Colectivo de profesionais pola defensa do territorio |
CRÍTICA URBANA N. 37 |
Novas presións afectan ao mundo rural, creando numerosos conflitos socioambientais en Galicia. Máis de 400 profesionais asinaron o “Manifesto en Defensa do Territorio”, no que se denuncia a situación actual e proponse unha nova relación e planificación do territorio, baseada en 7 puntos. O día 12 de xullo realizouse o acto de presentación pública, que incluíu unha camiñada e comida fraternal en Leboreiro. No momento da edición deste número de Crítica Urbana, novamente arde Galicia, con xa máis de 100.000 hectáreas queimadas.
MANIFESTO EN DEFENSA DO TERRITORIO
Centos de miles de persoas mostraron xa o seu rexeitamento ao proxecto de construción dunha nova planta de celulosa na Ulloa, polos seus irreversibles impactos sobre a sociedade, a saúde, o medio natural, o patrimonio cultural e o tecido económico local.
Os mesmos impactos que leva sufrindo a ría de Pontevedra desde 1963, ano de inicio do funcionamento da pasteira de ENCE. As plataformas Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PEDRA) e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), xunto cun amplo número de colectivos cidadáns de base, veñen traballando admirablemente na defensa do territorio e contra o seu espolio e a súa depredación. Décadas de mobilizacións masivas non puideron pechar, ata o de agora, a factoría de ENCE, nin rematar co teimoso empeño de instalar outra celulosa, desta vez no corazón de Galicia. Proxectos, ámbolos dous, que se suman ás múltiples agresións extractivistas que se veñen producindo no noso país nas últimas décadas.
Fronte a isto, quen traballamos na planificación, ordenación e coidado do territorio, desde distintas disciplinas e enfoques, queremos apoiar colectivamente estas reivindicacións e, desde a ética profesional e a independencia, comprometémonos cos principios dun novo modelo territorial baseado nos seguintes sete puntos:
1. Defensa do ben común fronte ao extractivismo
Rexeitamos os proxectos que antepoñen o lucro á vida e denunciamos a obsolescencia programada do territorio e do litoral, ao poñelos ao servizo de industrias de enclave, altamente contaminantes e destrutoras do noso patrimonio natural, cultural e humano.
2. A preservación da vida no territorio e na costa
Comprometémonos cun modelo territorial sustentable, que coide das persoas, da terra, da auga, do mar e da biodiversidade, tendo en conta os ciclos naturais que rexeneran a vida e nos sosteñen. O territorio, a costa e o mar non son recursos para explotar, senón bens comúns que cómpre preservar: bases fundamentais da existencia humana e facilitadores da saúde colectiva e da soberanía alimentaria. O noso territorio, os nosos ríos, as nosas rías e o noso mar sufriron xa demasiadas agresións e requiren reparación, rexeneración e preservación. Para hoxe e para as xeracións vindeiras.
3. O territorio do común
Cremos nunha planificación e ordenación do territorio e do litoral sustentada na xustiza espacial, e baseada no dereito das persoas e das comunidades a decidir colectivamente sobre os usos do solo, os seus recursos e o futuro que desexan habitar, priorizando os intereses do común fronte aos intereses particulares ou extractivistas.
4. Salvagarda do patrimonio
Comprometémonos con formas de intervención no territorio baseadas no coñecemento e no coidado do patrimonio histórico, do lugar e das xentes que o habitan, no respecto ao tecido económico local que reproduce a vida, e en consonancia coas dinámicas sociais, culturais e ambientais. O noso territorio e o noso litoral son as nosas primeiras riquezas. Entendemos o patrimonio material e inmaterial como unha herdanza viva, xeradora de memoria, de identidade e de futuro.
5. Os coidados como estratexia de arraigamento
Poñemos os coidados e os afectos no centro das intervencións no territorio e no litoral. Unha planificación e un deseño territorial e costeiro deben asegurar o acceso a servizos básicos como educación, saúde, atención social e mobilidade, para garantir a dignidade no rural e nas nosas cidades.
6. Participación e democracia
É necesario avanzar no exercicio do dereito á participación como unha forma de profundar na democracia. Cómpre asegurar procesos de información e participación reais, sustentados na lexitimidade outorgada polas persoas que habitan e coidan o territorio, e na transparencia das decisións públicas.
7. A necesidade dun equilibrio territorial
Desde a disidencia coas políticas institucionais que favorecen a concentración de masa crítica no eixo atlántico e aceleran a obsolescencia doutras áreas, propoñemos un equilibrio baseado na solidariedade territorial. Proxectos extractivistas como os das macrocelulosas de ALTRI ou ENCE resultan radicalmente incompatibles cun desenvolvemento territorial equilibrado, pois afondan nas inxustizas espaciais ao concentrar impactos ambientais e sociais en zonas tratadas como terras de sacrificio, lastrando o impulso de economías arraigadas e libres, como as da Ría de Pontevedra e as das terras acariñadas polo Ulla, desde a Ulloa ata o mar.
Leboreiro, 12 de xullo de 2025.
“Eu son esta terra e esta auga”.
Manuel María, 1994.

Para citar este artículo:
Manifesto en defensa do territorio. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 37, Arquitectura, ¿para quién? A Coruña: Crítica Urbana, septiembre 2025.