• Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate

Arquitectura Sen Fronteiras, construíndo dereitos

22 septiembre, 2025

Por Arquitectura Sin Fronteras España |
CRÍTICA URBANA N. 37 |

Arquitectura sin Fronteras España (ASFE) é unha ONGD (Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento) que traballa para a defensa e o exercicio do dereito das persoas a un hábitat inclusivo e xusto.

Tras máis de trinta anos de historia estamos presentes a través das nosas demarcacións en numerosos territorios do estado español (Andalucía, Catalunya, Euskadi, Galicia, Levante, Madrid e Navarra) e noutros países como Cuba, Guatemala, Haití, México, Mozambique, Nicaragua ou República Dominicana.

Actuamos no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria, a educación e a acción local, coa vontade de producir cambios que melloren a calidade de vida das persoas, as comunidades e as sociedades das que somos parte.

Obradoiro Incubando historias no barrio do proxecto Agra, barrio de coidados co alumnado do CEIP Raquel Camacho. 2023. Barrio da Agra do Orzán, A Coruña. Foto: Marta Casal Cacharrón.

Que entendemos por dereito ao hábitat?

En ASFE gústanos falar de dereito ao hábitat. Pola súa transcendencia, a idea da necesidade dun hábitat axeitado para as persoas está recoñecido coma un dereito fundamental do ser humano. Aparece recollido baixo esta denominación de “dereito ao hábitat” ou, en outras ocasións, como “dereito á cidade” en numerosos acordos internacionais: Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, Carta Mundial polo Dereito á Cidade ou a Carta dos Dereitos Humanos Emerxentes.

Debido ás múltiples facetas que comprende a propia definición de hábitat humano, o dereito ao hábitat é un dereito complexo e multidimensional. O dereito ao hábitat dános soporte para artellar, a nivel espacial, as dimensións físicas, políticas e culturais que compoñen a vida das persoas e das comunidades. Desde a nosa reflexión, habitar implica numerosos aspectos, non unicamente o relacionado coa edificación senón que ten que ver, fundamentalmente, coas persoas que habitan, a súa forma e calidade de vida. A súa finalidade é a de construír unha contorna na que se poida vivir dignamente, recoñecerse como parte dela, e onde se posibilite a distribución equitativa de diferentes tipos de recursos: traballo, saúde, educación, vivenda e recursos simbólicos, como memoria, participación e acceso á información.

 

A xestión social do hábitat

Outro concepto incluído dentro do dereito ao hábitat que merece unha mención aparte é o de xestión social do hábitat, a participación da sociedade de forma directa e activa na toma de decisións sobre o seu hábitat. O hábitat humano é un hábitat construído: o ser humano actúa sobre el e o adapta ás súas necesidades. Esta construción implica unha toma de decisións que alguén debe realizar. Dada a importancia que o hábitat ten nas nosas vidas, é básico que entendamos que nos corresponde un papel activo na súa conformación, non podemos ver o hábitat no que vivimos como algo alleo a nós. Nunha sociedade democrática resulta lóxico que sexa a cidadanía quen dispoña da capacidade, o deber e o dereito de decidir que hábitat quere, de construílo colectivamente, e como consecuencia, de identificarse con el. Do contrario, arriscámonos a que o noso hábitat quede en mans de intereses que nada teñen que ver coa colectividade.

Entendemos a participación cidadá como unha ferramenta que vai permitir esta implicación. Existen mecanismos como a planificación urbana ou a política municipal a través dos cales se marcan as pautas para intervención sobre o hábitat ou para a súa xestión. Mais estes mecanismos non están o suficientemente abertos á participación democrática da cidadanía. Faise necesario que a esta tome conciencia da importancia da súa implicación, á vez que dende as administracións se deberían artellar novas fórmulas que inviten a tomar partido.

Por esta razón, identificamos que un dos elementos de valor que introduce ASFE nos seus proxectos é o acompañamento cercano ás comunidades en procesos de longo percorrido. Intentamos asegurar a apropiación involucrando aos diferentes axentes a través de procesos amplamente participativos e inclusivos, tanto no deseño das edificacións e infraestruturas ou na planificación urbana, coma na rexeneración de barrios e nas intervencións educativas.

Habitar comunitaria (construción comunitaria desde os saberes tradicionais para vivendas reforzadas ante furacáns). 2024. Montaña de Guerrero, México. Foto: Cooperación Comunitaria @cooperacióncomunitaria e ASFE-Euskadi @mugarikgabekoarkitektura

Tecnoloxías Apropiadas

Os proxectos que desde ASFE se realizan non son exclusivamente de construción, arquitectura ou enxeñaría. Aínda que normalmente teñen unha compoñente de infraestrutura, esta serve como complemento a unha acción máis integral onde colaboramos con outras disciplinas e entidades que nos permiten esta xestión social do hábitat. Reflexionamos en torno a un concepto de hábitat inclusivo, saudable e seguro, que sexa accesible e adecuado.

Isto esixe tamén un compromiso coa materialidade das nosas intervencións. A aproximación de ASFE á sostibilidade realízase desde o enfoque das tecnoloxías apropiadas, unha metodoloxía que ten a súa orixe no concepto de “tecnoloxías intermedias” promovido por E.F. Schumacher nos anos 60, ao que, desde ASFE, estamos tratando de aportar contido. Este enfoque pasa, en primeiro lugar, por analizar os recursos dispoñibles na contorna local (materiais, industriais, man de obra…) para garantir non só que a construción se poida facer cuns custos razoables e poder chegar a un maior número de persoas, senón tamén, para garantir que se dispón de recambios e persoal para poder levar a cabo o mantemento das obras e as reparacións no longo prazo.

Unha vez identificados estes materiais ou sistemas construtivos complementamos a análise tratando de seleccionar aqueles, entre os dispoñibles, cuxo impacto ambiental sexa menor e/ou cun maior potencial de impacto social ou económico para o contexto.

 

As persoas no centro

Outro dos enfoques de ASFE ten que ver cos coidados. O enfoque de xénero e interseccional lévanos á necesidade de analizar as nosas intervencións desde o punto de vista do coidado das persoas, as comunidades e a contorna tendo en conta os sistemas de opresións e privilexios. Vai máis aló da idea de sostibilidade ou das análises de impacto ambiental, trátase de incluír os coidados nun marco de reflexión e acción, de forma que estea en sintonía cos valores cos que nos identificamos e que aspire a transformar radicalmente o actual modelo hexemónico. Esta proposta, que se pode considerar contracultural nos nosos sistemas socioeconómicos, defende priorizar os coidados, garantir a vida digna e os dereitos dos colectivos máis vulnerables. Trátase dun cambio radical de mentalidade que concreta novas formas de vivir máis e mellor, con menos consumo de recursos, dando prioridade ao crecemento en certos sectores e capacidades e promovendo o necesario decrecendo noutros. Un hábitat que necesita incorporar expresamente novas formulacións e prácticas relacionadas co enfoque ecosocial e o ecofeminista, especialmente no noso contexto occidental.

Xornadas de sensibilización sobre diversidade. 2023. Barcelona. Foto: Viviana Lozupone.

Pintura de Murales do alumnado da Escola Secundaria Lhanhguene xunto co grafitero Suso 33. 2024. Barrio de Chamanculo C, Maputo, Mozambique. Foto: Julio Marcos.

Presentación do proxecto da escola de Victorias 3 á comunidade. 2019. Comunidade de Victorias 3, Retalhuleu, Guatemala. Foto: Sandra Pérez Rodríguez.

Este enfoque de coidados tamén pasa por poñer en valor o enorme equipo humano que sustenta a nosa organización formado por grandes profesionais especializados de diferentes disciplinas, un voluntariado comprometido e unhas organizacións locais con gran coñecemento da realidade onde queremos traballar, contando con experiencia no territorio e a confianza da poboación coa que colaboramos.

