Por Antonio Dieter Moure. Asociación O Sorriso de Daniel|
CRÍTICA URBANA N. 24 |
Cando no 2010 fundamos o Sorriso de Daniel fixémolo cunha certa inocencia e inxenuidade que perdemos decontado. Unha manchea de afeccionados ao románico que se xuntaba para gozar en compaña das máis de 800 igrexas románicas que Galicia ten.
Non imaxinabamos daquela que promover, defender, estimular e apoiar a conservación do patrimonio medieval galego levase emparellada a necesidade de coller o fouciño e traballar coas nosas propias mans.
Axiña batemos coa realidade. Os máis de 800 edificios románicos tiñan un moi desigual estado de conservación. As nosas primeiras accións tiveron que ver cun problema que segue sen solucionar no patrimonio románico e que é o da accesibilidade.
Nos edificios declarados BIC raramente se coñecen os horarios de apertura pese a estar regulado por lei que han de ser de libre acceso durante 4 días ao mes. Nos que non acadaron esta cualificación as visitas están supeditadas aos horarios de misa que só a xente da parroquia coñece.
Por iso a nosa primeira acción como asociación foi unha apertura conxunta de varias igrexas na zona da Ulloa coincidindo coa celebración dos 800 anos da feira de Monterroso. Varias igrexas permaneceron abertas e un voluntario da asociación explicáballa aos visitantes. Nunca se nos esquecerá os ollos de asombro dun adolescente mentres lle falabamos dun capitel en Balboa que representaba a resurrección de Cristo segundo o evanxeo apócrifo de Pedro. “Un evanxeo apócrifo? Como no Código Da Vinci? O que vou presumir no instituto!”. Se non conseguimos implicar ás comunidades locais que viven arredor dos edificios románicos, quen vai atender todo este patrimonio?
Co clero rural envellecido e a poboación rural moi mermada, aqueles traballos que decote se facían como era a simple limpeza do adro, das canles de evacuación de augas pluviais etc., moitas veces deixáronse de facer. A maiores sobrevoa a “ameaza” dunha Dirección Xeral de Patrimonio que non conseguiu establecer canles de comunicación coas comunidades parroquiais que a seguen a ver como unha entidade pouco disposta a prestar axuda. Cada vez que formulamos unha intervención na contorna dunha destas igrexas o primeiro medo que temos que vencer entre a veciñanza é o de que poidan ser obxecto dunha multa. Faise preciso que se lle aclare a estes veciños o que está permitido facer. É obvio que hai que evitar actuacións imprudentes pero tamén o é que se fai necesario respaldar as accións que de sempre se fixeron e que axudaron a que estes edificios chegasen vivos a nós. Ese camiño está aínda sen explorar. No Sorriso de Daniel soñamos co día que as comunidades parroquiais reciban unha carta da Dirección Xeral indicándolles que actuacións poden facer sen permiso expreso e cales se deben comunicar.
Creación dos de-ambulatorios románicos
Por desgraza pronto vimos a dar con edificios moi deteriorados e puxemos a andar os de-ambulatorios románicos. Espazos participativos nos que se traballa para facer máis accesibles igrexas moi danadas, ao tempo que se contribúe á súa divulgación. O primeiro de todos os de-ambulatorios foi na igrexa de Santo Estevo de Pardollán, en pleno parque da Serra da Enciña da Lastra. Un templo que fora abandonado había moitos anos por non dispoñer dun camiño en condicións. Feitos os contactos coa Diocese de Astorga puxémonos en contacto tamén coa asociación de veciños. Agradeceron a iniciativa e cando convocamos a xornada de limpeza das ruínas, a sorpresa foi atopar xa ao pé da igrexa a unha parte importante de veciños armados con desbrozadoras, fouces e todo tipo de instrumental para comezar o traballo. En Pardollán descubrimos que os traballos non se poden facer de costas á comunidade local. Foi un feliz achado na nosa improvisada e intuitiva folla de ruta que xa non esqueceríamos máis. En paralelo ás accións comezamos unha interlocución coa Dirección Xeral de Patrimonio que non sempre obtén resposta, pero que en todo caso nos serve para seguir concienciando á cidadanía sobre a necesidade de abrir canles coa administración por moito que esta se mostre pouco receptiva.
Hoxe por hoxe os veciños de Pardollán seguen a manter as periódicas limpezas do edificio.
