Por Diego Cidrás |
CRÍTICA URBANA N. 31 |
En 2021, a política relativa á xestión do eucalipto en Galicia amosou un cambio de rumbo aparente. Por primeira vez, a versión actualizada do Plan Forestal de Galicia (PFG) incluía (páx.100) no seu programa de acción a necesidade de non só realizar un “control” das plantacións, senón tamén “reduc[ir] a ocupación da superficie forestal” ocupada polo eucalipto.
Nesta liña, a aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia, incorporaba unha disposición transitoria que, tamén de forma pioneira, prohibía novas plantacións de eucalipto en todo o territorio. Despois de varias décadas de ostensible expansión dos eucaliptais, o novo PFG estableceu como indicador de seguimento unha redución do 5% da cobertura forestal con eucaliptos. Sen entrar na avaliación da efectividade desta norma, que aquí non corresponde, trátase da primeira vez que se verbalizan directrices destinadas á rebaixa dos eucaliptais no país. Xorde aquí unha pregunta obrigada: a que puido deberse esta presunta nova orientación?
A diferenza das súas versións anteriores, o novo PFG incorpora con certa recorrencia a idea de paisaxe. Neste sentido, se nos acollemos ao Convenio Europeo da Paisaxe , podemos presupor que, alén da consideración das coberturas forestais como elemento material da paisaxe, o PFG optará por incorporar a dimensión perceptiva que conforma, tamén, toda paisaxe. Sobre o papel, esta abordaxe paisaxística ―material e inmaterial, tanxible e intanxible― semella idónea para abordar asuntos complexos, como a denominada eucaliptización do territorio. Debemos ter aquí presente que a eucaliptización propiciou conflitos de calado, que van desde as revoltas campesiñas de mediados do século XX até as recentes mobilizacións estratéxicas en prol da catalogación do eucalipto como Especie Exótica Invasora e a laboura desenvolvida polas chamadas “Brigadas deseucaliptizadoras”. Non cabe dúbida de que a eucaliptización é problematizada por unha parte da sociedade galega desde a súa complexidade: á cuestión ecolóxica, agréganse preocupacións pola limitación dos usos do monte, a degradación estética ou a vulnerabilidade derivada do abandono que sofren acotío os eucaliptais, entre outros asuntos. Polo tanto, podemos considerar como pertinente unha incorporación da paisaxe como obxecto de ordenación nun instrumento sectorial coma o PFG.
A paisaxe no Plan Forestal de Galicia
No entanto, como cristaliza o tratamento da paisaxe no plan? Desde a propia definición de obxectivos, observamos que o novo Plan estipula que a ordenación forestal debe fraguar nunha “alternancia da paisaxe agrogandeira e forestal”, promovendo así a “multifuncionalidade e diversificación de usos, bens e servizos do monte galego”. Este tipo de consideracións só nos remiten á dimensión material e tanxible da paisaxe. Alén disto, o tratamento da paisaxe dilúese a medida que avanzamos na lectura do documento. Así, na súa parte propositiva a paisaxe aparece de forma episódica e como complemento dalgunha outra idea. En efecto, a paisaxe non é un obxecto de xestión per se e, polo tanto, nunca é problematizada. Un dos exemplos máis reveladores é precisamente a medida que atinxe a redución das masas de eucalipto no territorio galego: a “I.1.3. Programa de actuación e iniciativas que contribúan a controlar a superficie dedicada a eucalipto” . A que se presupón como a intervención máis rompedora sobre as paisaxes eucaliptizadas omite desde a xustificación até as propostas de acción en si calquera noción da paisaxe.
En efecto, a necesidade de reducir as masas de eucalipto sostense sobre cuestións como a conservación de bacías hidrográficas ou o equilibrio no abastecemento da industria forestal, de xeito que o diagnóstico da expansión das masas de eucalipto que deriva na toma de decisións cínguese a un conxunto de elementos moi limitado do amplo abano que potencialmente puidese achegar a súa lectura paisaxística completa. Neste sentido, a ausencia da vertente sensible imposibilita unha verdadeira abordaxe paisaxística do eucalipto.
O tratamento da paisaxe no novo PFG é moi insuficiente para un instrumento que reivindica a paisaxe como obxecto de ordenación. Existe unha omisión case plena das consideracións afectivas que, sobre todo tras a crise incendiaria de 2017, incrementaron as mobilizacións sociais contra a coñecida como eucaliptización do monte galego. Desbótase, tamén, o papel que están a xogar os colectivos sociais ou as redes institucionais xurdidas a prol da eliminación do eucalipto no territorio, por citar só a punta do iceberg dun conflito que apela a poboación no seu conxunto. Aos nosos ollos, estas carencias no tratamento da paisaxe derívanse, en boa medida, da participación levada a cabo para a elaboración do PFG. En efecto, o PFG constitúe un novo plan no que a suposta participación se limitou a unha mera consulta desenvolvida no seo dun único órgano integrado, maioritariamente, por empresas con intereses no sector: o caso do Consello Forestal de Galicia.
Tras varios anos estudando a conflitividade do eucalipto no territorio galego, reivindicamos que a ordenación das súas plantacións parta dunha consideración abranguente e plena das súas paisaxes. Así, cremos pertinente formular tres medidas que habiliten unha mellor planificación das paisaxes forestais galegas.
A primeira chamada é obrigada: precisamos un sistema de participación pública que vaia alén do Consello Forestal de Galicia. Cinguir a participación do plan que afecta efectivamente nada máis e nada menos que dous terzos do territorio galego a un órgano ao que non ten acceso directo a cidadanía inhabilita sobre o papel calquera diagnose do monte en xeral, xa non digamos máis en concreto da súa condición paisaxística.
A conflitividade prolongada durante décadas ao redor da eucaliptización require que as institucións encargadas de desenvolver os instrumentos de ordenación forestal desenvolvan procesos fundamentados e informados que procuren as necesarias complicidades sociais. Neste sentido, demandamos o deseño dun sistema de participación aberto a toda a cidadanía, que deliberadamente procure unha integración dos actores a priori máis reactivos co desenvolvemento forestal vixente, e non a súa exclusión. Este exercicio habilitaría, ademais dunha noción máis sólida da gobernanza do monte, a creación dunha política forestal acaída e sensible ás demandas do conxunto da poboación.
En segundo lugar, reivindicamos que o proceso de participación pública se produza con anterioridade á planificación, de xeito que a segunda poida atender á primeira, e non ao revés. Unha condición chave para o desenvolvemento de procesos participativos axeitados é adiantar a fase consultiva ás etapas de planificación e deseño dos instrumentos, para que estes instrumentos respondan aos debates mantidos na fase participativa. Se ben é certo que o PFG ―lembremos, de 2021― organizou en 2015 unha serie de xuntanzas consultivas limitadas aos membros do Consello Forestal de Galicia, a cidadanía só tivo acceso directo ao PFG mediante o borrador do proxecto, no momento da exposición pública. Confúndese, pois, participación con mera consulta. A anticipación do proceso participativo habilitaría unha análise e diagnose axeitadas das nocións de paisaxe forestal, tal e como suxire o propio documento do PFG. Asemade, as propostas poderían sustentarse non só na perspectiva da Administración e dos actores favorables ás plantacións, senón de toda a poboación.
A planificación a longo prazo require o desenvolvemento de mecanismos que faciliten o seguimento das accións programadas. Por iso, cómpre en terceiro lugar abrir á cidadanía o proceso de revisión e avaliación dos instrumentos de planificación forestal. Este asunto gaña relevancia naqueles casos nos que a renovación da dotación orzamentaria fica condicionada aos resultados dos procesos de avaliación. Neste sentido, o novo PFG conferiulle ao Consello Forestal de Galicia a condición de “órgano encargado de vixiar o cumprimento do plan” até 2040. En lóxica coas demandas precedentes, cremos que o deseño das medidas de seguimento debesen incluír, polo menos de xeito quinquenal, unha consulta pública sobre a percepción do grao de cumprimento das medidas programadas. A lectura das paisaxes forestais muda co paso do tempo e, neste sentido, os reaxustes dun instrumento destas características deberían tomar en consideración activa a percepción da poboación.
Calquera noción da paisaxe debe partir, en definitiva, dunha vontade expresada pola propia sociedade. En caso contrario, estaremos a falar de paisaxes desconsideradas. A abordaxe da eucaliptización do territorio require dunha reconsideración profunda das estratexias institucionais en materia de participación. Só deste modo poderemos atallar a conflitividade asociada ao eucalipto como o que é: un asunto de país. Cómpre pór fin a unha discordia prolongada no espazo da cal a árbore non é, abofé culpable.
Nota sobre el autor
Diego Cidrás (Marín, 1994) é un xeógrafo cun profundo interese nas interaccións entre o ser humano e o medio natural. Neste sentido, dedicou a súa tese de doutoramento á conflitividade paisaxística derivada das plantacións de eucalipto en Galicia e Australia Occidental. Na actualidade, Cidrás exerce como Profesor Axudante Doutor no Departamento de Xeografía da USC e como investigador no Grupo ANTE (Análise Territorial).
Para citar este artículo:
Diego Cidrás. O novo plan forestal e a (des)consideración da paisaxe. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 7, núm. 31, Galicia. Conflictos socioambientales. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2024.