Por Cristina Botana Iglesias; Fernando Pérez Barral |
CRÍTICA URBANA N. 31 |
Ao falar da memoria colonial do pobo galego remitímonos á memoria impresa naquelas fotografías de multitudes carregando bultos nos peiraos das cidades portuarias galegas. Memoria construída ao redor de álbumes de devanceiros dos que se conta que marcharon, que moitos voltaron e, moi poucas veces, como o fixeron ou os detalles da súa experiencia.
Prevalece o relato do triunfo, do progreso, materializado en construcións con estilo propio que seguimos a chamar indiano; edificios que, ca súa presenza, prometen que os galegos poden sobrepoñerse á pobreza endémica da súa terra traballando a reo, aínda que teñan que deixar atrás o arraigo, a familia, a memoria e ata a lingua.
Esta é unha das memorias coloniais galegas, a que se constituíu como Historia: a memoria construída no exilio forzoso dunha Galiza pobre. Porén, que outras experiencias e memorias estamos deixando atrás? Como apuntou Brigitte Vasallo, este relato esquiva as preguntas sobre como Galiza foi e está a ser empobrecida, impoñendo ó mesmo tempo esa idea da pobreza sustancial, natural ao pobo galego que só pode “progresar” fóra de si mesmo, na migración. Esta vergoña da fame, que perdura, é un elemento esencial para constituir Galiza como colonia ao interior do Estado español, mais tamén como excusa tras a que non nos recoñecer xeradores de colonialidade.

Imaxe dun dos encontros na Fundación Luis Seoane. Fonte: Fran Quiroga
A configuración dos procesos emancipatorios e soberanistas na Galiza partiu, precisamente, da conceptualización de sermos unha nación sen soberanía, cooptada por un estado, outrora imperial, que organiza non só os seus recursos, tamén as políticas e a memoria dacordo cos seus propios intereses, subordinando a todas as identidades nas marxes dunha idea monolítica de españolidade. Os movementos soberanistas, desde finais do século XIX, explican e confrontan estas lóxicas de expropiación como dimensións da colonialidade no interior dos propios imperios.
As ferramentas do pensamento crítico decolonial e dos movementos de liberación colonial xurdidos no Sur Global foron imprescindibles na construción teórica e práctica dos movementos soberanistas en España, non só do galego, tamén do vasco, o catalán, o andaluz ou o canario, por exemplo. En moitos aspectos, a galeguidade como identidade propia constituíuse en oposición á españolidade, reclamando espazos, relatos e símbolos sobre os que idear a súa emancipación. No momento actual, onde convive o cuestionamento e a vindicación das identidades como un pulso deconstrutor e construtor simultáneo, somos capaces de reflexionar sobre como as formas hexemónicas da galeguidade poden resultar tan estreitas coma as da españolidade, replicando moitas das estruturas de exclusión das que loitamos por nos liberar.
Esta inquedanza pasa por descolonizarnos non só da idea de identidade galega, tamén descolonizar a memoria e a construción social e política da Galiza, para o que será imprescindible que fagamos antes un exercicio de inspección das colonialidades internas e externas exercidas desde a nosa nación. Así, temos que facer un esforzo de contextualización cando falemos da memoria colonial do pobo galego, xa que existen partes dela que son invisibles ao sentir xeral da galeguidade, que doen e incomodan, que non teñen monumentos nin recoñecementos.
O grupo de estudos Galiza e o decolonialismo como impulso dun novo rebulir
En 2022, o curador e activista Fran Quiroga impulsou un grupo de estudos que levaba por nome Galiza e o decolonialismo e que deu forma a un desexo que moitas compartiamos, unha demanda social por abrir novos espazos de pensamento crítico, de reflexión e mesmo de produción de epistemoloxías. Os encontros deste grupo tiveron lugar na cidade de A Coruña, nos espazos dun centro de divulgación artística: a Fundación Luis Seoane. O feito de ter colocado as sesións do grupo de estudos nun centro de arte, no canto dun espazo académico ou universitario, non é casual. Aínda que ás veces parecemos esquecelo, as universidades non son, nin moito menos, os únicos espazos lexitimados para producir coñecementos. Tampouco somos as universitarias e académicas os únicos suxeitos produtores e salvagardas do saber. A arte posúe un enorme potencial na necesaria transformación dos modos en que xeramos saberes, nos representamos e representamos o mundo.