O traballo de entidades como ASFE está lonxe de ser a solución aos problemas graves da sociedade actual, pero permite poñer en marcha accións que, a unha escala local, xeran dinámicas de cambio e facilitan a vida das persoas. Entendemos que aí radica o valor social da arquitectura.

Temos una axenda de debate e reflexión por diante sobre o noso traballo como entidades. O compromiso cos países do Sur Global e cos colectivos vulnerables do Norte non pode nin debe depender da vontade voluble de gobernos de países enriquecidos ou que non cumpran os principios democráticos. Cal será o papel da cooperación, a acción social ou a educación nos próximos anos cando o sistema de subvencións se esgote. Cal será a relación coas nosas socias e contrapartes en países onde a acción civil se criminaliza. Cal será o noso camiño para frear o retroceso en dereitos sociais e o desmantelamento do público. Como deixar definitivamente atrás a concepción occidental que impregna o noso traballo. Como reencontrarnos cos movementos sociais que en zonas urbanas e rurais tan bo traballo están a facer na reivindicación do dereito ao hábitat. Como, en definitiva, repensarnos como sector dentro da vida colectiva.

Rematamos este artigo en agosto do 2025, na demarcación de Galicia, cando os nosos montes, labradíos e aldeas, aquí e no resto da Península Ibérica son asoladas por devastadores incendios e non podemos nin queremos evitar unha sensación de dor, tristura e carraxe. Defender o dereito ao hábitat tamén pasa por comprender, valorar e respectar os territorios rurais e as persoas que os habitan, e que non sexan, unha vez máis, esquecidas de novo.


Nota sobre a autoría

Arquitectura Sin Fronteras España. Construímos espazos inclusivos, equitativos, seguros e sustentables, impulsando cambios, acompañando ás comunidades e as persoas nos seus propios procesos de transformación, tecendo alianzas coas que compartimos valores na nosa labor central de xustiza social e construción de dereitos. https://asfes.org/

Para citar este artículo:
Arquitectura Sin Fronteras España. Arquitectura Sen Fronteiras, construíndo dereitos. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 37, Arquitectura, ¿para quién? A Coruña: Crítica Urbana, septiembre 2025.

Critica Urbana n. 37
Share

Prácticas sociales

Quizás también te interese

Por una arquitectura para la reproducción de la vida
22 septiembre, 2025
Manifesto en defensa do territorio
22 septiembre, 2025
Entrevista a Raquel Rolnik
22 septiembre, 2025
  • Buscar

  • SUSCRIPCIÓN

    Recibe gratuitamente Crítica Urbana en tu correo cada tres meses.

    Tu suscripción nos ayuda a contar con un público base que le otorga soporte y sentido a este proyecto.

    CONSENTIMIENTO

  • LIBRO DE CRÍTICA URBANA: DESCÁRGALO GRATIS

  • Estamos en las redes

  • Nuevo número. 36. Territorios Activos

  • Números anteriores

    • Crítica Urbana 36: Territorios Activos
      22 junio, 2025
    • Crítica Urbana 35: Producción fabril para la producción...
      24 marzo, 2025
    • Crítica Urbana 34: Más allá del pensamiento hegemónico
      11 diciembre, 2024
    • Crítica Urbana 33: Memoria y ciudad
      22 septiembre, 2024
    • Crítica Urbana 32: Lecturas para el pensamiento crítico
      23 junio, 2024



  • Crítica Urbana

    Revista de Estudios Urbanos y Territoriales.
    Quienes somos, nuestros principios
    contacto@criticaurbana. com
    A Coruña. Galicia. España
    ISSN 2605-3276

  • Politica de Privacidad

    Aviso legal y cláusulas de privacidad

    Nuestra política de Cookies

  • Síguenos en las redes


Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional.