Por Sofía Paleo, Lucía Escrigas e María Novas (Dexenero) |
CRÍTICA URBANA N.23 |
A vida máis alá da hexemonía urbanocéntrica.
A cidade, a vila e a aldea son, dende as súas orixes, unha manifestación do carácter social do asentamento dos seres humanos, unha aposta polas vantaxes de vivir en comunidade nun espazo territorial común. Baixo este precepto, podería dicirse que os núcleos de poboación constrúense para posibilitar —en distinta intensidade e de diferente xeito— a vida das persoas que os habitan. Mais o espazo antropizado, escenario no que transcorre a vida das persoas, non é sempre igual.
As prioridades dos estudos urbanos e territoriais e os seus consecuentes produtos, códigos legais e acordos maioritarios, non serven a todas as persoas por igual. O deseño dos espazos que habitamos é un reflexo do imaxinario e da vontade de quen os promove, proxecta e acomete. Así, nos procesos de deseño e planificación, fanse primar uns valores en detrimento doutros. Por razóns de carácter histórico, estes valores adoitan responder en maior medida á orde hexemónica que facilita os procesos de acumulación e desposuimento do capital e do patriarcado. A decisión dos criterios que deben prevalecer á hora de deseñar o espazo non é unha cuestión banal, pois implica tomar posición perante determinadas discriminacións sistémicas.
No contexto do Estado español, a inmensa maioría da teoría producida en materia de “urbanismo” e “xénero” ten un carácter urbanocentrista. Este nesgo probablemente se deriva do lugar dende o que é producida, aquel no que maioritariamente teñen lugar as discusións académicas e a transferencia de coñecemento; aquel onde se constrúen as universidades e se organizan os congresos e coloquios; aquel no que se atopan as máis influentes sedes de distribuidoras e editoriais. Gran parte da literatura dende aquí importada, producida ou reproducida céntrase na cidade, no espazo “propiamente urbano”, resultando insuficiente á hora de dar respostas a problemas específicos cando producimos coñecemento sobre a realidade territorial galega. Nos lugares do que nos últimos tempos ten sido nomeada como a “Galicia baleirada” ou mesmo “Galicia profunda”, os tempos, os espazos de intervención e as lóxicas de funcionamento precisan dun entendemento que segue habitando as marxes do universo académico, especialmente en arquitectura. E máis cando se trata de dar a ditos estudos unha perspectiva feminista. Pero, que pasaría se puxésemos a vida das persoas no centro de todas as decisións territoriais —e non so urbanas—, ampliando o alcance da reflexión que estes conceptos promoven? Seguindo a Amaia Pérez Orozco:
“Poner la sostenibilidad de la vida en el centro significa considerar el sistema socioeconómico como un engranaje de diversas esferas de actividad (unas monetizadas y otras no) cuya articulación ha de ser valorada según el impacto final en los procesos vitales. Aquí van ligadas dos preguntas: cuál es esa vida cuyo sostenimiento vamos a evaluar, qué entendemos por vida digna de ser vivida, o de ser sostenida; y cómo se gestiona dicho sostenimiento, cuáles son las estructuras socioeconómicas con las que lo organizamos. […] la construcción ética hegemónica sobre la vida es perversa en diversos sentidos. Entre otros, porque escinde vida humana y naturaleza, impone un sueño loco de autosuficiencia y negación de la vulnerabilidad, e identifica bienestar con consumo mercantil en permanente crecimiento. También están pervertidas las estructuras socioeconómicas actuales porque ponen la “vida” al servicio del capital y, por tanto, establecen una amenaza permanente sobre ella.” (Pérez Orozco, 2012:32)
Os postulados ecofeministas pódennos axudar a atopar respostas. Nos últimos tempos, o encontro entre teoría feminista e ecoloxista emerxe co fin de elevar o concepto dos coidados das persoas á nosa contorna —sendo especialmente clave para a ordenación do territorio (Novas e Paleo 2019)—. Nun contexto no que o conxunto dos Plans Xerais de Ordenación Municipal e Normas Subsidiarias definen gran parte do territorio como solo de “núcleo rural”, e que en moitos concellos chega a abranguer espazos máis amplos que os urbanos, este feito é fundamental. As categorías de Solo Urbano, Urbanizable e de Núcleo Rural contrapóñense ás de Solo Rústico, ao que se asigna, entre outras, as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Moitas das veces, clasifícanse como tal aqueles solos residuais, os que non son de interese para consideralos urbanos —sendo esta xeralmente a prioridade—. En definitiva, falamos de categorías que segregan as lóxicas dos asentamentos tradicionais entre os lugares nos que hai casas (solo de Núcleo Rural) e nos que hai colleita, monte ou animais (solo Rústico). Máis alá do eido urbanístico, o coidado do territorio é unha cuestión esencial que contribúe a paliar os efectos negativos, tanto medioambientais como sociais, que produce o actual modelo territorial, onde a supervivencia das especies non está garantida —tampouco a humana—. Seguindo a Yayo Herrero:
“Una reducción de la presión sobre la biosfera que se quiera abordar desde una perspectiva que sitúe el bienestar de las personas como prioridad, obliga a plantear un radical cambio de dirección. Obliga a promover una cultura de la suficiencia y de la autocontención en lo material, a apostar por la relocalización de la economía y el establecimiento de circuitos cortos de comercialización, a restaurar una buena parte de la vida rural, a disminuir el transporte y la velocidad, a acometer un reparto radical de la riqueza y a situar la reproducción cotidiana de la vida y el bienestar en el centro del interés.” (Herrero, 2015:9)
Explorando alternativas de traballo e vida na terra
Chegadas a este punto, e co fin de reivindicar a necesidade de amplitude de miras alén do mundo urbano, pásase a analizar un par de proxectos radicados no campo galego, liderados por mulleres e con clara vocación ecolóxica. Cabe mencionar que estas propostas non son promovidas dende a administración, senón que nacen por iniciativa das súas precursoras. Seleccionáronse para o seu estudo dous casos como boas prácticas desoutra ordenación do territorio con óptica feminista que, máis alá da cidade e da vila, mostran formas de reactivación do rural galego dende o respecto polo territorio e o medio ambiente. Trátase de proxectos de gandaría extensiva que limitan na medida do posible os efectos ambientais asociados ao consumo de produtos de orixe animal. Os datos foron extraídos a partir de sendas entrevistas estruturadas ás súas respectivas responsables: Marta Álvarez (Granxa Maruxa) e Cristina F. Armesto (Casa Grande de Xanceda). A posta en valor destes proxectos e a produción de coñecemento en torno a eles resulta de enorme interese para crear antecedente e inspirar posibles iniciativas futuras que poidan dar resposta aos desequilibrios territoriais do país.
Granxa Maruxa
O caso da Ulloa, en Lugo, resulta paradigmático pola simbiose xurdida entre varias iniciativas da comarca, entre as que figura a Granxa Maruxa (Figura 1). Esta granxa, xestionada por Marta Álvarez, sitúase en Cumbraos, a uns dous quilómetros da vila de Monterroso. Dedicada á produción de leite en ecolóxico, forma parte a un tempo da cooperativa As Vacas da Ulloa —xunto á granxa A Cernada— e da sociedade Muuhlloa —xunto a Milhulloa—, dedicada á produción de cosméticos a base de leite e extractos de plantas tradicionais.
A Granxa Maruxa, cuxa entrada está precedida por unha carballeira centenaria, aséntase sobre a granxa familiar preexistente, a cal foi aumentada en 2002 cunha parte nova: un anexo á vivenda —hoxe sede da cosmética—, e unha zona destinada a cortes como edificación independente. Os muros dalgunhas das construcións serven de soporte para murais de artistas amigas, conferindo ao conxunto unha estética moi particular. O planeamento municipal de 1996, se ben recoñecía as edificacións existentes no lugar, non as clasificaba nin como solo urbano nin como solo de núcleo rural.
A granxa xestiona unhas 45 ha de prados dedicados ao pastoreo diario das 63 vacas e ao autoabastecemento de herba seca para ensilar (Figura 3). O esterco da recría e o xurro xerado son integramente absorbidos como abono nos campos. Prodúcese así unha media de 500 litros diarios de leite, dos que unha pequena parte se aproveitan na elaboración dunha liña de cosméticos naturais.
Dende o punto de vista social, cabe destacar o carácter dinamizador da granxa e a posta en valor da comunidade como xeito de supervivencia, como así o evidencian as diversas iniciativas cooperativas das que participa. Este apoio e recoñecemento mutuo venérase dende a “Carballeira das Mulleres Inspiradoras da Ulloa”, na cal se van dedicando árbores a mulleres emprendedoras da zona, enaltecendo a súa labor. A Granxa Maruxa é tamén un símbolo da diversidade no rural, servindo de localización nas primeiras edicións do Festival Agrocuir da Ulloa, un pioneiro evento pola diversidade sexual e afectiva celebrado no rural que reivindica valores como o ecoloxismo, o feminismo e a liberdade.
A Casa Grande de Xanceda
A uns 15 km de Ordes, o lugar da Casa Grande de Xanceda, no concello de Mesía, conforma en si mesmo unha pequena aldea (Figura 2). A orixe da granxa actual atópase nunha casa agraria do século XVIII rehabilitada, á que en distintos momentos se foron sumando outras construcións ata chegar a configurar o conxunto presente. Así, xunto á casa orixinal, que acolle hoxe as oficinas, atópanse tres vivendas, unha fábrica de iogur, unha sala de muxido, diversos módulos de cortes e demais construcións auxiliares.
Esta granxa, da que Cristina F. Armesto é socia, está especializada na produción de derivados lácteos ecolóxicos, para o que conta con 300 vacas e unha extensión de 200 ha. Como no caso anterior, o xurro que se xera é capaz de ser absorbido como abono nas fincas. Do mesmo xeito, a fábrica de iogur incorpora unha depuradora coa que devolver a auga ao medio perfectamente limpa —algo especialmente relevante nun terreo definido polo Rego de Xanceda.
A granxa emprega a preto de medio cento de persoas, maiormente da contorna, sendo o 60% mulleres. Trátase pois dunha actividade produtiva que cobra sentido no territorio no que se asenta e que ao mesmo tempo contribúe a fixar poboación. Esta implicación no mantemento dun rural vivo subxace en iniciativas como “celébrao con leite”, mediante a cal agasallan con iogures e leite durante o primeiro ano de vida aos bebés nados no concello de Mesía.
En paralelo, lévase a cabo unha importante labor divulgativa, recibindo visitas nas instalacións e promovendo actividades de concienciación sobre o coidado do medio. Neste sentido, destaca o seu traballo nas redes, dende as que se traballa por involucrar a todas as persoas interesadas no proxecto, participando, por exemplo, na elección do nome das vacas. Ademais, a Casa Grande de Xanceda doa produto propio a diversos proxectos sociais dos concellos de Mesía e Ordes, como Cruz Vermella.
Tamén dá promoción á arte mural feminista galega (Novas, Paleo e Escrigas 2020), como proba o mural realizado nunha das construcións pola artista de Ordes Nana Art con motivo do Día da Muller Rural que se celebra o 15 de outubro. Nesta mesma liña, especialmente soada foi a creación do símbolo feminista “máis grande do mundo segado na herba”, de 75m de longo e 35m de largo, que realizaron en marzo de 2020.
Reflexións finais
Da análise comparativa dos proxectos seleccionados pódense extraer certas confluencias que permiten tecer un fío condutor común. Así, dende o punto de vista da súa situación, as dúas iniciativas desenvolven unha actividade que cobra sentido en relación co territorio no que se asentan. Ambas se establecen sobre granxas preexistentes, rehabilitando e respectando o patrimonio construído para darlle unha nova vida, e ampliando as súas instalacións con novas edificacións en base ás novas necesidades. Pero máis alá do entorno construído, as granxas nútrense dun espazo moito máis amplo, xestionando hectáreas de prados nas que pacer os seus animais. O mantemento do uso agrogandeiro impide que estas terras caian no abandono ou que sexan obxecto dunha transformación máis agresiva.
A casa, a granxa e as fincas constitúen un todo. A proximidade é un punto forte: o traballo remunerado ao carón da vivenda. Máis alá das persoas que moran na granxa, nos dous casos se emprega a xente da contorna, ofrecendo unha alternativa de vida vinculada coa terra e con ela a posibilidade de vida no rural. Grazas a isto, ambos proxectos son capaces de xerar dinamismo social nas súas inmediacións, fomentando a creación dunha comunidade cohesionada e altamente relacionada co entorno, baseada en valores sociais que avogan pola igualdade, a diversidade e o respecto ao medio ambiente.
A aposta por producir en ecolóxico constitúe un principio básico en ambas granxas. Isto require unha superficie dunha hectárea por cada dúas vacas, sumado ao compromiso de non contaminar a terra con abonos químicos nin pesticidas. Adóptase unha lóxica dos coidados que, na medida do posible, se fai extensiva dende o territorio aos animais, pasando polas propias construcións, ata chegar ao propio produto e a súa comercialización. Así, por exemplo, na Casa Grande de Xanceda empréganse envases para os iogures que facilitan a súa reciclaxe, do mesmo xeito que o leite comercializado por As Vacas da Ulloa vai en recipiente de vidro retornable. Á hora de comercializar o produto, ademais do uso crecente de Internet ou do seu despacho nas propias instalacións, as tendas ecolóxicas constitúen unha das principais vías para chegar ás consumidoras no urbano.
Non menos relevante é a reivindicación do papel da muller no rural que comparten estes dous proxectos. A muller rural galega sempre traballou no agro, se ben poucas veces puido asumir a titularidade da explotación agrogandeira, como si facían os homes da familia. Deste xeito se entenden iniciativas poderosas cargadas de simbolismo como a da Carballeira das Mulleres Inspiradoras da Ulloa, impulsada pola Granxa Maruxa, ou as intervencións de Nana Art na Casa Grande de Xanceda.
Estas experiencias constitúen, pois, unha pequena mostra doutros xeitos de facer, de supervivir no rural, defendendo a vida, a terra e a dignidade das persoas que a traballan. A reivindicación da muller no rural faise acompañar nestes casos dunha lóxica dos coidados que subxace á toma de decisións nos distintos niveis, incluíndo o territorial. Neste sentido, cómpre ademais remarcar as dificultades asociadas á produción en ecolóxico, especialmente nun mundo onde prima a intensificación e a rendibilidade económica. Tal como revelan as protagonistas, a concienciación e a implicación co territorio —máis alá do urbano—é, xa que logo, fundamental.
Referencias
Herrero, Yayo (2015). Apuntes introductorios sobre el Ecofeminismo. Boletín del Centro de Documentación Hegoa 43, https://boletin.hegoa.ehu.eus/mail/37
Novas Ferradás, María, Sofía Paleo e Lucía Escrigas (2021). Lendo medianeiras: o eloxio dos coidados Crítica Urbana 17, 32–37, https://criticaurbana.com/lendo-medianeiras-o-eloxio-dos-coidados.
Novas Ferradás, María e Sofía Paleo Mosquera (2019). Monte, casas e lume. Unha aproximación desde a crítica ecofeminista á ordenación do territorio en Galicia. En Batefogo Collective, Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, 79–93. Vigo: Catroventos.
Pérez Orozco, Amaia (2012). Crisis multidimensional y sostenibilidad de la vida, Investigaciones Feministas 2, 29-53, https://doi.org/10.5209/rev_INFE.2011.v2.38603
Nota sobre las autoras
María Novas. Arquitecta, Universidade de A Coruña, doctoranda en Arquitectura, Universidad de Sevilla. Lecturer, Chair History of Architecture and Urban Planning, TU Delft. Dexenero, http://dexenero.com/
Sofía Paleo. Arquitecta, Universidade da Coruña. Investigadora independente. Dexenero, http://dexenero.com/
Lucía Escrigas é arquitecta pola Universidade da Coruña. Sempre estivo interesada no urbanismo desde unha visión social, polo que participou en distintos proxectos de investigación urbanísticos en diferentes cidades, como A Coruña ou Madrid. É membro do Equipo de Asesores e do Equipo de Arte de Crítica Urbana.
Para citar este artículo:
Sofía Paleo, Lucía Escrigas e María Novas. Feminismo e territorio. Experiencias galegas máis alá do urbano. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.5 núm. 23 Urbanismo Feminista. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2022.