San Paio de Abeleda, onde a parroquia medrou
A comezos dos anos 70 do pasado século quedara abandonada a que fora “a máis rica parroquia da provincia de Ourense” en palabras de Vicente Risco. Un edificio que fora mosteiro e que conservaba os muros e parte das bóvedas dunha igrexa románica de gran valor. Os traballos de limpeza e mantemento en San Paio de Abeleda que se fixeron varios anos obtiveron como resultado que a “parroquia de O sorriso de Daniel” fose en aumento. Un lugar que estaba completamente esquecido pasou a ocupar os titulares dos xornais. Atopamos novamente unha parroquia envellecida e despoboada que non cría na recuperación do mosteiro. Para mellorar a estima do seu valor comezamos por organizar unha exposición con retratos deles ao pé da pía bautismal. Por un lado era un elemento que os unía a todos e por outro tiña un significado moi importante xa que foran eles os que impediran había uns anos o espolio da mesma. Os carteis coas fotos foron colgados pola aldea. “Parecen carteis de cine” dicían os veciños véndose a si mesmos como protagonistas desa película para a que non se escribira o final. Pouco a pouco foise sumando xente. Traballando en San Paio de Abeleda recibimos o Premio da Crítica na modalidade de Patrimonio e tamén nese momento o nome da asociación apareceu por primeira vez nun libro de ficción: o Koala de Daniel Ugarte. Curiosamente facendo referencia xustamente aos de-ambulatorios románicos e aos traballos de San Paio de Abeleda. O traballo dos voluntarios traspasara do mundo real á alegoría nos textos de ficción.
Hoxe San Paio de Abeleda foi declarada BIC e os propietarios anuncian o comezo de obras de consolidación para o verán do 2022.
Santo Estevo de Ribas de Sil, cando a pelexa é burocrática.
Ao tempo que traballabamos en San Paio de Abeleda fixemos tamén un dos nosos De-Ambulatorios románicos na contorna do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil. Un edificio que era un Parador de Turismo catalogado como BIC e que tiña inaccesibles as ábsidas románicas. Un ano levounos poñer de acordo ao Parador, o concello de Nogueira de Ramuín, a Diocese de Ourense, a Dirección Xeral de Patrimonio e os propietarios da finca colindante. Un ano de negociacións e un día de traballo de campo. As portas quedaron francas e podemos dicir que desa acción beneficiáronse miles de visitantes que accederon a unha zona antes vedada.
San Salvador de Albeos, a recuperación dun lugar histórico.
Albeos é o exemplo de que nunca é tarde para actuar. Unha ruina completa. Unha acción que se xestou nun par de meses de 2019. Unha limpeza na que conseguimos integrar entre outros a un grupo de usuarias dunha residencia de mulleres con discapacidade psíquica próxima ao mosteiro. Para aquela xa O sorriso de Daniel recibira tamén o Premio da Cultura Galega polas súas actuacións e perdiamos menos tempo en presentacións porque o nome da asociación era máis coñecido. Os trámites para intervir aceléranse e o concello de Crecente axudou aportando os contedores onde depositar o lixo que extraemos dun mosteiro convertido en vertedoiro incontrolado de lixo. De Albeos saíron restos de tractores, envases plásticos e metálicos, electrodomésticos, restos óseos que viñeran dun matadoiro, todo tipo de lixo que se sumaba á abondosa vexetación que medrara. A esta limpeza sumouse a feliz coincidencia de que imposibilitados de poder seguir actuando sobre Albeos por causa dos confinamentos da pandemia, a nosa secretaria, Carme Varela, escribiu a peza teatral AS DESTERRADAS para difundir as causas do abandono de Albeos. Dunha limpeza do patrimonio románico naceu o XXV premio de Teatro Álvaro Cunqueiro que leva 4 edicións en menos dun ano.
Se a pregunta é se a participación da veciñanza e o traballo en común é un mito ou unha realidade a resposta de O sorriso de Daniel é clara: é unha feliz realidade mítica.
Nota sobre o autor
Antonio Dieter Moure Areán é Presidente da asociación O sorriso de Daniel dende o ano 2015, é empresario do sector da educación e foi Presidente da Confederación de empresarios de Galicia.
O sorriso de Daniel é unha asociación para a defensa do patrimonio creada en 2010 e ten como principal obxectivo promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego. O labor da asociación foi recoñecida co Premio da Crítica de Galicia na categoría de Patrimonio no ano 2012 e co Premio da Cultura Galega na categoria de Patrimonio no ano 2018.
Para citar este artículo:
Antonio Dieter Moure Areán. A nova parroquia do románico galego. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales, Vol. 5 núm. 24 Participación: mito o realidad. A Coruña: Crítica Urbana, junio 2022.