• Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate

ADEGA: a soberanía do pobo na defensa do medio ambiente galego

22 junio, 2025

Por Miguel Leirós Nieves e Daniel López Vispo |
CRÍTICA URBANA N. 36 |

Decana do ecoloxismo, cos seus 50 anos de actividade, ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) é unha asociación ecoloxista, galega, democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa na defensa do medio ambiente galego e tamén global, avogando por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel que poña en valor toda a biodiversidade da natureza, da que somos parte; avogando, á súa vez, por un modelo socialmente xusto que reduza as desigualdades dentro de cada país e a desigualdade entre países e comprometido, pois, coa loita pola paz e pola igualdade de xénero.

ADEGA nace no ano 1975, momento no que no conxunto do Estado español se asiste á desaparición do franquismo para dar paso á chamada Transición, nun contexto no que Galiza, que viña de pagar un altísimo custo ambiental e social co asolagamento dos seus mellores vales, aldeas incluídas, baixo as augas dos grandes encoros que estaban a servir para alimentar o despegue económico do resto do Estado, tiña que facer fronte ás novas ameazas dun modelo industrial de carácter colonial con proxectos nada respectuosos cos recursos do país, co medio ambiente, co territorio e coas persoas.

Corte das vías do tren en protesta contra o modelo de incineración promovido pola empresa Sogama. Fonte: ADEGA.

Inicios e consolidación social de ADEGA

Este foi o clima que motivou que un grupo de persoas do ámbito político, cultural e académico decidisen fundar unha organización ecoloxista que puidera canalizar e dar soporte humano e teórico á resposta social a todos estes proxectos que ollaban para Galiza como simple fornecedora de recursos e materias primas sen ningún compromiso económico, social nin ambiental co país.

Algúns destes primeiros conflitos que a asociación tivo que afrontar foron o proxecto da central nuclear de Xove, a construción de máis encoros como o do Gran Suarna no río Navia e a instalación de novas factorías de pasta de celulosa proxectadas por toda Galiza, preto dunha ducia, que virían a sumarse á contaminante fábrica de celulosa de Pontevedra, a cal contaba xa daquela con varios anos de funcionamento. Felizmente, moitos destes proxectos, incluído a central nuclear, non foron adiante grazas a estas primeiras mobilizacións.

Seguíronlle as denuncias por contaminación, principalmente por flúor, da fábrica de aluminio de San Cibrao (primeiro de participación pública e décadas máis tarde comprada pola estadounidense Alcoa) ou da central térmica das Pontes e o problema de chuvia ácida asociada (cómpre lembrar que esta central sempre estivo no ranking das máis contaminantes de Europa).

Máis tarde, nos anos oitenta, ADEGA foi tamén parte importante do amplo movemento social que, dende as costas de Galiza, se sumou á protesta internacional contra dos vertidos de materiais radioactivos na Fosa Atlántica e que mobilizou unha parte importante da sociedade galega e que rematou coa práctica levada a cabo polas potencias nucleares europeas (Gran Bretaña, Bélxica, Francia e Países Baixos) que durante anos lanzaron toneladas de residuos das súas centrais nucleares ao mar, a escasos 700 km das costas galegas. Esta acción marcou un punto de inflexión na historia da asociación, ao consolidar a súa influencia paralelamente a un incremento notable da súa actividade, ampliando o seu alcance e fortalecendo a súa estrutura organizativa.

Na mesma década dos oitenta, ADEGA tamén comezou a editar materiais informativos para sensibilizar a cidadanía sobre os problemas ambientais, como as revistas ADEGA e Albadabranca, publicacións centradas na educación ambiental que constituíron materiais fundamentais para difundir as súas ideas e axudar a fortalecer o movemento ecoloxista en Galiza.

