Por Lucía A. Anido |
CRÍTICA URBANA N. 31 |
Lugo é unha capital de provincia na Galiza que conta con tres bens catalogados Patrimonio da Humanidade: a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo, motivo polo que cada ano recibe un maior número de visitantes. Menos coñecido é o feito de que é a única cidade en toda a Península Ibérica dentro dunha Reserva da Biosfera, neste caso a Reserva da Biosfera Terras do Miño. E é que o trazado da cidade débese en gran medida aos cursos fluviais e os vales que a delimitan.
O río Miño traza sinuoso o seu percorrido pola cidade dende o noroeste ata o sur, acubillando unha grande cantidade de especies, algunhas delas ameazadas, como o mexillón de río, o fento de río ou a lontra, así como máis de 60 especies de aves citadas na contorna. Ademais do grande valor ambiental, existen multitude de caneiros ao longo do seu trazado que lle confiren un gran valor patrimonial asociado ao curso fluvial.
Dende a cara norleste chega o río Fervedoira, que conecta co río Rato ao leste da cidade, para desembocar ao sur no parque da Tolda no río Miño. O val do río Rato está conformado por unha gran masa de bosque autóctono maduro, na meirande parte carballos e rebolos, e que ten como eixe o Paseo do río Rato, un parque periurbano altamente concorrido pola veciñanza de Lugo, que conta cunha gran rede de corredoiras que conectan a cidade co paseo, e o paseo cos núcleos rurais de Castelo, Bosende e Barbaín, permeándose pouco a pouco o urbano no rural e o rural no urbano. A zona aínda conserva en bo estado unha gran cantidade de muros de pedra de diferentes tipoloxías, sendo os máis característicos da zona os chantos reforzados con cachotaría a xunta seca.
Ademais, asociados aos muros existen elementos singulares como os chamados “pasadoiros”, que son “beirarrúas” de pedra ao pé dos muros en zonas húmidas dos camiños. A arte de construír en pedra seca en zonas rurais, practicamente extinta, está catalogada como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.
O Val do Rato recóllese no proxecto de Estratexia Galega de Infraestrutura Verde coma unha zona chave para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos indispensables para as habitantes de Lugo, que redundan no aumento da súa calidade de vida. É unha infraestrutura verde que mellora a calidade do aire da cidade; a gran masa arbórea prevén ademais corrementos de terras ou inundacións durante os episodios de fortes choivas, cada vez máis habituais; serve de corredor e refuxio para múltiples especies e os bosques maduros aportan á zona unha grande diversidade micolóxica.
Pese a o alto valor ambiental e cultural da zona, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, promove o proxecto da Rolda Leste, o que supón a destrución directa de case dúas hectáreas de fraga madura do val do Rato. É importante sinalar que a Deputación de Lugo fixo un gran investimento para a adquisición da meirande parte das parcelas que conforman o val do Rato, co obxectivo de crear un gran cinto verde na cidade de Lugo, e que agora vese ameazado por este proxecto.
Malia que o val do río Rato está protexido polo Plan Especial de Protección do Río Miño (PEPRIM) do ano 1998, e que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) non se someteu a unha avaliación ambiental estratéxica, entre outras razóns, por contar co PEPRIM, no PXOM aparece grafada a Rolda Leste sen ter en conta a protección do PEPRIM.
En decembro de 2003 saíu a exposición pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da terceira rolda de Lugo (rolda leste), que contou cunha Declaración de Impacto Ambiental Favorábel de xaneiro do 2005. Deste proxecto foi executada unha primeira fase, e é agora, en marzo do 2023, cando saíu a exposición pública o proxecto de trazado de actualización do proxecto da rolda leste de Lugo, treito II.
Á falta de garantía ambiental do PXOM hai que sumarlle que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, daba por válida para este novo proxecto a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2005, é dicir, de hai 18 anos, argumentando que parte do proxecto xa foi executado, e pese a que o novo proxecto contiña modificacións substanciais con respecto do anterior, como a substitución do viaduto sobre o Rego Samai por un terraplén de 23 m de altura. Finalmente, en outubro de 2023 a Xunta de Galicia vén de comunicar que someterá, non sen tempo, o proxecto ao procedemento de Avaliación Ambiental.
O proxecto consiste na segunda fase da Rolda Leste, unha autovía urbana de dobre carril con mediana, de 2,8 km de lonxitude, que conectaría a primeira fase xa construída da circunvalación que dá servizo ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) coa N-VI. Contaría cun viaduto sobre o río Rato, e un terraplén de 23 m de altura sobre o Rego Samai. O punto de entronque da autoestrada coa N-VI proxéctase na rotonda da Tolda, lugar próximo á desembocadura do río Rato no río Miño. O trazado proposto discorrería paralelo á Autovía do Noroeste (A-6), que xa conta con accesos á cidade e ao HULA, e polo tanto, non aporta nada novo á cidade. Ademais, entre ambas infraestruturas quedarían recluídos os núcleos rurais de Barbaín e Bosende, que sufrirían un aumento dos niveis de ruído e contaminación atmosférica asociada ao tráfico.
As administracións autonómica e local afirman que esta autovía vai desconxestionar vías urbanas como a Ronda de Fontiñas ou o Paseo do Rato, sen aportar un estudo técnico que avale tales afirmacións, é mais, contrariando as recomendacións do Plan de Mobilidade que o Concello de Lugo encargou á Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona no ano 2009, no que se indica que os problemas de mobilidade existentes na cidade, terían que solucionarse en orixe, equilibrados, e con solucións que non precisen consumir aínda máis solo. O documento estaba baseado no PXOM, e polo tanto incluía a Rolda Leste como unha vía en servizo. Este plan nunca se chegou a desenvolver.
Unha das reclamas que realizamos dende ADEGA é que antes de executar un proxecto de tal magnitude, se realice un estudo de mobilidade que determine cales son as necesidades reais de comunicación viaria da cidade de Lugo e do seu entorno rural para axeitalas a un plan de mobilidade sustentábel, que sexa realista e austero, favorecendo a conexión da cidade cun medio rural vivo e respectuoso coa contorna, e que lle dea maior relevancia ao transporte público e colectivo.
Tal e como está concibido, este proxecto suporía un navallazo ao val do río Rato e a destrución dos seus valores ambientais e da calidade paisaxística tal e como hoxe a coñecemos. A meirande parte dos camiños tradicionais quedarían anulados e substituídos nalgúns casos, non en todos, por pasos e vías de servizo paralelas ao trazado da vía, o que destruiría totalmente a utilidade e historia dos camiños tradicionais. Entre os camiños afectados tamén están a Vía Romana XIX así como a Vía Künig ao seu paso por Lugo.
Unha vez que saíu a exposición pública o proxecto (cun prazo de tan só 30 días hábiles para revisar un proxecto técnico de gran complexidade), contactamos con diferentes asociacións ambientais e veciñais que se amosaron preocupadas ante este proxecto. Sabendo do pouco tempo que tiñamos e que esta zona é de grande valor pero descoñecida por unha gran parte da poboación, dende ADEGA lanzamos a campaña “Salvemos o pulmón verde de Lugo”: roteiros, mesas redondas, e unha descuberta de biodiversidade foron as propostas para dar a coñecer á veciñanza o proxecto, o valor ambiental e patrimonial da zona, así como a valoración do proxecto por persoas expertas. Estas mesas redondas foron grabadas e emitidas en directo a través da canle de YouTube de ADEGA.
Fixemos varios roteiros pola zona, o primeiro seguindo o trazado da Rolda, e outro, uns meses máis tarde, en colaboración co CS Mádia Leva, adicado aos muros a xunta seca ameazados por esta infraestrutura.
Creouse a plataforma Salvemos o Val do Río Rato con asociacións veciñais, ambientais, culturais, partidos políticos e outros colectivos da cidade de Lugo, e que serviu para impulsar a campaña de recollida de sinaturas no portal Change.org baixo o título “Salvemos o Val do Río Rato (pulmón verde de Lugo). Non a rolda leste” coa que conseguimos acadar nuns 2 meses algo máis de 3500 sinaturas. Acompañamos a recollida de sinaturas coa edición dun panfleto informativo que repartimos nalgúns puntos da cidade. Ademais as asociacións veciñais organizaron unha foliada no lugar de Reque, un espazo de permacultura situado no río Rato. A meirande parte das actividades desenvolvéronse durante o prazo de exposición pública do proxecto.
Para a elaboración das alegacións contamos con persoas expertas en diferentes eidos: biodiversidade, paisaxe, urbanismo e augas. Fixemos un traballo de campo percorrendo cada unha das parcelas afectadas polo proxecto, contactando coa veciñanza, e inventariando todos os muros a xunta seca que quedarían destruídos por esta infraestrutura. Estimamos nuns 5 km os metros lineais de muros a xunta seca que quedarían destruídos. Unha grande parte dos muros inventariados son funcionais e están ben conservados.
Agora comeza unha nova etapa coa tramitación ambiental do proxecto. Pese a que isto é algo que era necesario, pois ata o de agora, a forma en que foi tramitado supuxo un desprezo total á cidadanía primeiro, e á protección do medioambiente despois, non vai cambiar o feito de que este proxecto é innecesario e non está xustificado, supón a duplicidade de infraestruturas e vai destruír unha zona de alto valor ambiental e cultural que aporta grandes servizos ecosistémicos á cidade, e que non vai supoñer unha mellora na calidade de vida das persoas. Supón o illamento dos núcleos de Barbaín e Bosende e o peche dun cinto gris arredor da cidade e, por tanto, eliminando os últimos camiños tradicionais que crean a unión do rural e o urbano. En definitiva este proxecto non vai mellorar a calidade de vida na cidadanía de Lugo.
Para firmar el manifiesto Salvemos o Val do Río Rato (pulmón verde de Lugo) NON Á ROLDA LESTE
Playlist de las tres mesas redondas
Nota sobre a autora
Lucía A. Anido. Son enxeñeira ambiental e traballo na delegación de Lugo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) dende o ano 2019. Alén do traballo en ADEGA, participo activamente en varios colectivos da cidade, como o Banco de Tempo ou o CSA a Hedreira.
Para citar este artículo:
Lucía A. Anido. A rolda leste, un navallazo ao cinto verde de Lugo. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 7, núm. 31, Galicia. Conflictos socioambientales. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2024.