Por Lucía Escrigas y Rosalía Macías|
CRÍTICA URBANA N.9
|
Tan só se conserva unha sétima parte da superficie orixinal e malia recibir unha dubidosa restauración na década dos 90 do século pasado, na actualidade o estado é de deixamento e deterioración debido á inacción das administracións e ao mal uso por parte dos visitantes. Partes do parque están a virse abaixo, perdéndose un patrimonio único a nivel mundial.
Así describe o parque do Pasatempo de Betanzos a Asociación Hispania Nostra na súa páxina web, onde hai pouco que incorporou este parque temático á súa Lista Vermella de Patrimonio. Esta iniciativa naceu co fin de alertar e dar visibilidade ao evidente estado de deterioración no que se atopan aqueles elementos que son de interese cultural e que quedaron no esquecemento.
O parque do Pasatempo foi parte do legado que deixaron os indianos Naveira en Betanzos. O seu estado actual é tan crítico que son moitas as persoas que temen a súa inminente desaparición. Moitas lémbrano pola súa infancia, outras o descobren por fotos e libros, pero haberá moitas que nin saiban da súa existencia. “Hai que coidar a historia”, afirma unha señora con aire nostálxico ao decatarse do peche do parque cando volveu despois de moitos anos.
.
Cando empezou a degradación do parque do Pasatempo?
Para responder a esta pregunta José Souto ten que retrotraerse aos anos 30. Pero non lle custa. Este integrante da asociación Amigos do Pasatempo coñece a historia do parque á perfección, xa que leva anos loitando por que o lugar non desapareza. Pero mesmo para el é difícil de entender e de explicar como se chegou á situación actual. Trátase dun asunto complexo debido ás diferentes intervencións da administración, non sempre acertadas segundo Souto; e debido a que os anos fixeron efecto no parque. No Pasatempo pasou o tempo, e non para ben.
Coa morte de Don Juan Naveira, en 1933, comeza o problema. Este ilustre betanceiro era o promotor, o responsable, e en definitiva o máis interesado no coidado deste espazo, a súa gran obra megalómana. A súa intención era ter un gran parque próximo á cidade, algo que conseguiu mentres estivo con vida. “Naveira buscaba coa súa creación un goce estético e un reclamo turístico” e “tamén ofrecía con esta paisaxe un fin didáctico e un labor social”, explica Carlota González, socióloga especializada en patrimonio cultural. Coa súa morte e co traspaso do espazo a mans dos herdeiros deixa de existir ese agarimo evidente pola súa preservación, dando paso a unha deriva incerta.
Con todo, non é ata os anos 50 cando comeza a degradación real do lugar co ensanche da avenida de circunvalación. “Esa estrada é a gran culpable do estado actual do parque” asegura José Souto, xa que para a súa ampliación tivéronse que quitar algúns elementos do Pasatempo. Esta obra facía sospeitar que o parque non estaba entre as prioridades do poder municipal. Aí é cando “comeza a irse a pique”, explica coa impotencia de quen sabe que o que veu despois foi moito peor. Nos 70 comezaron a aparecer carteis de “VÉNDESE” polo pobo. A familia quería desfacerse daquel recinto que tanto significara para o indiano.
Os herdeiros non conseguiron vendelo na súa totalidade con de xeito inmediato, pero si conseguiron ir facéndoo aos poucos, traspasando pezas independentes. Mentres a familia tentábase desfacer do parque, o concello foi exercendo presión mediante o plan urbanístico. A súa estratexia foi rodear todo o enclave de polígonos industriais e equipamentos públicos como polideportivos ou escolas. En 1986 o concello comprou o Pasatempo.
A partir de entón empezaron a suceder cousas que explican claramente as intencións das administracións: apróbase un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en menos dun ano tras a súa compra, onde o tipo de chan no que se sitúa o parque pasa de ser rural a ser urbanizable e estáncase a tramitación da proposta de Ben de Interese Cultural (BIC). “Sempre se falaba da solicitude de BIC pero nunca saiu a flote”, di angustiado Souto. En setembro de 2019, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo prometeu ao concello de Betanzos que apoiará economicamente a restauración do parque, unha vez que a declaración de BIC estea aprobada. O mandatario prevé que este declaración estea feita no primeiro semestre do 2020.”