Con todo, un dos momentos máis destacados na historia de ADEGA foi a súa implicación na loita contra a catástrofe do Prestige no 2002. Colaborou activamente na limpeza das costas e na denuncia das políticas ambientais que permitiron o desastre que marcou un antes e un despois na conciencia ecolóxica do pobo galego, materializada no nacemento do movemento Nunca Máis, auténtico pioneiro da contestación social a nivel estatal no século XXI.


Nos últimos anos, as principais loitas de ADEGA centráronse na promoción da xestión sostible e multifuncional do monte fronte ao drama do monocultivo do eucalipto que sofren os nosos bosques, así como na loita contra a invasión eólica na que se denuncia a proliferación descontrolada e sen planificación ambiental de parques eólicos que afectan hábitats naturais prioritarios sensibles e comunidades locais.

Xa na actualidade, ademais das problemáticas antes descritas, ADEGA participa moi activamente na forte campaña de oposición á macrocelulosa de Altri que o goberno galego, en conivencia coa dirección da empresa, quere instalar no concello de Palas de Rei (Lugo), nunha paraxe natural de alto valor ambiental que formaba parte das zonas propostas para a ampliación da Rede Natura, e nunha comarca cunha gran vitalidade económica e social ligada, por unha parte, ao sector primario de transformación sostible de produtos agrarios e gandeiros e, por outra, ao sector turístico vencellado ao Camiño de Santiago.

Manifestación contra a macrocelulosa Altri celebrada en Palas de Rei en maio do 2024. Fonte: ADEGA.

Os piares da asociación

Defensa cultural e idioma

En ADEGA entendemos que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ámbalas dúas deben ser preservadas. Isto supón asumir un firme compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza, así como a defensa do patrimonio etnográfico propio. É por este motivo que a asociación centra o seu traballo en Galiza, sen por iso deixar de apostar por ter unha visión global da problemática ambiental e de exercer, na medida das posibilidades, a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos e o intercambio de aprendizaxes.

Ecofeminismo

Entendendo que o ecoloxismo non pode reducirse a unha observación pasiva e estanca da realidade, asumimos o ecoloxismo social e o ecofeminismo como un alicerce fundamental, proporcionando ferramentas clave para impulsar unha transformación profunda e real en todos os ámbitos. Deste xeito, a través do ecofeminismo constrúese unha liña de pensamento que vincula a desigualdade de xénero, a LGTBfobia, o racismo, o clasismo, o colonialismo e a división Norte-Sur coas prácticas que degradan o medio ambiente e os ecosistemas.

Educación ambiental

A educación ambiental é unha das liñas de traballo fundamentais de ADEGA, pois consideramos que a sensibilización e a formación da cidadanía son esenciais para a protección do medio ambiente. A través de diversas iniciativas, a asociación busca fomentar unha conciencia ecolóxica e o apoderamento da cidadanía mediante a capacitación.
Deste xeito, promovemos actividades educativas para aumentar o coñecemento sobre os problemas ambientais, xa que entendemos que a preservación do medio natural depende da implicación da cidadanía e da concienciación social. Tamén organizamos obradoiros, charlas e campañas para promover boas prácticas ambientais e proporcionar formación en sustentabilidade. É precisamente a través da educación que buscamos fortalecer o compromiso da sociedade, ao promover iniciativas de custodia do territorio e de ciencia cidadá que fomenten a implicación e autonomía de cada persoa na defensa do patrimonio natural. Ademais, a asociación traballa con centros educativos mediante a execución de programas formativos para inculcar valores ecoloxistas desde a infancia, para garantir que as futuras xeracións teñan unha visión sostible do desenvolvemento.

 

Divulgación ambiental

Dende a asociación realízase un labor divulgativo mediante o proxecto Radio CERNA, boletín informativo ambiental onde abordamos temas de ecoloxismo e medio ambiente, así como a edición da revista CERNA que contén artigos redactados por persoas socias e colaboradoras. Así mesmo, ADEGA colabora con medios de comunicación participando en roldas de prensa, eventos e entrevistas para difundir información sobre cuestións ambientais e ecoloxistas.
Ademais, publícanse informes e estudos sobre problemáticas concretas, como é o caso do Informe Altri, así como o lanzamento de campañas de concienciación que buscan informar e alertar á cidadanía.

