Por Begoña de Bernardo |
CRÍTICA URBANA N.27 |
En grandes ciudades como Madrid no se produce nada que sirva para estar vivo.
Yayo Herrero.
Esta é unha das claves máis importantes nas que nos deberíamos fixar para pensar na forma de habitar o territorio de cara ao futuro.
En 2015 Manuel Casal Lodeiro aventuraba este cálculo: «de aquí a 15 anos quedaranos dispoñible o 15% da enerxía neta do petróleo». Non sabemos con que grado de exactitude se facerá realidade esta afirmación, pero la Axencia Internacional da Enerxía (AIE) asumiu xa que nos encontraremos cun déficit de 34 mb/d de petróleo para 2025, o 34% menos do que se está extraendo actualmente, o cal pode representar unha catástrofe; na crise de 2008 produceuse un descenso no consumo de petróleo do 4% soamente.
O que si é seguro é que estamos en pleno descenso enerxético, pasado o cénit ou a punto de pasalo, de todos os combustibles fósiles, e nunha tola carreira por implementar enerxías «renovables» que se cadra non o son tanto, xa que precisan enormes cantidades de materiais escasos e finitos e tamén enerxía fósil na súa fabricación e implantación, como a eólica e a fotovoltaica, sistemas que non rendirán nunca a enerxía que nos proporcionaron as fósiles e que ademais non chegarán a tempo de paliar o declive destas.
O gran Descenso
Enfrontamos pois un gran descenso en canto á dispoñibilidade de enerxía se refire, e polo tanto a unha previsible profundización da crise na que entramos fai xa 15 anos.
Máis da metade da poboación mundial, (arredor dun 56%), vive xa en cidades. A migración de habitantes de zonas rurais a outras urbanas empeza en Europa cos cercamentos de terras e a revolución industrial que necesitaba a man de obra rural, e ata agora é un fluxo que non deixóu de medrar, coa conseguinte concentración de poboación en grandes urbes e o despoboamento e abandono de zonas rurais, acrecentado polos efectos da globalización e a circulación de mercancías desde lugares lonxanos que a miúdo trastocan e destrúen as estruturas produtivas autóctonas causando problemas de perda de soberanía alimentaria, de postos de traballo, deslocalización e máis migracións, aquí e alí.
Podemos intuír que as cidades son especialmente sensibles a este descenso ou escasez de enerxía, porque como di a frase que encabeza este artigo, nelas non se produce nada que sirva para estar vivo, senón máis ben todo o contrario. Nunha cidade prodúcese polución que contamina o aire e a auga, e cantidade de residuos que hai que xestionar cada día.
De como enfrontemos este descenso, de se o facemos consciente e ordenadamente ou polo contrario deixamos que nos colla por sorpresa, dependerá o resultado final, unha vida máis simple e frugal pero sosegada e por que non feliz, ou o desencadeamento de conflitos sociais, rexímes autoritarios e guerras polos últimos recursos.
Os grandes retos: alimentos, enerxía, vivenda, transporte
Neste contexto a pregunta que nos facemos sempre é se as cidades son viables a futuro. Grandes aglomeracións onde é preciso que entren unha chea de insumos cada día: comida, auga potable, enerxía, e todo tipo de mercancías, que veñen en ocasións da outra punta do mundo. As cidades son altamente dependentes do que se produce fóra, e lonxe, delas. Un informe de Amigos da Terra de 2011 calculaba que os alimentos importados recorreron de media uns 4000 km antes de chegar ás nosas mesas. A produción de alimentos a partir da revolución verde pasou de ser un dereito fundamental das persoas, a un negocio de grandes multinacionais que moven os alimentos arredor do mundo. É urxente relocalizar a produción de alimentos e recuperar a soberanía alimentaria perdida.
Os desprazamentos son outro problema que queda moi ben reflexado no documental de 2011 The End of Suburbia. O crecemento das cidades dormitorio separadas dos lugares de compras e de traballo supón desprazamentos de ás veces horas cada día para acudir ao traballo, á escola, ou facer compras. Este é un modelo sustentado pola abundancia e barateza de combustibles fósiles que xa rematou. Ten que rematar o estilo de vida onde vivimos, traballamos, mercamos e nos divertimos en lugares afastados por decenas de km.
A vivenda nas grandes cidades tamén sufréu grandes cambios nas últimas décadas. Os centros históricos primeiro abandonados empezaron a recuperarse pero non para os habitantes senón cun uso turístico que pon patas arriba a vida da cidade. A turistificación previsiblemente deixará de ser un problema por si sola co encarecemento das viaxes en avión.
Unha das razóns para migrar ás cidades foi historicamente o traballo. Os sectores da industria primeiro e dos servizos despois arrastraron a milleiros de persoas ás zonas urbanas e periurbanas cun efecto de arrastre espectacular. Pero é de esperar que o descenso enerxético leve consigo un cambio moi profundo na actividade económica, e que volva cobrar máis importancia a actividade no sector primario, outra razón para abandonar a cidade e retornar ao campo.
O ocio, a cultura e a arte tamén foron amplamente desenvolvidos no entorno urbano, e profusamente mercantilizados. Hai unha gran oferta de actividades culturais e artísticas pero a miúdo non todo o mundo ten acceso a elas.
A gran simplificación, e as erres
Desde os movementos decrecentistas pensamos que a esta situación de declive enerxético e material da nosa sociedade só se lle pode facer fronte transformando profundamente a nosa maneira de vivir, de consumir e de relacionarnos co noso entorno e cos nosos semellantes, asumindo que para ter unha vida boa o suficiente debe chegar. Una vida máis simple será una vida máis lenta, máis a escala humana, incluso con máis tempo de lecer para disfrutar das relacións humanas, da naturaleza, e de nós mesmas.
Recurrindo ás erres do decrecemento podemos reflexionar nos seguintes termos:
REVALUAR: revisar os valores profundos nos que sustentamos a nosa vida. Valores coma o individualismo ou o anonimato que adoitan ser levados ao extremo nas cidades quizais deban ser substituídos pola axuda mutua, a convivencia, a colaboración. Unha experiencia moi interesante doutro xeito de habitar a cidade é La Borda, cooperativa de habitabilidade en cesión de uso , en Barcelona, un proxecto novidoso e participativo, desde o deseño baseado na sustentabilidade e na convivencia interxeneracional e a vida comunitaria, na versatilidade das unidades de habitabilidade en función das necesidades vitais, e cunha perspectiva de xénero.
RECONTEXTUALIZAR e redefinir as palabras. Palabras como atraso ou modernidade ás veces son esgrimidas falazmente. O progreso e a tecnoloxía non sempre nos fan a vida máis doada, ás veces o máis doado é simplificar, e as solucións máis simples adoitan ser as máis eficaces e aforran moitos recursos. Se cadra é máis práctico non ter un veículo propio nunha cidade e aforrarmos o custo que conleva, e viaxar en transporte público ou a pé cando sexa posible. O mesmo pode acontecer con máquinas e ferramentas de uso doméstico.
REDUCIR. Reducir o tamaño das cidades para empezar, o cal irá acompañado de RERRURALIZAR. Debería haber un movemento migratorio agora da cidade ao campo, por unha parte para reequilibrar o hábitat humano e ocupar de novo os pobos baleirados, onde hai vivenda que se pode rehabilitar, e terra.
Reducir tamén os consumos de enerxía do transporte, promovendo os desprazamentos en transporte público, a pé ou en bici.
Reducir a obra nova, gran consumidora de recursos e de enerxía, e primar a rehabilitación de vivendas. e facelo con criterios de bioclimatoloxía, (captación de enerxía solar pasiva, illamento), con materiais naturales verdadeiramente sustentables, como a madeira, as pedras naturais ou a terra e a palla, e que eses materiais proveñan do entorno próximo.
A edificación consume o 60% dos materiais extraídos da terra e o 40% da enerxía. Rehabilitando pódese aforrar ata un 60% da enerxía empregada no proceso de edificación.
RELOCALIZAR a produción de alimentos, que non poderán transportarse desde miles de km coma agora, pero tamén de tantas outras cousas útiles como fibras textis ou madeira como material de construción. Incluso dentro das cidades e na súa periferia máis próxima deberanse producir alimentos, parques e xardíns convertidos en hortas e bosques comestibles.
Relocalizar tamén desde o punto de vista da produción de enerxía fomentando a instalación de sistemas de autoconsumo como placas solares ou miniturbinas eólicas, e non desprazar a produción a zonas afastadas expoliando os recursos en territorios de sacrificio.
Relocalizar o lugar de residencia en consonancia co lugar de traballo, e recuperar o pequeno comercio dos barrios, evitando desprazamentos diarios. Devolver a vida aos centros históricos das cidades.
REUTILIZAR e RECICLAR todo o posible, os espazos e os materiais. Unha fermosa proposta de Ted Trainer en La vía de la simplicidad, é a de habilitar espazos comúns nas cidades como talleres onde poder compartir ferramentas e saberes, onde arranxar enseres como mobles ou electrodomésticos, espazos comúns tamén como centros culturais e artísticos.
REESTRUCTURAR, adaptar as estruturas económicas e produtivas ao cambio. É absurdo por exemplo concentrar os intercambios comerciais en grandes hipermercados e centros cando o que precisamos é reducir os desprazamentos, e achegar os servizos ás persoas. Non se deberían seguir abrindo grandes centros comerciais. O pequeno comercio favorece o consumo de proximidade e as relacións entre as persoas.
Tampouco as grandes superestruturas culturais poderán manterse no futuro, as manifestacións culturais serán algo do que poderemos disfrutar nunha sociedade en descenso enerxético sen límites, sendo nós mesmas protagonistas delas.
A concentración dos servizos sanitarios nas grandes cidades pode resultar tamén un problema cando os desprazamentos se poden ver seriamente comprometidos. Habería que descentralizar estes servizos e dotar ás vilas máis pequenas de profesionais da menciña ben preparados que non dependesen tanto das altas tecnoloxías para os diagnósticos.
REDISTRIBUIR. Non será posible unha cidade habitable, nin un mundo tampouco, sen redistribución dos recursos e xustiza social. É se cadra nas cidades onde máis cruamente se mostran as grandes diferencias de nivel económico entre as capas sociais. Desde o decrecemento esta é unha das cousas que temos que remediar se queremos construír sociedades sanas e felices nun entorno de recursos minguantes. Os que xa non teñen acceso ao básico non poden decrecer, non se lles pode pedir austeridade. Nunha sociedade opulenta no seu conxunto non é de recibo que haxa persoas que non poden ter un teito ou alimentarse correctamente.
Os concellos das grandes cidades, e non tan grandes, deberían estar avaliando con realismo as necesidades vitais máis importantes dos seus habitantes e como mantelas funcionando no futuro, planificar como abastecerse de alimentos e enerxía para que non deixen de funcionar cousas tan básicas coma o subministro de auga potable, a depuración de residuos e a recollida de basuras, ou os servizos sanitarios. Se cadra tamén poderían coordinar con concellos rurais da súa contorna, unha saída planificada de urbanitas cara a zonas menos poboadas e con potencialidades futuras como proveedoras da cidade.
En definitiva, o gran descenso pode supoñer un inferno na gran cidade, ou una oportunidade para redimensionar as urbes, trocealas en barrios que dispoñan de servizos suficientes e necesarios para soster a vida, recuperar os pequenos mercados, os oficios, o ocio comunitario nas rúas e prazas, unha especie de ruralización da cidade. Pero sempre pensando en que por moitas modificacións e aforros que se fagan habemos ser capaces de vivir ben con moito menos consumo de enerxía.
Nota sobre a autora
Begoña de Bernardo Miño. Enxeñeira Agrónoma, traballa en turismo rural e agro-ecoloxía. Presidenta da Asociación Véspera de Nada, por unha Galiza sen petróleo e membro da Rede de Decrecemento Eo Navia-Galiza- O Bierzo a diversos col·lectius pel dret a la vivenda i a la ciutat, com Entrebarris, a València.
Para citar este artículo:
Begoña de Bernardo. A cidade e o descenso enerxético. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 6 núm. 27 Hábitat y Decrecimiento. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2023.