Ao longo dese ano 2022, as dez persoas seleccionadas para ser parte deste espazo tivemos a oportunidade de asistir a unha serie de encontros públicos coa presenza de referentes do pensamento crítico como o sociólogo Ramón Grosfoguel, o historiador Xosé Manuel Nuñez Seixas, a escritora e activista Brigitte Vasallo, a artista e performer Artemisa Semedo, a antropóloga Mafe Moscoso, a artista Lucía Egaña, a filóloga e académica Helena Miguélez, as sociólogas e tamén académicas Antía Pérez e Keina Espiñeira, a curadora Agar Ledo e a música Mercedes Peón.
Algunhas das preguntas que sustentaron as conversas xiraron en torno ao pasado colonial da Galiza, ás partes da historia que aínda quedan por facer, ás memorias por incorporar ou como estas atravesan a configuración das identidades galegas contemporáneas. É dicir, como se relaciona o noso pasado colonial cos procesos soberanistas galegos e como estes se relacionan cos movementos emancipatorios do Sur Global?
Galiza e o decolonialismo
Como remate e recompilación das reflexións xeradas neste grupo, a publicación do libro Galiza e o decolonialismo aparece como un dispositivo lanzadeira que nos permite ampliar moitas das preguntas que removen a nosa identidade como territorio, como nación sen estado, como memoria. A través dos escritos de 18 autorías, incluíndo ás relatoras e ás participantes do grupo de estudos, pensamos colectivamente sobre as formas das colonialidades, os racismos e os falsos mitos que nos atravesan e nos constitúen hoxe. En palabrasdo propio Fran Quiroga:
Un conxunto de textos que ollan como o decolonialismo atravesa os modos de entender Galiza como suxeito político, con todo o que iso supón, non só como aspiración emancipatoria, senón tamén o modo de ler as tradición, as xenealoxías, do noso pasado e presente migrante, do cruce, da violencia das migracións; en definitiva, aspira a converterse nunha semente de axenciamento colectivo que nos abra estratexias estéticas, éticas e políticas para ese futuro por vir.
“Blanquear, blanquear, y hacernos respetar”.
Palabras de José Antonio Saco, sociólogo e historiador cubano,
nunha carta dirixida ao Marqués de Móntelo en 1835.
A nosa aportación a esta publicación pretendeu contribuir a este exercicio pendente de colocar nas conversas o recoñecemento das colonialidades exercidas desde a nosa propia experiencia colonial, ou ás sombras nos relatos do indiano que aínda sustentan a autoestima dunha terra empobrecida e inferiorizada. No texto achegamos unha mirada crítica sobre este relato e sobre a presenza galega en Cuba a través dun artefacto simbólico, e aínda poderoso, como é o Centro Gallego na Habana; un edificio que todavía hoxe representa o mito do progreso indiano sobre aquela vergoña da fame. O Palacio Social do Centro Galego da Habana, baixo o lema “por Galicia, para Galicia”, tamén representou unha sociedade pechada para moitas mulleres galegas migradas, un lugar de oposición activa á independencia cubana e de apoio á administración estadounidense e, tamén, foi sinónimo da Metrópole colonial e do silenciamiento de cuestións como o traslado do traballo escravo desde os corpos negros cara os corpos de galegos empobrecidos.
Tal e como describiu Consuelo Naranjo no seu traballo Los trabajos y los días: colonos gallegos en Cuba en el siglo XIX (1999), a mediados do século XIX, coa abolición formal da escravitude por parte da maioría dos imperios europeos, deseñáronse multitude de incentivos para a importación de man de obra branca que permitise manter o réxime de beneficios das plantacións. En España, o mandato foi buscar man de obra barata da zona septentrional, imaxinada como traballadora e sumisa. Así, a chegada de migración galega a Cuba tiña unha intencionalidade explícita de desprazar á poboación negra, defender e rehispanizar a colonia frente á emerxente sociedade crioula.
