Por Beatriz Sierra, Sara Escudero, Hilda Cuba, Cristina Botana |
CRÍTICA URBANA N.17 |
Cando a pandemia da COVID-19 levou a todo o Estado español a unha situación de confinamento domiciliario, desde marzo de 2020 até as portas do verán, atopámonos nun escenario de incertezas e medos no que buscamos estratexias para facer fronte a problemas comúns con recursos reducidos.
Por unha banda, a perda dos lugares físicos colectivos, exteriores e interiores, levounos a usos diferentes e intensivos dos espazos domésticos, nun contexto paradoxal no que cada vez máis xente non pode materializar o seu dereito a unha vivenda axeitada. As demandas esixentes evidenciaron vellas carencias na forma en que os lugares que habitamos contribúen ao noso benestar cotián e que, nas novas circunstancias, se fixeron dificilmente soportables. Fogares escasos de luz, ventilación ou mesmo da visión do exterior; cuartos pequenos, húmidos, fríos; edificios deteriorados e perigosos nos que se priorizou a cuestión económica por riba do confort e a saúde de quen mora neles.
Por outro lado, o illamento social, un mal crecente nas sociedades contemporáneas tan individualistas e agravado polas restricións sanitarias, tivo a súa contraparte na inusual convivencia, dentro das casas, durante tantas horas en todos os momentos do día.

Ilustración: Lucía Escrigas
No ámbito laboral, as demandas deste sistema de hiperprodutividade resultaron nunha cohabitación prolongada da esfera produtiva -tamén a formativa- coa reprodutiva e de coidados ás crianzas, ás persoas maiores e dependentes, as tarefas domésticas, a atención emocional das outras e o autocoidado a través da reflexión, o exercicio, a alimentación, o desfrute do lecer…
Desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, cada quen na súa casa e virtualmente conectadas, vivimos na propia pel a centralidade destas necesidades cotiás e dos traballos habitualmente invisibilizados, non remunerados e asumidos maioritariamente por mulleres. Experimentamos durante longas horas a capacidade dos espazos construídos e non construídos, pensados no seu día por alguén coma nós (arquitecta ou non), para coidarnos cando xogamos coa nosa filla, miramos pola xanela, falamos coa veciña, camiñamos até a tenda do barrio ou nos organizamos colectivamente. Falamos coas nosas achegadas, mais ca nunca, da diversidade de xeitos, sempre cambiantes, nos que habitan estes lugares e que sensacións e sentimentos resultan do seu uso.
Atravesadas por todo isto, un grupo motor decide botar a andar a iniciativa da Clínica das Casas coa vontade de ofrecer un servizo á veciñanza a través do cal mellorar a habitabilidade dos seus fogares durante o confinamento. Os coñecementos académicos sobre arquitectura póñense ao dispor da xente a cambio da valiosa aprendizaxe de aquilo que queiran compartir connosco sobre os seus modos de vivila.
A Clínica das Casas como alternativa á estrutura académica universitaria convencional
Tratase dun organismo autoorganizado, flutuante, que aglutina estudantes, docentes, investigadoras e persoal da Universidade da Coruña, xunto con profesionais de múltiples áreas da arquitectura, o deseño, o traballo social e a cooperación. É unha proposta de aprendizaxe non formal fóra dos planos de estudo e, grazas a esta condición periférica, é quen de introducir unha reflexión crítica na docencia e exercicio da arquitectura.
Organizámonos por grupos de traballo para atender á heteroxeneidade de situacións que foran xurdindo en función das nosas capacidades e afinidades. Un dos valores de aprendizaxe foi a converxencia de persoas desde momentos distintos da súa formación ou actividade profesional, e especialmente importante foi o consenso colectivo da necesidade de traballar de forma transdisciplinar.
A metodoloxía da Clínica xirou en torno ás diagnoses achegadas polas propias usuarias dos espazos. A imposibilidade de realizar inspeccións ás vivendas forzou solucións creativas para abordar as diferentes problemáticas que ían desde os aspectos máis prácticos, doadamente resolubles coa transformación de certos elementos da vivenda (cómpre ter en conta que durante o confinamento non había posibilidade de facer obras ou mercar mobiliario, alén das limitacións que puidese ter a persoa) até cuestións moito máis complexas que podían afectar á seguridade na tenza e conflitos que implicaban recorrer a algúns colectivos con experiencia na loita polo dereito á vivenda.
Ollar cara ao significado na vida diaria dos espazos que construímos e habitamos
A facultade para configurar espazos construídos debe acompañarse dunha comprensión profunda do sentido de habitar, lonxe do mito da figura do arquitecto como axente creador de espazos estéticos e funcionais, posuidor dunha visión resolutiva do habitar e da capacidade individual de transformar o territorio. A Clínica das Casas propón un proceso de autorreflexión sobre a profesión, asumindo a súa función de garantir un servizo fundamental tan humilde e esencial como o de calquera outra clínica. Búscase posicionar a vida e os coidados no centro da actividade profesional é dicir, atender á cotiandade das persoas como un elemento esencial do proxecto de arquitectura e elevalo á escala urbana, o que finalmente supón unha desaprendizaxe da profesión en oposición ao paradigma capitalista e patriarcal do que a urbanización foi cómplice necesario.
