Por Lucia Escrigas y Rosalía Macías |
CRÍTICA URBANA N.11
|
Diversos factores converten a Galicia nunha mecha susceptible de prender en calquera momento. O abandono do rural, a mala xestión dos montes, a planificación territorial, a inacción das institucións e a desvinculación da poboación co territorio son só algúns dos factores que favorecen o fogo nos montes galegos. Se a isto lle engadimos unha ollada de xénero, faise evidente que as mulleres xogaron e xogan un rol fundamental na prevención dos incendios. Elas son as protectoras, coidadoras e críticas do noso medio ambiente, e de todo o que nel habita.
Na mente dos galegos e galegas están gravados a fogo, e nunca mellor dito, os incendios que se produciron no verán do 2006, cando quedaron calcinadas máis de 75.000 hectáreas -77.000 segundo a Xunta de Galicia, e preto de 86.000 segundo a Comisión Europea-. Pero o monte xa ardera antes, e continuou ardendo despois. Entre 2001 e 2014 houbo no Estado español 223.818 incendios, dos cales 87.367 foron en Galicia; ou o que é o mesmo, o 39 % do total.
Cada ano, a Xunta de Galicia anuncia un aumento dos recursos materiais que contribuirán á extinción dos lumes. E aínda que estas ferramentas son necesarias, é imperioso acompañar de educación e sensibilización esa despregadura de avións e motobombas. Iso é o que opinan desde Batefogo, un proxecto de intervención social que aposta por apagar os lumes falando. “É máis sinxelo investir enormes cantidades de cartos en extinción que en deseñar colectivamente unha nova forma de xestionar e vivir no territorio”, lamenta Miguel Pardellas, un dos impulsores do proxecto.
Pardellas, que no marco do seu proxecto coordinou o libro colaborativo Árbores que non arden, insiste en que “os lumes son un problema social”. Por iso consideran a educación ambiental e a participación “ferramentas indispensábeis para enfrontar o problema (…) Sobre todo se queremos facelo dende unha perspectiva estrutural e non só de forma superficial, como actualmente se fai centrando os esforzos na extinción e non na prevención”.
Segundo explica, é preciso compaxinar a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do rural. Para iso cómpre traballar cos públicos máis implicados, “é dicir, os públicos adultos e non só escolares”, apunta Pardellas. Este investigador e educador ambiental pensa que hai que ter en conta tamén a “vinculación emocional co territorio”, pois “o monte non é só un ‘espazo produtivo’ senón que está cheo de recordos, historias, memoria… cómpre traballar estes vínculos para poñelo en valor e poder articular estratexias de prevención”. Batefogo faino a través de procesos participativos coas comunidades, nos que tratan de identificar os problemas para así poder pensar medidas e solucións: “A educación ambiental pode xogar un papel moi importante no manexo dos conflitos que existen; para exteriorizalos, relacionalos con outras cuestións e buscar participativamente solucións”, asevera.
Non pode haber solucións sen analizar o problema, e esa análise ten que ser feita desde a perspectiva de xénero.
|
O rol das mulleres neste problema
A dicotomía entre o espazo público-homes e o espazo privado-mulleres sempre estivo presente nos estudos de xénero. Aquelas actividades vinculadas aos coidados e ás tarefas reproductivas estiveron socialmente reducidas ao fogar, ao espazo doméstico. Nun contexto rural, o fogar implica máis espazos que aqueles contidos en catro paredes: o campo, o monte ou os espazos exteriores privados. Durante anos e anos, as mulleres fixeron moitos traballos non remunerados e invisibilizados relacionados co coidado do territorio, como rozar e limpar, que axudan á prevención dos incendios.
Como explica a médica e activista feminista Lola Ferreiro, “as mulleres rurais teñen tres xornadas laborais”, pois contan co seu emprego fóra de casa, ocúpanse do fogar e tamén de coidar a terra e os animais. Pero Ferreiro insiste en que a pesar desa carga de traballo e da súa importancia, a maioría das labregas non cotizan. “O papel das mulleres no medio rural foi fundamental para construír o país”, resume.
Todos estes traballos foron asumidos desde a renuncia e a obriga, tal e como di esta activista e coordinadora do Grupo Lúa Crecente. Unha renuncia propia, ao seu propio coidado e seguridade, para antepor o ben da comunidade. A muller, por inercia, maternaliza todos os seus traballos, asumindo un rol de coidadora en todas as esferas da vida. É por iso que, tal e como di Ferreiro, “temos unha débeda histórica coas mulleres”.
Ademais de a través dos coidados, as mulleres tamén se organizan para loitar contra os lumes. Alén destes traballos de prevención dos incendios, son as protagonistas de moitas das loitas pola defensa da terra e dos montes. Lideran, por iniciativa propia e desde as accións colectivas, protestas para tentar incorporar os problemas do medio nas axendas políticas galegas.
|
Unha crítica á planificación territorial desde unha visión ecofeminista
O ecofeminismo, que conxuga a perspectiva feminista coa ecoloxista, vela por elevar o concepto de coidados ao territorio e á naturaleza, xerando reflexións sobre os modos de relacionarnos co noso entorno. Isto é chave en Galicia, onde a falta de coidados e de sensibilidade neste aspecto favorece os incendios forestais.