Mentres, o tempo ía facendo das súas no interior. Comezaron a deteriorarse os estanques, algunhas das construcións derrubáronse e a natureza foi ocupando o espazo. Do que no seu día foi unha flamante colección de estatuas, reproducións de monumentos de todo o mundo e obras improbables como “A árbore xenealóxica do capital” hoxe só quedan ruínas, que aínda así seguen impresionando a quen as descobre por primeira vez. Os proxectos de restauración por parte das administracións foron superficiais e insuficientes, independentemente da cor do partido político en cuestión. As maneiras de actuar no parque sempre foron moi demoledoras. “Houbo tantas barbaridades (…), todo destrúese sen que nos digan cando foi”, explica Souto no seu intento de aclarar o sucedido.
“Non é unha sorpresa e non é mala sorte”, asegura este amigo do Pasatempo, que di estar canso de alertar ás autoridades sobre o mal estado do lugar. En 2018 produciuse un derrube ao realizar as obras de baleirado no estanque do Retiro, nunha “tentativa” de restauración. Desde entón, o lugar permanece pechado. No medio do paso elevado que adoitaba levar ao parque, agora hai un valo que corta o paso sobre a que colga un cartel: “Pechado por mantemento”
.
A cidadanía defende a súa paisaxe
A reacción dos veciños ante este trato de marxinalización por parte da administración foi fundamental para denunciar a situación e para dar visibilidade á falta de protección que sofre o enclave.
Para Carlota González, é imprescindible que a cidadanía estea involucrada nas posibles solucións. “Os avances que se levaron a cabo ata o de agora foron maioritariamente a través da acción cidadá. A xente, tanto de Betanzos como de fóra, colaborou e axudou de diferentes maneiras establecendo unha conexión particular coa paisaxe”, relata.
O sentimento de pertenza aos espazos asegura a preservación destes e evita, no mellor dos casos, que se convertan en elementos de especulación dos grande poderes. “O mínimo é dar voz e involucrar ao cidadán, sobre todo as xeracións máis novas, no coidado e protección deste legado”, asevera Carlota.
É importante que este tipo de lugares manteñan a identidade que lles fan característicos e que funcionen como estrutura para as redes sociais das persoas. Desta maneira seguen formando parte da memoria popular e evítanse procesos de “ musealización” ou “patrimonialización” do territorio, que conxelan as paisaxes e non permiten que estas evolucionen nin que sigan en funcionamento. A forma máis eficaz de evitar estes procesos é apoderarse dos espazos públicos. As iniciativas veciñais xogan un rol crave que fai que estas paisaxes non caian no abandono e deixa claro quen son os donos e donas reais da cidade.
Cando un pedazo de cidade é recoñecido como ben colectivo, xa sexa de forma simbólica ou de forma legal, é máis difícil que os poderes xoguen con eles para os seus intereses.
O que para algúns é unha ruína, é en realidade un espazo potente que pode ser reivindicado e recuperado pola cidadanía e reconectado coa cidade antes de que sexa demasiado tarde.
.
Nota de las autoras
Lucía Escrigas é arquitecta pola UDC. Sempre estivo interesada no urbanismo dende una visión social, polo que participou en distintos proxectos de investigación urbanísticos en diferentes cidades, como A Coruña ou Madrid.
Rosalía Macías é xornalista especializada en conflitos e movementos sociais. Ademais de en medios de comunicación nacionais e franceses, ten colaborado con ONGs comprometidas coa comunicación social como AGARESO ou ASADa València.
Para citar este artículo: Lucía Escrigas y Rosalía Macías. O pasatempo de Betanzos: paisaxe en ruinas. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.2 núm. 9 El paisaje. A Coruña: Crítica Urbana, noviembre 2019. |