• Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Suscripción
  • Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Suscripción

Que fan elas? Experiencia urbana e violencia sexual en A Coruña

16 marzo, 2026

Por Uxía López Mejuto |
CRÍTICA URBANA N. 39 |

Para moitas mulleres, o espazo público é un territorio onde a autonomía se negocia constantemente fronte á percepción do risco. Este artigo explora como o medo á violencia sexual actúa como un regulador invisible da mobilidade, impoñendo unha segregación espacial que comeza a internalizarse dende a infancia.

Dende cativas, moitas recibimos advertencias: non vaias soa por aí; evita ese parque; chama cando chegues; colle un taxi se é de noite… Estes riscos potenciais constitúen unha carga interna que reconfigura os percorridos, levando ás mulleres a un desexo de invisibilidade, tal como expresa a poética de Gata Cattana[1]. Ese desexo de invisibilidade é, ao mesmo tempo, unha denuncia do acoso constante. Neste sentido, o medo á violencia sexual opera como unha arquitectura intanxible que limita o dereito á cidade, evidenciando que “os espazos públicos teñen xénero na súa construción e experiencia subxectiva”[2].

Cobertura mediática

Este medo non se constrúe no baleiro. As narrativas mediáticas inflúen na percepción do perigo. As noticias céntranse nos casos máis escandalosos, contribuíndo a mitificar aos agresores e a reforzar perfís estereotipados. Isto xera unha dobre distorsión, xa que sobredimensiona certos riscos mentres invisibiliza a violencia cotiá. Paralelamente, cando as mulleres acoden ao altofalante público son cuestionadas, ou mesmo acusadas de instrumentalizalo para facerse famosas ou lucrarse economicamente; nalgúns casos, a súa dor e trauma non son máis que o medio para encher horas de tertulias insidiosas nas que facer leña do seu sufrimento. E claro, existe un acceso desigual ao relato, non todas atopan espazo na axenda mediática nin na protesta pública. Para colmo, cando houbo unha cobertura a grande escala das manifestacións en apoio ás vítimas foi sensacionalista, apostando polo clamor público dunha solución rápida.

Rúa peonil Ramón Cabanillas, A Coruña, diciembre 2026. Foto: Uxía López Mejuto.

Estas narrativas constrúen imaxinarios que configuran como nos movemos, materializando o que se conceptualizou como a disciplina do terror sexual, unha “tecnoloxía corporal político-sexista”[3]. Os supostos socioculturais e xurídicos sobre a violación están intricadamente tecidos cunha linguaxe discursiva e de xénero que, de maneira insidiosa, converte ás mulleres en obxectos de violencia e en suxeitos de medo[4].

Cobertura institucional

Fronte a este imaxinario, a resposta institucional evidencia graves deficiencias. Obsérvase nos datos (2017-2022) unha falta de estandarización das categorías —ministerios do Interior e de Igualdade, INE e GeoViolenciasexual—, o que impide a consolidación de bases operativas sobre a magnitude da violencia sexual. Esta falla persiste a pesar da significativa inversión de recursos públicos, cuxa tradución en medidas concretas resulta, en moitos casos, pouco clara.

De forma sintética, as mulleres representan o 88% das vítimas de violencia sexual en España, mentres que os homes constitúen o 98% das persoas detidas e investigadas e o 99,7% das condenadas. A infancia e a adolescencia emerxen como colectivos especialmente vulnerables, ao concentrar o 41% do total de vítimas. Dentro deste grupo, o 84% son nenas e adolescentes. Entre os condenados menores de idade por estes delitos, o 98% son homes.

Contrariamente ao imaxinario promovido, a maioría destas agresións ocorren en vivendas e anexos a mans de amigos ou coñecidos, no espazo común. A miúdo esaxerase o perigo do descoñecido mentres se subestima o do corrente. E todo isto inflúe directamente en como as mulleres constrúen o seu mapa mental da cidade: onde si; onde non; a que hora; con quen.

Aproximación ao caso de A Coruña

Para unha primeira aproximación a esta problemática nun contexto local concreto, preséntanse a continuación datos dun pretest sobre percepción da violencia sexual na cidade da Coruña. A enquisa  recolleu 264 respostas nos 22 días que estivo activa.

A mostra está composta por 229 mulleres residentes en A Coruña, na súa maioría novas, con estudios superiores (70%), que A Coruña é a súa cidade natal ou vive nela desde fai varios anos, e con ingresos anuais baixos ou medios. Xeograficamente, as participantes residen principalmente en Os Mallos/Juan Flórez (23%), Catro Camiños/A Gaiteira/Os Castros (18%) e Agra do Orzán/ Sagrada Familia (13%). En canto á orientación sexual, a maioría identificase como heterosexual (62%) e as mulleres bisexuais representan o 33%.

Son datos non representativos, pero permiten un achegamento inicial. O 42% das enquisadas afirma ter sufrido algunha agresión sexual ao longo da súa vida. O 45% coñece a mulleres que sufriron este tipo de violencia no espazo público ao aire libre da cidade; o 73% coñece a máis dunha vítima.

 

O ‘traballo de seguridade’ en A Coruña

A percepción de seguridade das mulleres nas rúas de A Coruña cambia en función da hora, a visibilidade, o acompañamento e as persoas que se topan. En consecuencia, planifican estratexicamente: rúas amplas, iluminadas e con xente. O 82% vai atenta a reflexos e sombras e a maioría evita o uso de cascos pola noite. O 70% está de acordo con que a idade das persoas que se cruzan condiciona o medo a ser violentadas e máis do 90% está máis tranquila movéndose con un ou varios homes; cando van con mulleres preocúpanse por se as seguen ou pola presenza masculina próxima. Isto forma parte do ‘traballo de seguridade’[5], un conxunto de prácticas invisibilizadas e automáticas que tamén comportan vixilancia sensorial —estímulo visual, xestión do oído e planificación do movemento—.

O 63% móvese soa, maioritariamente a pé e en transporte público. Tres cuartas partes séntense bastante ou totalmente seguras na rúa, soas e de día; priorizan a rapidez na elección da ruta (41%) ou non fan distinción (30%). Pero a noite transforma a experiencia, o 62% séntese insegura. As estratexias diúrnas de vixilancia pasiva intensifícanse ata converterse nunha xestión activa, onde o móbil toma presenza e a ruta máis segura (56%) substitúe á máis rápida (32%).

Aínda que o 66% non cre que o medo condicione o seu uso da cidade, esta percepción convive con prácticas que evidencian o contrario. O 70% cambiou de ruta por medo a unha agresión sexual e o 36% modifica o seu comportamento ao cruzarse con homes. Por exemplo, se van a algún lugar en concreto da cidade e ao chegar hai un ou varios homes o 32% afástase e o 47% di que queda, pero “atenta por se pasa algo”. O que cren que pode pasar pode verse na Figura 1. Se ao chegar hai mulleres, séntense máis seguras ou quedan alí sen que lles afecte (90%).

Figura 1: Nube de palabras con respostas á pregunta “Que cres que pode pasar? Fonte: Elaboración propia a través de nubedepalabras.es

 

De festa en A Coruña, como xestionalo?

É certo tamén que existen graos na percepción do perigo. Na festa —espazo de consumo e hedonismo, de escapismo e liminaridade— a atención sexual non desexada asúmese como normal polo contexto. Entre as mulleres enquisadas, as precaucións máis frecuentes no contexto festivo e ao aire libre consisten en avisar ao chegar a casa, estar pendente das amigas e poñer tapa ao vaso, estando sempre pendente del. Pola contra, non pensar na súa seguridade e gozar da festa ou levar algo para defenderse non é tan común. O non tomar ningunha precaución, por non temer a violencia sexual, representa ao 2,5%. Mentres, a maioría combinan varias estratexias de autoprotección, sendo as máis comúns aquelas de carácter preventivo e colectivo.

Estas estratexias de xestión do risco responden a distintos tipos de violencia sexual. A forma de agresión máis común —case todas a sufriron máis dunha vez— son os bicos e tocamentos derivados de insistencias e presións continuadas por parte dos homes, unha experiencia referida por 106 mulleres. Estas presións coaccionaron a 49 mulleres a manter algún tipo de relación sexual con coñecidos, parellas ou amigos, e en 39 casos derivaron en penetración; en ambos supostos, destacan as agresións cometidas polas parellas. Tamén os bicos, tocamentos ou comentarios sexuais foron facilitados mediante o uso de vulnerabilidade/submisión química, afectando a 26 mulleres, principalmente por parte de descoñecidos ou persoas pouco próximas.

Do mesmo xeito, 30 mulleres sufriron estas agresións mediante o emprego de forza física, exercida maioritariamente por homes sós.

Violencia sexual nas rúas de A Coruña

Máis alá da festa, a violencia sexual maniféstase como un continuum no espazo urbano. O acoso nas rúas de A Coruña afecta ao 81% das mulleres e é exercido maioritariamente por descoñecidos, tanto sós como acompañados. O 66% sufriuno seis ou máis veces dende a adolescencia e o 74% experimentouno no último ano, nun 33% dos casos en tres ou máis ocasións. O 18% refire ter sido bicada, acurralada ou tocada por homes que actuaban sós, nun 89% dos casos descoñecidos; o 81% viviuno entre unha e cinco veces e ao 35% ocorreulle no último ano. Asemade, o 3% afirma ter sido vítima de violación, o 57% en máis dunha ocasión. Por último, dúas mulleres (1%) sinalan ter sido violadas mediante o uso da forza no espazo público da cidade no último ano. A ambas lle sucedeu varias veces dende a adolescencia; a unha delas 5 ou máis veces.

Concluíndo

O que se relatou non son casos illados, é un patrón, unha estrutura de poder e control. As mulleres desenvolven estratexias de autoprotección invisibilizadas que levan consigo non só custos emocionais senón tamén económicos. A mobilidade está atravesada por unha interseccionalidade ineludible. O uso de servizos con custos asociados como vía para a autoprotección supón un agravio económico que converte a seguridade nun privilexio. Pola súa parte, as medidas institucionais propostas acostuman caer no paternalismo, baseándose no proteccionismo de terceiros, eminentemente masculinos. Non se trata de que as mulleres aprendan a protexerse ou teñan que ser protexidas, senón de que a cidade deixe de ser un escenario de impunidade.

En definitiva, como muller habítase a cidade analizando ameazas e oportunidades en cada desprazamento, herdanza en parte de medos transxeneracionais retransmitidos por todos os flancos. O urbanismo feminista non é só unha mirada máis, é unha necesidade política. Porque camiñar sen medo tamén é un dereito urbano.

_______________
Notas

[1] . “Déjame ser otra cosa que no sea un cuerpo
Deja de follarme con los ojos ya de paso
Cuando paso por la calle sola en todo momento

Porque me cago en to’”
(Gata Cattana, Lisístrata, 2015).       

[2] Bows, H., Day, A. y Dhir, A. (2022). “It´s Like a Drive by Misogyny”: Sexual Violence at UK Music Festivals. Violence Against Women, 30(2), 372-393. p.386. https://doi.org/10.1177/10778012221120443

[3] Barjola, N. (2019). Microfísica sexista del poder. El caso Alcàsser y la construcción del terror sexual. Virus. p.30.      

[4] Loney-Howes, R. (2015). Beyond the spectacle of suffering: Representations of rape in online anti-rape activism. Outskirts, 33, 1-17.

[5] Vera-Gray, Kelly, L. (2020). Contester gendered space: public sexual harassment and women´s safety work. International Journal of Comparative and Applied Criminal Justice, 44(4), 265-275. https://doi.org/10.1080/01924036.2020.1732435


Nota sobre la autora

Uxía López Mejuto. Doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento (UDC). Membro do Grupo de Estudos Territoriais (GET), experta en socioloxía urbana crítica e socioloxía feminista. Especialización en violencia contra as mulleres e investigación sobre violencia sexual. ORCID: https://orcid.org/0000-0002-3398-7433.

Para citar este artículo:
Uxía López Mejuto. Que fan elas? Experiencia urbana e violencia sexual en A Coruña. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 9, núm. 39, Feminismo y espacio. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2026.

Critica Urbana n. 39
Share

Estudios

Quizás también te interese

El hábitat desde el feminismo
16 marzo, 2026
Urbanismo feminista ante el avance de la ola conservadora
16 marzo, 2026
Beyond the Fakes
16 marzo, 2026
  • Buscar

  • SUSCRIPCIÓN

    Recibe gratuitamente Crítica Urbana en tu correo cada tres meses.

    Tu suscripción nos ayuda a contar con un público base que le otorga soporte y sentido a este proyecto.

    CONSENTIMIENTO

  • LIBRO DE CRÍTICA URBANA: DESCÁRGALO GRATIS

  • Estamos en las redes

  • Nuevo número. 39. Feminismo y Espacio

  • Números anteriores

    • Crítica Urbana 37: Arquitectura, ¿para quién?
      22 septiembre, 2025
    • Crítica Urbana 36: Territorios Activos
      22 junio, 2025
    • Crítica Urbana 35: Producción fabril para la producción...
      24 marzo, 2025
    • Crítica Urbana 34: Más allá del pensamiento hegemónico
      11 diciembre, 2024
    • Crítica Urbana 33: Memoria y ciudad
      22 septiembre, 2024



  • Crítica Urbana

    Revista de Estudios Urbanos y Territoriales.
    Quienes somos, nuestros principios
    contacto@criticaurbana. com
    A Coruña. Galicia. España
    ISSN 2605-3276

  • Politica de Privacidad

    Aviso legal y cláusulas de privacidad

    Nuestra política de Cookies

  • Síguenos en las redes


Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional.