Por Cristina Botana; María Novas |
CRÍTICA URBANA N. 31 |
A finais de setembro de 2023, publicouse o número especial da revista Astrágalo editado por Zaida Muxí e Josep Maria Montaner, centrado nas cidades, xénero e coidados, baseándose no ecofeminismo como filosofía e acción para abordar a crise climática e dos coidados.
Partindo da idea de valorizar as prácticas ecofeministas próximas a nós mesmas, decidimos comezar a reflexionar sobre os espazos destinados á produción de alimentos para o consumo local na agricultura familiar galega, mantidos por moitas persoas maiores —a maioría delas, mulleres—. Deste xeito, e coa axuda chave de persoas achegadas, documentamos non só as súas historias de vida e lugares de traballo, senón tamén o seu coñecemento situado, herdado a través do vínculo labrego, por varias xeracións.
Galicia, prácticas espaciais ecofeministas aínda por (re)coñecer
Baixo o título “Ecoproductoras Invisibles. Espacios de la agricultura familiar gallega para el autoconsumo de proximidad”, neste artigo presentamos unha investigación exploratoria que comeza por expoñer o problema: en Galicia, moitos fogares das cidades abastécense de produtos de orixe animal e vexetal grazas aos espazos da agricultura familiar para o consumo propio de proximidade. Sen embargo, estas prácticas espaciais non se contabilizan nin se contemplan, nin son moitas das veces consideradas parte do territorio que abranguen as cidades ou do tecido urbano.
Esta cuestión ten especial relevancia no contexto galego, ante a falta dunha formalización do coñecemento que parta dos lugares comunmente denominados como “rurais” ou “rurbanos”, e o enfoque de moitas das perspectivas do urbanismo feminista producido no estado, que tenden a centrarse nas áreas definidas como urbanas polo planeamento. Este traballo pretende ampliar estes marcos de pensamento e contribuír a expandir a mirada, buscando reparar a débeda histórica que a nosa xeración ten con moitas das produtoras ecolóxicas de ascendencia labrega que os manteñen, invisibilizadas e penalizadas por un sistema que non valoriza a importancia esencial da súa labor.
En Galicia, a superficie adicada ás hortas familiares para o autoconsumo representa o 52,5% (ESRC, 2022) da superficie cultivada para alimentos. No extenso estudo realizado por Emilio Carral e Xoan Carlos Carreira en 2014, publicado co título O pequeno é grande: A agricultura familiar como alternativa, os autores estimaron que as hortas familiares suplirían, alomenos, a metade do consumo interno de hortalizas, satisfacendo “as necesidades alimentarias non só da poboación que vive en zonas rurais, senón tamén unha parte substancial da sociedade urbana” sen que este dato contabilice no PIB. Os territorios que nos alimentan compoñen unha parte esencial das nosas ecodependencias, tal e como ten apuntado o xeógrafo Bruno Latour: “dime de que vives e direiche ata onde se estende o teu territorio de vida”. Mais cando pensamos na nosa propia territorialidade tendemos a considerar só o lugar no que vivimos, esquecendo todos aqueles lugares dos que vivimos. Neste sentido, imprescindibles autoras como Yayo Herrero revélannos como a nosa sociedade do crecemento ilimitado ten creado un benestar ilusorio no que as consecuencias negativas do modelo de produción capitalista e patriarcal non resta nos cómputos económicos, mentres que os traballos de reprodución social ou as contribucións dos ecosistemas ao equilibrio ambiental, sendo imprescindibles para a reprodución da vida, non suman en ningures.
Ademais, as pequenas producións da agricultura familiar galega non só contribúen de maneira chave á soberanía alimentaria de moitos fogares, senón que presentan lóxicas produtivas baseadas na reciprocidade profunda: o seu propósito, ademais de extraer o necesario, é promover máis vida e soster os ecosistemas. A sumar a estas ideas, outro aspecto relevante que xurdiu durante esta indagación foi o papel fundamental das redes de axuda mutua e solidariedade veciñal que operaban e, aínda que moi diminuídas, seguen operando nestes sistemas agroalimentarios. En palabras da filósofa Donna Haraway (2016), estas redes afectivas e produtivas seguen sendo proba de que aínda que ninguén está ligado a todo, todo está ligado a algo e alguén.