Atopamos aquí un bo exemplo da doble colonialidade, xa que a poboación galega inferiorizada foi enviada como escrava ás plantacións dos facendados españois -tamén galegos enriquecidos-, unha estratexia para manter o poder colonial en Cuba e branquear a sociedade cubana por temor a que a poboación afrodescendiente chegase a disputar o poder na illa. Na novela Azucre de Bibiana Candía, publicada en 2021, a autora relata a experiencia dos homes e mulleres rurais galegos recrutados e enganados polo fidalgo ourensano e administrador de plantacións azucreiras e cafetais, Urbano Feijoo de Sotomayor, que enviou a Cuba máis de 1700 galegos como man de obra escrava. Na experiencia colonial galega en Cuba fomos a un tempo amos e escravos, colonos e colonizados. Máis nesta complexidade, cómpre evitar a tentación de comparar ou equiparar as experiencias, loitas e violencias. Asumir esta doble colonialidade non significa que sexan intercambiables, unha tensión que nos conduce, por veces, á cegueira. Necesitamos incorporar as memorias que nos obrigan a recoñecer a débeda existencial cos pobos expropiados, coas migrantes que voltaron e coas xentes que se quedaron, escoitar aquelas outras que chegaron e seguen a chegar ou as que levan séculos silenciadas.
Descolonización e soberanía: Corpo, territorio, nación
Coa intención de dar continuidade a esta necesidade de reimaxinar futuros e subxectividades posibles no territorio galego e repensar os procesos extensos da colonialidade, estamos a organizar unha nova escola decolonial na Galiza, prevista para os días 25, 26 e 27 de xuño deste ano 2024, na cidade de A Coruña. A escola leva por título: Descolonización y soberanía: Cuerpo, territorio, nación e pode consultarse a información relacionadana web: https://galiza.dialogoglobal.com/
Este proxecto xurde dese interese por reflexionar colectivamente sobre o entrecruzamento entre os procesos extensos da colonialidade e a nosa propia identidade galega.
A aplicación parcial dalgúns dos conceptos do pensamento crítico decolonial para comprender a posicionalidade da Galiza con respecto ao Estado español e a Europa ten mostrado puntos cegos que nos impiden recoñecernos a nós mesmas como produtoras de colonialidade, alén de como pobo colonizado ao interior de España.
A galeguidade mutante que imaxinamos implica asomarnos ao dimorfismo existencial que supón ser a un tempo centro e periferia, oprimido e opresor, produto e produtor da colonialidade. Os saberes necesarios para esta viaxe epistémica están nas memorias migrantes, nos corpos propios e nos que consideramos alleos. Para acceder a elas temos que ollar cara todas esas compoñentes encubertas polo relato, descolonizar á galeguidade e os seus procesos de autonomía, descolonizar Galiza.

Editor: Fran Quiroga
Autorías: Cristina Botana, Emilio V. Carral, Leticia Couto, Lucía Egaña, Keina Espiñeira, Ramón Grosfoguel, Serxia Laxe, Agar Ledo, Mafe Moscoso, María Novas Ferradás, Xosé M. Núñez Seixas, Mercedes Peón, Antía Pérez Caramés, Fernando Pérez, Pablo Pesado, Fran Quiroga, Artemisa Semedo, Brigitte Vasallo
Edicion Fundación Luis Seoane. Marzo 2023
Nota sobre la autora y el autor
Cristina Botana é doctora arquitecta pola UDC e máster en Ciudad y Urbanismo pola UOC, coa especialidade de Políticas públicas y Derecho a la ciudad. Desenvolve a súa investigación sobre a segregación urbana e os asentamentos precarios en relación ao modelo urbano hexemónico. Comprometida co dereito ao hábitat desde unha visión feminista e antirracista. Colabora en diversos espazos de acción-investigación urbana e é membro do equipo asesor de Crítica Urbana.
Fernando Pérez Barral é, actualmente, estudante no Grao de Historia do Arte pola UNED. Membro fundador do Colectivo Anomias de investigación-acción, é investigador independente sobre a historia das ideas relixiosas, a cultura visual e representacións do poder. Ten participado en espazos culturais sobre o decolonialismo e a filosofía da liberación.
Para citar este artículo:
Cristina Botana Iglesias; Fernando Pérez Barral. A memoria colonial na identidade galega. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 7, núm. 31, Galicia. Conflictos socioambientales. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2024.