Por David Esperón |
CRÍTICA URBANA N. 38 |
A Rede para o Decrecemento de Galicia, Eo-Navia e o Bierzo leva oito anos cuestionando un sistema depredador mediante iniciativas como o Día Internacional polo Decrecemento ou o traballo de incidencia política no Parlamento de Galicia.
Formamos parte da primeira xeración con plástico aloxado no cerebro. En concreto, uns 4.763 µg/g[1]. Unha cantidade que se ven incrementando nos últimos anos, un 40% entre 2016 e 2023. A nosa fascinación polos combustibles fósiles levounos a esparexer microplásticos ata nas áreas máis remotas do planeta, a Antártida, a cima do Everest ou a fosa das Marianas. No noso corpo atopáronse microplásticos, ademais de no cerebro, no fígado, os riles, o seme ou o leite materna.
Esta é unha representación gráfica da grave crise ecolóxica na que nos atopamos inmersos. Seis dos nove límites biofísicos que definen o espazo operativo seguro para a existencia da humanidade no planeta foron sobrepasados: o cambio climático, a sexta extinción masiva, a crise da auga doce, a contaminación química, a deforestación masiva ou a perturbación dos ciclos do nitróxeno e do fósforo completan a panorámica da actual catástrofe ecolóxica[2].

Rolda de prensa no exterior do Parlamento de Galicia. 28 de maio de 2025. Foto: el autor.
O auxe da extrema dereita prodúcese neste contexto de catástrofe ecolóxica, crise de recursos e incremento da desigualdade. Ante a desesperanza e a frustración, a extrema dereita propón unha receita sinxela: culpar ao pobre, ao migrante, ao marxinado… mais non ofrecen nada novo. As súas propostas políticas son vellas coñecidas: recortar dereitos, adelgazar ao Estado,…
A extrema dereita representa o cumio do negacionismo climático. Trump ou Milei non se limitan a negar que o clima estea cambiando, a demostrar que ese tipo de cambios sempre se produciran de forma natural ou a exculpar de responsabilidades á industria fósil. Directamente deixan sen recursos ás axencias estatais que investigan a problemática medioambiental. Pretenden eliminar a evidencia científica ao mesmo tempo que intensifican a represión contra os migrantes. Desvían o foco de atención para que o clima ocupe o último lugar da nosa lista de preocupacións inmediatas.
Por outra banda, o “establishment” -a dereita liberal e, especialmente, a socialdemocracia- recoñecen o cambio climático como un problema aínda que confían na tecnoloxía para acadar os obxectivos climáticos sen renunciar ao crecemento económico.
O Acordo de París de 2015 representa un fito histórico desta aproximación. En París definiuse a estratexia que ía permitir conxugar sostibilidade e crecemento económico: a electrificación da economía -especialmente a mobilidade-, a aposta polas enerxías renovables, a bioenerxía ou a nuclear.
Estes son os marcos de pensamento que temos ao noso alcance para interpretar a crise ecolóxica –máis complexa que unicamente o problema do cambio climático- e para afrontala: negacionismo puro ou un problema solucionable con máis tecnoloxía. En calquera caso, ningunha das opcións cuestiona o crecemento económico continuado.
Mais a física imponse á política. Os nosos cerebros plastificados alcanzan a comprender unha realidade física incuestionable: é imposible que a economía creza de forma ilimitada nun planeta que é finito.
As resistencias a frear o crecemento económico son comprensibles: os que máis contaminan son, ao mesmo tempo, os principais beneficiarios do actual sistema económico.
Segundo Intermon-OXFAM, as emisións dun milmillonario superan en máis dun millón de veces as de calquera persoa corrente[3]. No mesmo informe sinalan que entre 2020-2023 o 1% máis rico da poboación mundial acaparou case dous terceiras partes da riqueza xerada, case o dobre que o restante 99% da poboación.
O 1% máis rico da poboación mundial non só ten unha responsabilidade directa na cantidade de emisións que anualmente se producen senón que son especialmente responsables da catástrofe ecolóxica por ter influído na economía, a política e os medios de comunicación para que non cambie un sistema que lles beneficia[4].
Nas últimas dúas décadas os representantes de lobbies dos combustibles fósiles asistiron a máis de 7.000 negociacións sobre o clima para impedir que se tomaran decisións que afectaran aos seus intereses[5]. Só na COP 28 celebrada en 2023 en Dubai estiveron presentes máis de 2.400 lobistas dos combustibles fósiles, sector que estivo máis representado que a suma de delegados das dez nacións máis afectadas polo cambio climático[6].
É difícil pensar fora dos marcos, especialmente cando tódalas institucións e medios de comunicación repiten a diario o mantra do crecemento económico continuo, a pesar de que sabemos que maior PIB non sempre significa maior benestar[7].
A Rede para o Decrecemento leva oito anos atrevéndose a pensar fora dos marcos dominantes e organizando actividades -entre elas dous Congresos- para concienciar sobre a crise ecolóxica e sobre o declive da produción dos recursos finitos do planeta, especialmente os enerxéticos e os mineiros[8].
A outra vertente do traballo da Rede é crear sinerxías entre organizacións locais con principios decrecentistas -aínda que elas non sempre lles chamen así- para crear e visibilizar unha alternativa social, económica e cultural que conforme unha sociedade decrecentista. O gran reto do século XXI será crear un sistema, alternativo ao capitalista, que nos permita vivir con dignidade dentro dos límites biofísicos do planeta.
A Rede para o Decrecemento ven dous anos impulsando o 12 de xaneiro como Día Internacional polo Decrecemento. Nesta data se conmemora o nacemento de Serge Latouche, economista e filósofo francés e un dos principais ideólogos do Decrecemento. Ademais, é unha oportunidade para concienciar, festexar e mobilizarnos. En 2025 o Día polo Decrecemento celebrouse en Betanzos, en Vigo ou en Carballo, no Casino, cunha Feira polo Decrecemento que se alongou durante toda a xornada.
Si en xaneiro celebramos o Día polo Decrecemento, en maio acompañamos a Antonio Turiel -científico do CSIC e coñecido divulgador- a reunións con tódolos grupos políticos presentes no Parlamento galego. Unha labor de incidencia política para transmitir a gravidade da situación na que nos atopamos e a urxencia de tomar medidas. En paralelo, organizamos actividades en Coruña, Carballo ou Compostela onde colectivos, movementos sociais, representantes sindicais e persoas interesadas puideron escoitar a este recoñecido científico.
Existen grupos locais da Rede para o Decrecemento en Betanzos, en Ferrol, en Carballo, en Vigo, na Veiga-Vegadeo, en Negueira de Muñiz, en A Teixeira (Ribeira Sacra) e en Ourense, nos que colaboran, de xeito habitual ou esporádico, máis de 50 persoas. Grupos aos que podes sumarte escribindo ao mail da Rede que podes atopar ao final deste artigo.
“Ao principio dicíamos: hai moita xente que é decrecentista aínda que non o sabe. Agora vemos como moitos movementos sociais incorporaron o discurso decrecentista. Este é o principal logro da nosa organización”. Resume Miguel Anxo Abrairas, presidente da Rede para o Decrecemento de Galicia, Eo-Navia e o Bierzo.
Por diante, dous obxectivos: incorporar máis organizacións do territorio para organizar mobilizacións conxuntas e seducir a organizacións de fora do noso territorio para que celebren canda nós o Día Internacional polo Decrecemento.
___________________
Máis información en:
redeparaodecrecemento@gmail.com
___________________
Notas
[1] https://www.elsaltodiario.com/plastico/nanoplasticos-cerebros-aumento-ocho-anos
[2] Richardson et al.,(2023). La Tierra más allá de seis de los nueve límites planetarios. Science Advance
[3] OXFAM (2023). La ley del más rico.
[4] Se se quere afondar en como unhas poucas persoas, moi influentes, conseguiron deter a contestación social ante a evidencia crecente da catástrofe ecolóxica dous libros pagan especialmente a pena:
– Oreskes N., Conway E. (2018). Mercaderes de la duda. Capitan Swing
– Malm, A. & Colectivo Zetkin (2022). Piel blanca, combustible negro. Capitan Swing.
[5] https://elperiodicodelaenergia.com/presencia-lobbies-petroleo-cop-obstruye-negociaciones-climaticas/
[6] https://www.rtve.es/noticias/20231205/cop28-dubai-record-lobistas-empresas-energias-contaminantes/2464627.shtml
[7] Hickel, Jason. (2023). Menos es más: Cómo el decrecimiento salvará al mundo. Capi-tán Swing.
[8] Por exemplo, o pico de produción do petróleo cru convencional que AIE recoñeceu que superamos en 2006. WEO 2010 P. 43
Nota sobre o autor
David Esperón Fontán. Sendo adolescente ilusionoume ver aos líderes mundiais reunidos en Río de Xaneiro dispostos a frear as emisións de CO2. Cumio tras cumio impúxose o esmagador peso da realidade ao tempo que a esperanza atopaba refuxio nas pequenas e diversas organizacións da Economía Social e Solidaria. Son membro activo da Rede para o Decrecemento, así como da REAS Galicia
Para citar este artículo:
David Esperón. Atreverse a pensar fora dos marcos. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 38, Conquistas ciudadanas. A Coruña: Crítica Urbana, diciembre 2025.









