especialmente evidente ao longo da costa, masiva e caoticamente urbanizada en moitos dos seus tramos durante as últimas décadas. Esta realidade contrasta coa imaxe de terra virxe —ou paisaxe inocente[2], en palabras de Miguel-Anxo Murado— que en España se adoita ter de Galiza, fundamentada en mitos de outrora e consolidada en tempos máis recentes a través de numerosas campañas institucionais de promoción turística.
A demolición da orde socioeconómica histórica galega comezou co desarrollismo franquista —que se estendeu entre o Plan de Estabilización de 1959 e a crise internacional do petróleo de 1973— e consolidouse no período de modernización aberto tras a incorporación de España á Comunidade Económica Europea en 1986. Após a creación da Unión Económica e Monetaria en 1992, o fluxo masivo de crédito transnacional a baixos tipos de xuro cara á economía española sería absorbido en gran medida polo sector da construción e polas actividades inmobiliarias, consolidando un modelo de crecemento e especialización económica nado no franquismo que colapsaría en 2008 con consecuencias devastadoras para os fogares —sobreendebedamento e desemprego—, para o medio ambiente —artificialización masiva do solo e crecemento suburbano descontinuo— e para a estrutura económica —monofuncionalidade e dependencia financeira—. Se ben a dispoñibilidade de crédito abondoso e barato foi condición necesaria para o extraordinario dinamismo inmobiliario experimentado nos anos anteriores á crise, non tería sido suficiente sen a existencia dun marco legal favorable á especulación que colocou a planificación urbana e territorial ao servizo do tándem turístico-inmobiliario —coa Lei do Solo de 1998 como máximo expoñente— e dun sistema que promoveu a concesión de licenzas urbanísticas como vía de captación de recursos económicos por parte dos concellos.
Un dos legados máis visibles deste modelo de crecemento económico dependente do turismo, da construción e do inmobiliario é o sobredimensionamento do parque residencial galego e a enorme cantidade de vivendas infrautilizadas que este inclúe. En 2011 —tres anos despois do colapso financeiro global— había en Galiza 857.324 vivendas familiares máis que en 1970, pero só 189.254 habitantes máis. Mentres o parque residencial galego medrou un 115% durante esas catro décadas, a poboación só o fixo un 7%. Das 1.605.481 vivendas contabilizadas no censo de poboación e vivendas de 2011, 246.852 eran secundarias e 299.396 estaban baleiras: o 15,4% e 18,6% do total respectivamente[3]. Ao longo do litoral galego a infrautilización do parque residencial froito do amplo desfase entre as dinámicas inmobiliaria e demográfica das últimas décadas adquire magnitudes especialmente notables, como evidencian os datos censuais dispoñibles para seis concellos pertencentes a tres comarcas costeiras: Barreiros e Foz na comarca da Mariña, no litoral cantábrico; Laxe e Malpica na comarca de Bergantiños, na Costa da Morte; e O Grove e Sanxenxo na comarca do Salnés, nas Rías Baixas.
Destes seis concellos, tres experimentaron un declive demográfico entre 1970 e 2011: Barreiros e Malpica perderon o 25% da súa poboación, mentres Laxe perdeu o 6%. Malia isto, os tres ampliaron notablemente o seu parque residencial durante este período: en Barreiros o número de vivendas medrou un 259%, en Malpica un 110% e en Laxe un 216%. En 2011 Barreiros tiña 1.031 habitantes menos e 3.416 vivendas máis que en 1970, Malpica tiña 2.064 habitantes menos e 2.522 vivendas máis, e Laxe tiña 216 habitantes menos e 1.915 vivendas máis. Este notable desfase entre as dinámicas demográfica e inmobiliaria materializouse nun amplo stock residencial infrautilizado nestes tres concellos da costa galega: en 2011, as vivendas secundarias e baleiras representaban o 75% do total en Barreiros e o 55% en Malpica e en Laxe[4].
A dinámica demográfica foi diferente neste período en Sanxenxo, O Grove e Foz, concellos que experimentaron incrementos de poboación do 49%, 32% e 20% respectivamente entre 1970 e 2011. Non obstante, o crecemento do parque residencial adquiriu unha magnitude moi superior nos tres casos: o número de vivendas medrou un 346% en Sanxenxo, un 204% no Grove e un 293% en Foz. Entre 1970 e 2011 Sanxenxo gañou 5.756 habitantes e 13.103 vivendas, O Grove gañou 2.728 habitantes e 5.228 vivendas, e Foz gañou 1.688 habitantes e 7.565 vivendas. Isto materializouse nunha igualmente notable infrautilización do parque residencial nestes tres concellos costeiros con dinámicas poboacionais positivas: en 2011, as vivendas secundarias e baleiras representaban o 65% do total en Sanxenxo, o 49% no Grove e o 63% en Foz[5].
A herdanza de case medio século de actividade inmobiliaria centrada na construción de segundas vivendas nestes concellos da costa galega é unha paisaxe de persianas baixas, rúas desertas e locais pechados durante a maior parte do ano. Foz e Barreiros, enclaves turísticos estivais da costa cantábrica especialmente afectados polo boom inmobiliario que colapsou coa crise financeira global en 2008, saíron da burbulla con máis vivendas que habitantes: o último censo contabilizou 10.146 vivendas e 9.962 habitantes en Foz, e 4.736 vivendas e 3.134 habitantes en Barreiros[6]. A realidade nestes e en moitos outros concellos costeiros galegos é similar á descrita por Dakidarría no retrouso do seu tema Non se vende: “casas coas persianas baixas, que sempre están pechadas, semella unha vila pantasma”. Aquí e acolá ao longo do litoral galego, o modelo especulativo de desenvolvemento económico e inmobiliario dependente do monocultivo de turismo estival materializouse nunha ampla colección de edificios abandonados sen rematar e milleiros de pisos en primeira liña de praia que os veraneantes abren só unhas semanas cada ano.
_______
[1] CAAMAÑO SUÁREZ, M. (2006): Sobre o fenómeno do ‘feísmo’ na Galicia rural, en A. Pérez Rodríguez e X. Paz (coord.), Feísmo? Destruír un país, Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense, pp. 175-178; CONSTENLA VEGA, X. (2018): O colapso territorial en Galiza, Galaxia, Vigo.
[2] MURADO, M. A. (2016): Outra idea de Galicia. Debate, Barcelona.
[3] CENTRO DE INFORMACIÓN ESTATÍSTICA DE GALICIA (1986): Galicia en cifras, Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela; INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA (2012): Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade (16/11/2019); INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA (2014): Vivendas por municipios segundo o tipo de vivenda (16/11/2019).
[4] Ibíd.
[5] Ibíd.
[6] INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA (2012): Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade (16/11/2019); INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA (2014): Vivendas por municipios segundo o tipo de vivenda (16/11/2019).
Nota sobre el autor
Iago Lestegás. Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid. Doutor en rexeneración urbana e desenvolvemento económico pola Universidade Mediterránea de Reggio Calabria. Investigador e consultor de calidade urbana. (Twitter: @iagolestegas).
Para citar este artículo: Iago Lestegás. As persianas baixas. Turismo estival e especulación inmobiliaria na costa galega. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.3 núm.10 Qué turismo. A Coruña: Crítica Urbana, Enero 2020. |