• Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate

A comarca da Limia: unha paisaxe agraria de transformación e Resistencia

14 diciembre, 2025

Por Claudia de Sas Trujillo e Lucía Escrigas Rodríguez |
CRÍTICA URBANA N. 38 |

No interior da provincia de Ourense esténdese unha ampla chaira atravesada polo Limia, río que lle dá nome á comarca. Este espazo acolleu no pasado un dos maiores humidais de augas doces da Península Ibérica: a lagoa de Antela, que chegou a ocupar máis de corenta quilómetros cadrados, o equivalente á superficie do concello da Coruña.

Xunto á lagoa principal existían veigas, brañas e ribeiras que conformaban unha paisaxe húmida de alto valor ecolóxico. A poboación local aproveitaba estes recursos de maneira tradicional, combinando o uso dos pastos, a sega e os pequenos cultivos nun equilibrio adaptado ás condicións naturais do medio.

Paisaxe de transición na Limia. Fonte: as autoras.

Entre 1958 e 1968 desenvolvéronse as obras de drenaxe e canalización que permitiron a desecación da lagoa de Antela, nun proceso promovido baixo o discurso da “modernización agraria” do réxime franquista. O proxecto perseguía a creación de grandes extensións de cultivo continuo, alterando de maneira profunda a estrutura tradicional do territorio e as súas dinámicas socioecolóxicas. Considerado un dos primeiros procesos de concentración parcelaria en Galicia, deu lugar a unha extensa chaira agrícola dotada dunha nova rede hídrica e viaria, que transformou radicalmente a paisaxe e os usos do solo. A posterior venda das terras a prezos simbólicos (Fernández Soto et al., 2011) favoreceu a implantación de actividades industriais e consolidou un modelo produtivo baseado na intensificación agraria, cuxos efectos sobre a sustentabilidade ambiental seguen sendo obxecto de análise e debate.

A pesar desta transformación, a paisaxe de chairas abertas e zonas húmidas conserva hoxe un papel esencial na conservación das aves migratorias do interior de Galicia. Grazas á actividade agraria baseada no cultivo de cereais, mantéñense especies propias das zonas esteparias. Esta realidade motivou a inclusión do territorio na Rede Natura 2000, coa creación en 2009 da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) A Limia, pola presenza de especies ameazadas como Tetrax tetrax, Otis tarda e Circus pygargus, xunto co vexetal endémico Eryngium viviparum. Destaca tamén a Veiga de Ponteliñares, un dos últimos restos de hábitats húmidos da comarca, declarada Zona Especial de Conservación (ZEC) pola súa singularidade e pola presenza de especies asociadas a estes ecosistemas fluviais.

Veiga de Ponteliñares. Foto: as autoras.

Un caso de intensificación e conflito ambiental

Na actualidade, A Limia enfróntase a unha intensa presión ambiental derivada da expansión da gandería intensiva, especialmente pola proliferación de macrogranxas porcinas e avícolas. Esta industria produce grandes volumes de puríns que, ao seren aplicados ou almacenados de forma inadecuada, infíltranse no solo e chegan ás augas superficiais, provocando a contaminación das masas de auga e as alteracións nos ecosistemas asociados. A alta presenza de nitratos nas augas ten a súa orixe nestes residuos gandeiros, xerando preocupacións crecentes sobre a calidade da auga, a saúde ambiental e o cumprimento das directivas europeas en materia de protección dos recursos hídricos.

O caso máis representativo de contaminación por esta actividade gandeira é o do encoro das Conchas, situado no concello de Lobios, a aproximadamente oito quilómetros augas abaixo do río Limia. En 2019 chegaron a rexistrarse ata 97 millóns de bacterias por litro, convertendo este encoro nun dos máis contaminados de España. A sobrecarga gandeira —equivalente, en residuos, á produción dunha poboación de máis dun millón e medio de persoas concentrada nun 1% do territorio galego— evidencia que a orixe do problema non se atopa nos vertidos urbanos, senón na xestión dos residuos procedentes das macrogranxas (TSXG, 2025).

As floracións tóxicas e os malos cheiros foron denunciados pola veciñanza, que advertiu restricións no uso da auga e riscos para o abastecemento local (La Voz de Galicia, 2025). Fronte a este contexto, distintos colectivos locais e ecoloxistas —entre eles o Movemento Ecoloxista da Limia, Auga Limpa Xa, Adega, Amigas da Terra e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)— promoven alternativas baseadas na restauración ambiental e na agricultura sustentable.

Un exemplo destacado é o proxecto da Veiga de Gomareite, en Vilar de Barrio, desenvolvido pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en colaboración co gandeiro Samuel Formoso desde 2014. Neste enclave, restaurouse unha zona húmida situada no antigo dominio da lagoa de Antela mediante a aplicación de pastoreo extensivo, recuperando así unha práctica tradicional das veigas que contribúe de maneira natural ao mantemento dos pastos e da cobertura herbácea.

Puríns acumulados sobre a terra de cultivo. Foto: as autoras.

A preocupación pola degradación da comarca transcende o ámbito local: o Plan Estratéxico de Humedais 2030, impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, contempla a restauración de 500 hectáreas da antiga Lagoa de Antela, o que evidencia o recoñecemento do valor ambiental deste espazo a nivel estatal. Porén, tal e como sinalan diversas asociacións ecoloxistas, o proceso de recuperación avanza con lentitude debido á falta de coordinación entre administracións e á escaseza de recursos destinados á súa execución.

 

Cara a unha xestión sostible do territorio

A mellora da xestión territorial na chaira da Limia pasa por restaurar a paisaxe hídrica das veigas, brañas e ribeiras, recuperando ao tempo a memoria colectiva e o coñecemento local que durante séculos sostiveron o equilibrio entre produción e natureza. A iniciativa da SGHN, en colaboración co gandeiro Samuel Formoso, demostra que é posible compatibilizar a produción agraria coa recuperación ecolóxica cando existen vontade, cooperación e apoio técnico.

A transformación da Limia require crear accións concretas baseadas nas prácticas tradicionais, como a gandeiría extensiva, e no recoñecemento das iniciativas que camiñan cara esta idea. Falamos de vida e saúde das persoas que habitan este territorio, pero tamén do traballo de colectivos ambientais que, con poucos medios, dedican grandes esforzos á restauración dos humidais e ao recoñecemento do seu valor ecolóxico.

A Limia dende a Torre de Sandiás. Foto: as autoras.

A comarca da Limia necesita abandoar o actual modelo industrial e avanzar cara a outros sistemas produtivos capaces de diversificar a economía local, xerar riqueza e fixar poboación sen comprometer os recursos naturais. A produción agroecolóxica, o turismo ornitolóxico e agrario ou a recuperación de produtos de proximidade son algúns exemplos que se deben explorar.

Admitir a problemática por parte da poboación e das administracións sitúa hoxe a Limia como un territorio de resistencia e esperanza, onde a acción colectiva, o compromiso cidadán e o respecto polos límites naturais poden abrir un futuro máis xusto, saudable e sostible para o conxunto da sociedade.

_______________
Bibliografía

El País (2025). Antela, la gran laguna ‘excomulgada’ y aniquilada, recobra vida con ayuda de las vacas de Samuel. 

TSXG (2025). Sentencia 14/2025 sobre a contaminación das augas da Limia. Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Fernández Soto, M., Fernández García, A., Fernández Cuesta, G., & Fernández Prieto, J. R. (2011). La desecación de la laguna de Antela. Boletín de la Asociación de Geógrafos Españoles, (57).

La Voz de Galicia (2025). Renace la plataforma Auga Limpa Xa para respaldar a los vecinos de As Conchas en su lucha contra la contaminación del embalse


Nota sobre as autoras

Lucía Escrigas. Arquitecta pola Universidade da Coruña e especializada en planificación e xestión territorial. Participa en proxectos mediante metodoloxías de análise multiescala, integración de axentes e deseño de estratexias de intervención. Desde 2021 forma parte do equipo da Fundación RIA. É membro do equipo asesor de Crítica Urbana. + artículos de la autora en Crítica Urbana>>

Claudia de Sas. Paisaxista especializada en planificación territorial e desenvolvemento rural, con enfoque na preservación do patrimonio natural e cultural. Desenvolve o seu traballo en Galicia, colaborando en proxectos de paisaxe, ordenación e desenvolvemento rural baseados na xestión responsable do territorio e na optimización dos recursos naturais. Actualmente exerce como paisaxista na Fundación RIA.

Para citar este artículo:
Claudia de Sas Trujillo e Lucía Escrigas Rodríguez. A comarca da Limia: unha paisaxe agraria de transformación e Resistencia. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 38, Conquistas ciudadanas. A Coruña: Crítica Urbana, diciembre 2025.

Critica Urbana n. 38
Share

Reflexión crítica

Quizás también te interese

La conquista de la ciudad y el territorio desde lo colectivo
14 diciembre, 2025
Defender el mar, salvar la vida
14 diciembre, 2025
Regreso a la tierra. La tradición rural-comunitaria en la Inglaterra del siglo XIX
14 diciembre, 2025
  • Buscar

  • SUSCRIPCIÓN

    Recibe gratuitamente Crítica Urbana en tu correo cada tres meses.

    Tu suscripción nos ayuda a contar con un público base que le otorga soporte y sentido a este proyecto.

    CONSENTIMIENTO

  • LIBRO DE CRÍTICA URBANA: DESCÁRGALO GRATIS

  • Estamos en las redes

  • Nuevo número. 38. Conquistas ciudadanas

  • Números anteriores

    • Crítica Urbana 37: Arquitectura, ¿para quién?
      22 septiembre, 2025
    • Crítica Urbana 36: Territorios Activos
      22 junio, 2025
    • Crítica Urbana 35: Producción fabril para la producción...
      24 marzo, 2025
    • Crítica Urbana 34: Más allá del pensamiento hegemónico
      11 diciembre, 2024
    • Crítica Urbana 33: Memoria y ciudad
      22 septiembre, 2024



  • Crítica Urbana

    Revista de Estudios Urbanos y Territoriales.
    Quienes somos, nuestros principios
    contacto@criticaurbana. com
    A Coruña. Galicia. España
    ISSN 2605-3276

  • Politica de Privacidad

    Aviso legal y cláusulas de privacidad

    Nuestra política de Cookies

  • Síguenos en las redes


Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional.