Por César Martínez Yáñez|
CRÍTICA URBANA N.9
|
A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula nace no 2013 pola inquedanza dun grupo de amigos e amigas da bisbarra de Ferrolterra preocupados pola crecente degradación do territorio e a inacción dos organismos oficiais.
.
No 2008 prodúcese un feito que crea gran alarma social cando unha empresa importa polo porto de Ferrol materiais bituminosos retirados das estradas de Holanda por estaren elaborados con alcatrán de hulla e prohibidos pola Unión Europea debido ao seu potencial canceríxeno. Estes materiais, non inertizados, acumuláronse nun espazo forestal protexido sen ningunha medida de control e con emisión de lixiviados ao río Ba e humedais próximos. Unha parte foron comercializados para asfaltado de pistas forestais e polígonos urbanos e outra permanece na mesma situación despois de múltiples denuncias ao longo destes 11 anos.
Este feito contribuíu á creación da Asociación como elemento de participación e actuación directa sobre a protección do territorio con todos os seus valores patrimoniais.
Entre os obxectivos recollidos nos seus estatutos figura en primeiro termo a defensa do patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e arquitectónico. Neste senso, acomete actuacións directas que impidan a degradación medioambiental e tamén as de restauración no caso de bens abandonados ou degradados por prácticas inaxeitadas.
.
Ámbitos de actuación
As liñas de actuación céntrase en tres áreas: a divulgativa, a de convenios e a de compra directa. Consideramos imprescindible a divulgación para crear unha masa social crítica e informada que free a especulación, o desleixo e a infravaloración do propio coa súa valiosísima carga de herdanza tradicional impagable. De aí o noso achegamento aos centros educativos, cos que temos establecidos convenios de colaboración, a outras asociacións coas que colaboramos e aos cidadáns que convidamos a miúdo a participar en tarefas de voluntariado.
Outra das liñas é a dos convenios mediante os cales conseguimos que particulares titulares de diferentes bens, administracións, asociacións, centros educativos ou comunidades de montes se comprometan a manter e mellorar, se é o caso, a situación da vexetación autóctona, da fauna e doutros elementos patrimoniais, favorecendo a biodiversidade e a revalorización social do patrimonio. Con todos estes sectores temos convenios establecidos ou en fase de negociación.
Con todo, consideramos que a protección a perpetuidade ten a súa principal fortaleza na compra dos bens, especialmente bosques de frondosas caducifolias, cunha ameaza constante de substitución por especies foráneas invasoras que degradan o territorio, con rendibilidade a curto prazo e consecuencias desastrosas para a biodiversidade e tamén aceleradoras do cambio climático. As limitacións nesta liña prioritaria veñen dadas pola escasa capacidade económica da Asociación e as múltiples dificultades burocráticas para acceder a achegas institucionais, sen ir máis lonxe, dificultar o acceso a un local social en cesión temporal.
.
En busca do compromiso persoal, social e institucional
A experiencia de seis anos de actividade é positiva, en xeral. Unha análise pormenorizada permite sinalar cales foron as eivas e cales os logros neste período.
A nivel organizativo a primeira dificultade vén dada pola pouca disponibilidade dos socios e membros da directiva para enfrontar un maior volume de tarefas. Os condicionantes proveñen dos compromisos familiares, sociais e laborais de moitos dos membros e noutros casos de non sentir a necesidade dunha maior implicación persoal. Cumpriría organizar máis actividades internas de participación dos asociados e asociadas que favorecerían a cohesión do grupo. As arelas de achegarse aos 500 socios, o que suporía un corpus social importante, van avanzando amodo, acadando neste intre a cifra dos 100 asociados.
Cómpre sinalar que a idade media dos asociados é alta, polo que resulta urxente intensificar as actividades divulgativas cara a conseguir a incorporación de novas xeracións que se impliquen máis aló de visualizar nas redes sociais o que van facendo os demais. Con isto non restamos valor á función das redes sociais, senón que pretendemos facer do lema “pensa global e actúa local” unha realidade cotiá.
Outra das dificultades situámola na actuación dos medios de comunicación tradicionais. Consideramos escasa a súa sensibilidade cos temas medioambientais e patrimoniais. Confórmanse coa imaxe sensacionalista sen profundar no núcleo das problemáticas. A miúdo dan a impresión de estaren ao servizo doutros intereses distantes do ben común e do conservacionismo como estratexia de sustentabilidade.
En sintonía co noso mandato estatutario, consideramos que as administracións deberan estar ao servizo dos cidadáns nun sentido amplo do termo, favorecendo o benestar presente e garantindo a sustentabilidade para as xeracións futuras. Constatamos tamén falta de sensibilidade medioambiental e condicionantes por prazos electorais ou presións mediáticas. De aí a importancia de conseguir masa social crítica suficiente para mudar as estratexias electorais e representativas que emprendan actuacións concretas máis efectivas que a redacción dunhas liñas “vistosas” nos programas electorais.
No eido empresarial existen fundacións e outras iniciativas relacionadas co ámbito medioambiental, coas que somos selectivos á hora de establecermos relacións. A dimensión social da Asociación implica priorizar obxectivos de sustentabilidade fuxindo de empresas ou organizacións que fagan unha utilización fraudulenta destes principios.
Porén, non consideramos viable conveniar coas que están no mercado do CO2 nin as que na súa práctica laboral contribúen á discriminación por xénero, por explotación económica por uso ou fabricación de materiais agresivos co medio ou do sector armamentista.
.
As determinacións socioeconómicas
Con estes condicionantes, valoramos positivamente o feito de acceder á titularidade dunhas 7,4 hectáreas en propiedade nun ecosistema tan sensible e tan singular como son as Fragas do Eume (A Coruña). A protección deste entorno natural único, con ameazas de diferentes niveis, é unha prioridade e unha responsabilidade na que nos sentimos implicados. Esta tarefa contribúe á sensibilización social, pois milleiros de visitantes anuais defenden a súa conservación. A limitación de recursos non nos permite avanzar a un maior ritmo na adquisición de parcelas (80% de titularidade privada en minifundio de difícil xestión). Botamos en falta iniciativas institucionais que favorezan unha maior presenza pública neste territorio con ofertas de compra a pequenos propietarios.
Historicamente mantívose un equilibrio entre as funcións económicas, sociais e medioambientais que se viu alterado nos últimos decenios polo despoboamento rural e a substitución duns sistema económico autárquico por outro produtivista. Neste contexto, a Administración competente non soubo ou non quixo achegar alternativas máis alá da declaración formal como Parque Natural. Isto xerou un conflito de intereses aínda irresolto entre os propietarios que fixeron un uso ancestral do espazo (hoxe decantado cara á eucaliptización) e o novo concepto de territorio a protexer polos seus valores sociais e medioambientais.
Os convenios de custodia con particulares acadan a extensión doutras 11 hectáreas, cunha maior dispersión no territorio e sempre tentando conservar, protexer ou restaurar espazos singulares. Neste intre están en negociación outras 3,8 ha. Valorámolos como unha fortaleza polo que significan de implicación e compromiso dos seus titulares e a función divulgativa e exemplificante que cumpren. As dificultades atopámolas á hora de cambiar a mentalidade produtivista a curto prazo dos particulares que non reflexionan sobre outras alternativas, mesmamente rendibles economicamente, pero cun menor impacto medioambiental e sustentables a longo prazo.
A figura do monte veciñal en man común, moi estendida en Galicia, facilita a xestión e a decisión de considerar o territorio como un espazo multifunción, diversificado, rendible economicamente e sustentable ambientalmente. As experiencias de moitas comunidades locais avalan esta visión conservacionista e de funcionalidade social.
Para Betula é importante establecer convenios cos directivos destas comunidades polas súas competencias sobre grandes extensións e por ofreceren unha xestión equilibrada do territorio.
Hoxe en día temos conveniadas neste capítulo 26,5 hectáreas e en negociación outras 225 ha. máis. Na parte positiva da Asociación tamén situamos a capacidade técnica de moitos e moitas asociados que poñen a disposición da mesma a súa colaboración desinteresada. Deste xeito mantemos unha alta capacidade de elaboración de informes ben documentados sobre aspectos medioambientais, patrimoniais, sociais… que dan solidez ás nosas argumentacións.
A función do voluntariado, socios e simpatizantes, consideramos que vai máis alá de actuacións concretas, que sen restarlles a importancia que estas teñen, contribúen a crear esa masa crítica tan necesaria para mellorar a sensibilidade social e propiciar cambios nas condutas individuais e nas administracións encargadas de establecer os marcos legais para un desenvolvemento sustentable.
.
O futuro comeza hoxe, aquí
recibimos noticias alarmantes sobre o cambio climático, as emisións contaminantes, a degradación dos ecosistemas terrestres e marítimos… alteracións que xa afectan actualmente á vida, á economía e á saúde de milleiros de seres humanos e a unha extinción masiva de especies. Que facemos entramentras? Moitas declaracións de boas intencións, algúns compromisos e unha tímida aplicación de medidas correctoras. Poida que ese sexa o camiño, pero semella que é a carreira entre a tartaruga e a lebre. Os acontecementos van a outra velocidade e múltiples intereses, á parte dos custes económicos, fan que os avances sexan escasos.
Aínda queda esperanza, os humanos somos quen de reaxir en situacións límite. Temos abondosos informes científicos que avisan da crise, mesmamente da posibilidade dun colapso. Reúnense políticos e expertos, fanse declaracións e asínanse compromisos. Con todo, coma sempre, ten que ser unha humilde rapaza sueca, Greta Thunberg, coa forza da súa flebe figura sentada diante do parlamento, a que mova as masas que, coma as enchentas imprevistas arrasarán cos que se senten cómodos nas súas cadeiras, a velas vir. Pide pouco e pide todo: un futuro para as novas xeracións, un futuro para a humanidade. Alguén ten dereito a negarllo, alguén ten dereito a negárllelo?
Betula, coas súas actuacións, quere achegar un gran de area na defensa do futuro do planeta. Non é quen de achegar fórmulas máxicas, pero si de recomendar a mobilización, remover as conciencias e, se é posible organizadamente, ir subindo chanzos por un futuro mellor. Chegar a amplos sectores sociais, poñer en valor o patrimonio en todas as súas dimensións e preservalo a perpetuidade. Ten a obriga de garantir, por mandato estatutario, que estes principios sexan irreversibles, pasando en caso de disolución os bens da Asociación a outra entidade conservacionista do mesmo tipo.
A nosa función consiste en actuar, sensibilizar, manter a esperanza e xerar expectativas de futuro. O camiño está sinalado. Cómpre transitalo.
.
Nota sobre el autor
César Martínez Yáñez, Devesos. Profesor xubilado. Cofundador da Asociación Betula no 2013 a Galicia. Forma parte da Directiva como secretario da mesma.
Para citar este artículo: César Martínez Yáñez. Betula: alternativas á degradación do territorio. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.2 núm. 9 El paisaje. A Coruña: Crítica Urbana, noviembre 2019. |