Así, aspiramos a unha arquitectura e urbanismo ao servizo das persoas, deseñado por e para as persoas. Este por esixe o dereito á participación: a veciñanza ten dereito a participar na transformación da súa contorna. O para incide na obriga de pensar os espazos (tanto urbanos como a propia vivenda) para todo o pluriverso de usuarias e as súas experiencias e necesidades. A pandemia trouxo unha retracción daquilo público que expandiu a acción colectiva en forma de redes de apoio mutuo, coidados colectivizados e protectores da vida dos que temos moito que aprender. Así, como Lefebvre sinalara nos 70, a participación activa desbordou o carácter consultivo dos neomunicipalismos e revelouse como auténtica autoxestión.
As contornas construídas que compoñen o noso hábitat deben permitir a transformación participada en diversas escalas, facilitar as tarefas cotiás e os coidados interpersoais e promover a inclusividade e as relacións comunitarias mediante ferramentas que garantan a sustentabilidade neste planeta de recursos limitados. Para conseguir isto é preciso un cambio no modelo urbano e residencial, son moitas as voces desde o ecofeminismo, como Yayo Herrero, que sitúan a clave en “aprender a construír relacións comunitarias, reinventar o colectivo”. As condicións da pandemia déronnos o contexto preciso para impulsar este cambio.
Así, incorporamos a crítica do urbanismo feminista, rexeitando a idea da responsabilidade individual que tende a recaer sobre as mulleres e aspirando a construíla colectiva e compartida. Durante estes meses de actividade, escoitamos e aprendemos das demandas sociais dos grupos organizados e activistas da cidade, pero tamén buscamos validar os diagnósticos que chegaban desde os fogares, desde o coñecemento das veciñas sobre a súa contorna, para auditar as vulnerabilidades e a relación entre os espazos construídos e as problemáticas e desigualdades sociais.
Como implantar estas perspectivas na práctica profesional se continúan invisibilizadas no ensino?
A Clínica das Casas ten o potencial de incluír estes modelos na escola de arquitectura. Precísanse plataformas e espazos de debate nos que aprender a xestionar procesos participativos reais e aplicables a diversas escalas, valorizar a observación e a escoita do aparentemente banal. Xa que como expuxo Heidegger “non habitamos porque temos construído senón que construímos na medida en que habitamos”. Como profesionais tamén somos suxeitos dos nosos habitares e como tal podemos mediar, propiciar o diálogo e reparar a relación entre a profesión e as usuarias.
Desde a Clínica búscase imbricar as dinámicas sociais e as necesidades das persoas, futuras habitantes e usuarias, na actividade técnica; isto permítenos confrontar o relato clásico sobre os proxectos de arquitectura coa experiencia vivencial das persoas, obrigándonos a considerar as solicitudes do paso do tempo. A iniciativa lévanos a preguntarnos que peso ten, no ensino da arquitectura, a identificación, descrición e comprensión da pluralidade convivencial e cotiá que compón o habitar, como favorecemos a colectividade fronte ao illamento: deixar de lado a inmediatez da imaxe fotográfica e traer á fronte este vector temporal xunto cos procesos que este representa, a miúdo silenciados nos traballos académicos ou profesionais. Escoitar a experiencia das usuarias cos nosos “obxectos construídos” esixiu analizar que tipo de espazo urbano xeraron ou que mantemento requiren os grandes bloques residenciais que saturaron as cidades desde os anos 60, como facilitaron ou coartaron a transformación dos núcleos familiares, a adaptabilidade das vivendas e a relación destas co barrio e os espazos exteriores, tan ansiados durante este último ano.
En definitiva, falamos de aprender a responder ás cuestións que van máis aló do construtivo-funcional e que engloban o emocional e o social. É confrontar os enfoques impostos polo sistema económico e o mercado inmobiliario coa atención a ese “tempo lento” e á vulgaridade que defendía Jane Jacobs, onde ocorre o impredicible e se constrúe non só o doméstico, tamén o propio habitar urbano en toda a súa complexidade.
Nota sobre as autoras
Beatriz Sierra, Sara Escudero, Hilda Cuba e Cristina Botana son arquitectas vinculadas á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Nas súas traxectorias académicas, laborais e investigadoras revisan as influencias mutuas entre a arquitectura e as vidas da xente. Forman parte da Clínica das Casas. Este colectivo xorde dentro da Escola e a Universidade con vocación de escoita e servizo ás necesidades da veciñanza en torno á vivenda e o habitar. Máis información na web: http://clinicadascasas.udc.gal/
Para citar este artículo:
Beatriz Sierra, Sara Escudero, Hilda Cuba, Cristina Botana. Construir sobre o cotián. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 17 Ciudades para los cuidados. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2021.