Dende o punto de vista capitalista, o solo enténdese soamente como un valor monetario. “A mercantilización do solo a través da práctica urbanística do estado capitalista moderno ten unha consecuencia terrible, ao instaurarse a percepción social dominante de que o terreo que non se urbaniza carece de valor”, aseguran desde Dexenero, un proxecto de investigación que achega a perspectiva de xénero á arquitectura e á sociedade. Ao priorizar aqueles espazos onde se pode sacar rendibilidade económica, os demais espazos, incluídos os naturais, quedan relegados ao abandono, castigados pola indiferencia social.
Dentro desta dinámica viciosa da produción económica, vese o territorio como unha fonte de recursos e non como un espazo cheo de vida e de biodiversidade. No caso de Galicia, faise moi evidente polas prácticas forestais que se levaron a cabo nos últimos anos. Tal e como afirman María Novas e Sofía Paleo, creadoras de Dexenero, “a forestación reducionista de especies de crecemento rápido como o piñeiro ou o eucalipto, leva ao uso monofuncional dos recursos naturais e á destrución do bosque tradicional, reducindo a complexidade dos ecosistemas e a súa capacidade de operar como barreira natural fronte ao lume.” O territorio galego xa non é o mesmo que viviron as xeracións pasadas. A realidade é moi diferente, tanto nas dinámicas como nas especies, por iso é preciso actualizarse e adaptar a planificación territorial ao novo escenario.
A comunidade ten un papel fundamental, pero é imposible evitar que ardan miles de quilómetros cadrados se non se conta con políticas e leis adecuadas. “Ante a falla dun proxecto de país que combata estas problemáticas de corte social, o coidado do noso monte queda relegado á imposibilidade ou ao voluntario esquecemento”, lamentan as arquitectas. “Lembremos que a figura excepcional dos montes veciñais en man común representa unha categoría insólita do noso territorio, sobrevivinte pese a todo, cunhas potencialidades únicas para pasar a poñer a vida da colectividade que a habita no centro. Pero para iso precisamos unhas políticas forestais sensibles e sensatas, coherentes coa realidade do noso medio”, apuntan, e engaden que esas políticas “só poden nacer da vontade do poder político, da posta en valor do coñecemento experto e da escoita das organizacións da sociedade civil que levan anos coidando territorio, moitas das veces sen máis medios que o propio traballo voluntario”.
Lola Ferreiro coincide, e considera que hai que esixir aos poderes públicos que asuman a súa responsabilidade e aporten os medios necesarios. “Sen isto, o traballo convértese nun exercicio de voluntarismo que desgasta e queima a quen o desenvolvemos e que, en todo caso, compromete o proceso e os resultados”, afirma.
|
Solucións para problemas estruturais
Desde a Xunta de Galicia repítese o discurso das “tramas criminais” ou o “terrorismo incendiario”, reducindo as causas dos lumes a individuos ou grupos concretos con malas intencións. Esta teoría omite todos os factores estruturais e capitalistas que levan á situación actual: un país de montes queimados. “Os problemas son globais, do gran capital pero se nos trasladan á individualidade”, afirma Lola Ferreiro. Valorizar e visibilizar os coidados feitos polas mulleres é imprescindible e urxente, pero acompañalos de medios, educación e máis coidados, é vital.
Pola súa banda, Miguel Pardellas reitera que a prevención dos lumes ten que estar “ligada a unha redefinición dos usos do monte, a unha redefinición da nosa relación co monte e unha redefinición das relacións entre nós. Estes tres procesos, que precisan do seu tempo, teñen que compatibilizarse con estratexias inmediatas que reduzan os riscos”.
E en todos estes resortes, as mulleres xogan un papel chave. “Elas son as que, aínda agora, sustentan a cohesión e dinamización das comunidades”, di Pardellas, que lembra que se trata “dun rol de coidadoras que, se ben é certo que non é xusto dende un punto de vista da carga que supón (e que por tanto cómpre reequilibrar), si que constitúe un punto de partida básico para recuperar o control do territorio. Empregando ademais claves distintas onde prima unha lóxica non exclusivamente estractivista”.
|
Nota sobre as autoras
Lucía Escrigas é arquitecta pola UDC. Sempre estivo interesada no urbanismo dende una visión social, polo que participou en distintos proxectos de investigación urbanísticos en diferentes cidades, como A Coruña ou Madrid.
Rosalía Macías é xornalista especializada en conflitos e movementos sociais. Ademais de en medios de comunicación nacionais e franceses, ten colaborado con ONGs comprometidas coa comunicación social como AGARESO ou ASAD.
|
Para citar este artículo: Lucía Escrigas; Rosalía Macías. Arde Galicia. As mulleres coidadoras do territorio. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.3 núm. 11 Mujeres y ciudad. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2020. |