Partindo desta base, os casos de estudo desenvoltos centráronse en documentar os espazos de traballo mediante visitas de campo e entrevistas persoais con tres ecoprodutoras galegas de tres comarcas distintas nos concellos de Vedra (Santiago de Compostela), Viveiro (A Mariña Lucense) e Bueu (O Morrazo). Elaboráronse esquemas planimétricos das hortas a partir dos bosquexos realizados nas entrevistas, intentando respectar a representación intuitiva pero integrando rigorosidade na escala, e recompilouse información sobre os espazos cultivados e os espazos asociados para a almacenaxe de apeiros de labranza ou colleitas, co obxectivo de analizar os conxuntos a través de catro dimensións: a dimensión espacial, a dimensión ecolóxica, a dimensión temporal e a dimensión afectiva.
A dimensión espacial incide no vínculo das hortas coa vivenda, cuxas superficies entre os 60 m2 e os 150 m2 permiten cultivar unha variedade de hortalizas, legumes e verduras suficiente para satisfacer todo o ano o consumo de unidades familiares compostas por unhas seis persoas. Ademais, prodúcense excedentes dabondo para a súa distribución a outros fogares e veciñas a través de redes de intercambio informais. A partir da dimensión ecolóxica analízanse como os traballos de sementeira, preparación da terra e coidados xerais, rega e colleita, non só resolven boa parte da alimentación das súas coidadoras e súas familias e veciñas, senón que o fan sen xerar residuos, mediante sistemas onde todo se aproveita. As tres ecoprodutoras posúen un profundo coñecemento destes ciclos e os ciclos da terra, e organizan os seu cultivos por tempadas aproveitando e repartindo os espazos dispoñibles na horta.
Na investigación exploratoria recóllense con detalle todos os elementos que interveñen nos procesos de cultivo, desde a preparación da terra até a colleita, reflectindo no só o lugar senón tamén o momento do ano no que acontecen. Así, a dimensión temporal pode observarse desde o traballo diario que implica unha media de entre dúas e tres horas diarias repartidas en distintos momentos da semana até o traballo estacional, marcado polos momentos de plantación e colleita dos distintos alimentos. Segundo se extrae das entrevistas, é neste traballo estacional onde aparece con maior peso a contribución masculina, debido sobre todo a que se desenvolven fóra dos horarios laborais do emprego asalariado ou durante permisos concretos como pode ser nas épocas de vendima.
Por último, a dimensión afectiva permítenos entender as formas nas que somos parte da memoria dos territorios que habitamos e dos que nos alimentamos. As historias de vida das ecoprodutoras proban que a transmisión dos coñecementos está profundamente ligada ás relación afectivas. As tres cultivan a terra desde a infancia e aprenderon vendo aos seus maiores. Nas zonas costeiras onde moitos homes traballan no mar, o traballo no campo recaeu tradicionalmente nas mulleres. No interior, era habitual que os homes tiveran que saír a traballos asalariados ou como xornaleiros noutras fincas. Por iso, recoñecer o papel das mulleres nestas pequenas producións, das que moitas veces, non son titulares, toma forma de reivindicación e construción da memoria territorial galega.
As redes afectivas como aproximación metodolóxica
Considerando que se trata dunha primeira aproximación á cuestión, a selección dos casos de estudo tivo moito que ver cun criterio de proximidade e autorreflexión, onde a cercanía familiar e o noso propio coñecemento dos territorios permitíronnos un achegamento máis profundo e persoal ás historias de vida destas mulleres, que se entrelazan coas nosas, e á súa relación cos espazos que coidan e habitan. Ademais, buscouse certa diversidade nos contextos estudados. Así, tivemos a oportunidade de estudar espazos en tres das catro provincias galegas que ademais contan con circunstancias socioterritoriais diferentes. O caso de Vedra sitúase nunha área interior e moi vencellada á cidade de Santiago de Compostela, capital de Galicia, mentres que o caso de Bueu presenta unha vila situada no sur, na costa das Rías Baixas. Por último, o caso de Viveiro, sitúase tamén nunha zona costeira do noroeste galego, nunha área fronteiriza con Asturias.
A partir desta selección inicial, xurdiron moitas cuestións que nos instan a continuar indagando sobre este tema e afondar máis na diversidade territorial de Galicia. Este primeiro traballo focalízase no papel das hortas familiares nos círculos informais de alimentación e autoconsumo, pero en todos os casos aparecen outros alimentos e procesos totalmente conectados coas hortas e os espazos de agricultura, como os produtos derivados dos animais de terra e mar, o cultivo de cereais e diversos produtos elaborados nas casas a partir dos excedentes, as conservas e outras elaboracións tradicionais.
Tanto as dúas autoras como todas as persoas que participaron no traballo de campo, mantemos vínculos particulares con estes sistemas produtivos, xa que os alimentos que producen as nosas nais e avoas chegan aos nosos fogares mediante percorridos informais e afectivos. Obtemos un beneficio directo destas explotacións agrícolas en forma de alimentos de tempada, cultivados ecoloxicamente, dos que podemos trazar una traxectoria directa entre as produtoras e as consumidoras. Pero o noso caso non é único, nin moito menos. Forma parte das redes afectivas e alimentarias que definen as relacións familiares interxeracionais entre as hortas de autoconsumo das aldeas e vilas e os lugares de vida de fillas e netas. Persoas que, en demasiados casos, non darán continuidade a esta labor. Quen continuamos alimentándonos destes territorios adoitamos facelo dunha maneira extractiva, sen proporcionar relevo xeracional nin lograr ser axentes de protección para estes sistemas produtivos de pequena escala.
Reflexións finais
Esta investigación radicouse nun lugar e tempos concretos, mais está lonxe de estar rematada. Os conflitos locais son unha maneira de enfocarse en problemas que son comúns a distintos territorios, como a crise ecolóxica e a desigualdade de xénero. A partir de aquí, todo está por construír. En Galicia, dende os círculos académicos aínda temos pendente valorizar e visibilizar a labor das ecoprodutoras e o seus espazos de traballo. A partir destas prácticas podemos (re)coñecer estratexias con enorme potencial para aprendermos doutras formas de relacionarnos cos nosos territorios de vida e comprender a súa influencia chave nos círculos produtivos e reprodutívos, así como na soberanía alimentaria.
Atendendo ao noso propio vínculo afectivo coas ecoprodutoras que colaboraron neste traballo, reflexionamos sobre a idea do local e a proximidade que acompaña aos debates alimentarios. Os produtos da horta dunha das ecoprodutoras chegan a neveira da súa filla a algo máis de 2.000 km de distancia, migrada nos Países Baixos. Logo, sería este un consumo de proximidade? Se pensamos na cantidade mínima de intermediarios entre as mans produtoras e a consumidora, o número de intercambios, procesos e transaccións que operan entre o acto de cultivar e o momento de alimentarse, contra toda lóxica aparente, temos que recoñecer aquí un consumo local. Así, ao non formar parte dos circuítos do mercado, interpretamos o local non só en termos xeográficos, senón empregando as mesmas dimensións que utilizamos para a análise das hortas. Isto é unha dimensión espacial, temporal, ecolóxica e, sobre todo, afectiva.
Pese a isto, os ritmos de vida que nos impón o traballo asalariado e o culto á acumulación de capital dificulta moito que as novas xeracións, aínda que queiran, poidan asumir manter o vínculo labrego. Sen un relevo xeracional que sosteña estas hortas, nun contexto de continuo afianzamento de prácticas extractivas e depredatorias do territorio, estes coñecementos perderanse. Mentres tanto, a última xeración de ecoprodutoras segue sen obter o recoñecemento que deberá nos circuítos formais do saber. Nun planeta que afronta grandes retos de futuro, semellamos seguir ignorando que a súa sabedoría será chave para a nosa supervivencia.
Nota sobre as autoras
Cristina Botana é doutora arquitecta pola UDC e máster en Ciudad y Urbanismo pola UOC, coa especialidade de Políticas públicas y Derecho a la ciudad. Desenvolve a súa investigación sobre a segregación urbana e os asentamentos precarios en relación ao modelo urbano hexemónico. Comprometida co dereito ao hábitat desde unha visión feminista e antirracista. Colabora en diversos espazos de acción-investigación urbana e é membro do equipo asesor de Crítica Urbana.
María Novas. Arquitecta, Universidade de A Coruña, doctoranda en Arquitectura, Universidad de Sevilla. Lecturer, Chair History of Architecture and Urban Planning, TU Delft. Dexenero, http://dexenero.com/
Para citar este artículo:
Cristina Botana; María Novas. Potenciais da investigación afectiva na produción de coñecemento territorial galego. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 7, núm. 31, Galicia. Conflictos socioambientales. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2024.