Estratexias de defensa do territorio

Para protexer o medio ambiente galego, empréganse varias estratexias fundamentais:

Accións xudiciais

Mediante a presentación de denuncias e recursos legais contra proxectos perxudiciais para o medio ambiente, para o cal frecuentemente se recorre a campañas de crowdfunding que permiten financiar os gastos derivados grazas á solidariedade da cidadanía.

Mobilización social

A participación activa mediante a convocatoria de manifestacións e concentracións continúa a ser unha das estratexias máis efectivas á hora de implicar a cidadanía na defensa da contorna natural.

Estudos e informes científicos

Grazas á existencia dunha secretaría técnica e á colaboración activa de socias/os que, tendo distintos perfís profesionais e formativos, achegan os seus coñecementos, a asociación realiza investigacións sobre o impacto ambiental de distintos proxectos e propón alternativas sustentables.

Custodia do Territorio

A custodia do territorio é un conxunto de estratexias de conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico que se fundamentan no tecido social e cuxa principal característica é a implicación da sociedade civil na xestión responsábel do territorio. Esta xestión é realizada por propietarios/as de terras e entidades de custodia (asociacións, concellos, etc.) que mediante acordos voluntarios, verbais ou escritos, establecen un pacto para xestionar a parcela custodiada.

Neste eido, ADEGA forma parte da Rede de Entidades de Custodia do Territorio de Galiza, da que foi parte impulsora, e desenvolve accións de conservación a través de acordos de custodia do territorio e mesmo de custodia fluvial coa administración pública.

 

3. Xornada formativa impartida no marco do Proxecto Ríos de ADEGA, proxecto de ciencia cidadá que fomenta o coidado medioambiental mediante a inspección de ríos. Fonte: Miguel Leirós.


Nota sobre os autores

Daniel L. Vispo e Miguel Leirós son membros da directiva de ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, https://adega.gal

Para citar este artículo:
Miguel Leirós Nieves e Daniel López Vispo. ADEGA: a soberanía do pobo na defensa do medio ambiente galego. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 36, Territorios activos. A Coruña: Crítica Urbana, junio 2025.

Critica Urbana n. 36
Share

Prácticas sociales

Quizás también te interese

Territorios Vivos
22 junio, 2025
Génesis de una revolución imprescindible
22 junio, 2025
Territorios activos, territorios existenciales, territorios recíprocos
22 junio, 2025
  • Buscar

  • SUSCRIPCIÓN

    Recibe gratuitamente Crítica Urbana en tu correo cada tres meses.

    Tu suscripción nos ayuda a contar con un público base que le otorga soporte y sentido a este proyecto.

    CONSENTIMIENTO

  • LIBRO DE CRÍTICA URBANA: DESCÁRGALO GRATIS

  • Estamos en las redes

  • Nuevo número. 36. Territorios Activos

  • Números anteriores

    • Crítica Urbana 36: Territorios Activos
      22 junio, 2025
    • Crítica Urbana 35: Producción fabril para la producción...
      24 marzo, 2025
    • Crítica Urbana 34: Más allá del pensamiento hegemónico
      11 diciembre, 2024
    • Crítica Urbana 33: Memoria y ciudad
      22 septiembre, 2024
    • Crítica Urbana 32: Lecturas para el pensamiento crítico
      23 junio, 2024



  • Crítica Urbana

    Revista de Estudios Urbanos y Territoriales.
    Quienes somos, nuestros principios
    contacto@criticaurbana. com
    A Coruña. Galicia. España
    ISSN 2605-3276

  • Politica de Privacidad

    Aviso legal y cláusulas de privacidad

    Nuestra política de Cookies

  • Síguenos en las redes


Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional.