Por Bruno Prada |
CRÍTICA URBANA N. 36 |
A colaboración cos veciños resultou fundamental para descubrir e localizar o patrimonio natural e cultural, pero tamén para detectar os conflitos, deficiencias e potencialidades do territorio.
Galicia é unha terra verdecente e montañosa, con fondos vales e milleiros de regatos rumorosos, inzada de curros e castros, as formas resultantes dun país agrícola que vivía da terra e do mar, do territorio. O galego é un paisaniño, xente sinxela en forma e fondo na súa maioría pero leais e traballadores, loitadores e cunhas raíces longas e fondas, frontes rexias e mans fortes e orgullosas sempre dispostas para o colectivo, a aldea, berce do común e unidade e lazo indisoluble coa paisaxe e súa xestión.
O concello de Oza-Cesuras é un municipio de pouco máis de 5500 habitantes espallados polos 150 km2 que conforman o termo municipal, caracterizado pola súa topografía accidentada, con vales profundos, verdes e estreitos. Pertence á bisbarra de Betanzos e fica dentro da área metropolitana da cidade da Coruña, contando cunha poboación envellecida e rural que dedica o seu territorio ao sector primario, principalmente aos sectores forestal e agro-gandeiro e sen prestar demasiada atención a aspectos coma a paisaxe, a biodiversidade ou o patrimonio do seu territorio.

Gravados rupestres do Monte das Penas (MP-2B), Oza-Cesuras. Foto: Bruno Prada.
A explosión dun territorio: as Brigadas da Paisaxe da Galicia
A Asociación Cultural Brigadas da Paisaxe da Galicia nace no ano 2021 trala aparición dun patrimonio rupestre de extraordinario valor que viu a luz grazas á colaboración e traballo altruísta dos veciños e veciñas, coa misión de conservar, revalorizar e divulgar o patrimonio natural e cultural do concello de Oza-Cesuras e súa bisbarra.
A aparición deste patrimonio prodúcese no momento en que se lle pregunta aos poboadores polo seu territorio e os recordos que teñen del, anteriores ás modificacións das concentracións parcelarias; unha premisa moi simple que se viu materializada por medio da realización de mapas colectivos guiados e autónomos que plasman o patrimonio cultural material e inmaterial que os poboadores desexan transmitir. O achado deste patrimonio esquecido e inédito foi posible grazas aos mapas realizados en tres parroquias, A Regueira, Rodeiro e Bandoxa, acompañados da compilación oral do patrimonio inmaterial, feito que levou a establecer unha relación de aprecio e confianza cos veciños até o punto de confiármonos os seus recordos máis valiosos.

Roteiro arqueolóxico no Monte das Penas (MP-02), Maio 2024, Oza-Cesuras. Foto: Bruno Prada.
Compre ter en conta a situación de despoboamento e avellentamento que sufre a contorna para poder avaliar correctamente a efectividade que tiveron, e teñen, estas actividades que involucran especialmente aos maiores do concello na xestión do seu territorio, sendo escoitados e facéndoos partícipes e colaboradores necesarios no proxecto. Ante esta situación de colaboración cidadá e compromiso co territorio tan espontánea coma inesperada, no ano 2022 comézanse a realizar actividades de visibilización e divulgación deste patrimonio rupestre local suscitando un maior interese dos poboadores polo patrimonio, o seu contexto xeográfico e a protección da paisaxe e o territorio.
Estas actividades provocaron nos veciños un cambio substancial no modo de percibir a paisaxe e o propio territorio, apropiándose dun legado cultural que sempre foi de seu e que é hoxe sinal de orgullo e identidade para os poboadores do concello, e que contribúen a reforzar e mellorar un tecido sociocultural que constitúe unha incipiente infraestrutura verde e cultural nun territorio rural que fica na periferia da área metropolitana dunha pequena cidade.
O pulo destas actividades foi tan grande que actualmente as escolas da contorna incluíron estes bens arqueolóxicos no seu programa de ensino e están realizando todos os anos un roteiro arqueolóxico guiado que mostra in situ aos máis pequenos o patrimonio rupestre local que previamente estudaron nas aulas, inculcándolles uns valores de respecto e conservación da súa paisaxe e o seu territorio.
Os obxectivos das Brigadas da Paisaxe e as actividades que esta asociación cultural leva a cabo baséanse en tres premisas: Recuperar, Reutilizar e Rehabitar. A recuperación daqueles espazos que foron, son ou poderían ser emblemáticos e necesarios para os poboadores e os ecosistemas, reutilizándoos e facéndoos accesibles para a cidadanía á vez que se valoren no seu contexto histórico e territorial coma parte dun tecido sociocultural que se conecte entre si e se retroalimente, posibilitando rehabitar o noso territorio para sermos quen de sustentar e reforzar este tecido económico e sociocultural sostible.
Os eventos de visibilización e divulgación non soamente se cinguen ao patrimonio arqueolóxico. A través das achegas dos mapas realizados foron achados bens etnográficos e naturais coma a mina aurífera en galería da Cuada, que contén unha colonia de Schistostega pennata, ou as minas de auga das Cabarcas-Costeira, un exemplo das antigas estruturas de captación de augas, espazos que actualmente posúen unha protección legal e son visitados no marco dos roteiros rupestres que leva a cabo a asociación.
Os talleres e actividades culturais reúnen expertos e especialistas en diferentes campos coma a bioloxía, xeoloxía, astronomía e a xeografía, ademais da paisaxe e a arqueoloxía, facendo converxer diferentes puntos de vista e criterios técnicos que achegan unha extraordinaria riqueza ao relato territorial e facilitan e posibilitan o recoñecemento e interpretación da contorna dende un enfoque multidisciplinar máis completo e complexo.
Actualmente as Brigadas da Paisaxe están negociando a adquisición -a través dunha campaña de financiamento colectivo ou crowfunding– das primeiras parcelas con afección patrimonial que conteñen unha ducia de conxuntos rupestres, co fin de conservalos, divulgalos e poñelos a disposición dos poboadores.

Colaboradores e membros das Brigadas da Paisaxe, Abril 2023, Oza-Cesuras. Foto: Bruno Prada.
Cara un futuro sostible e colectivo
A chave para conseguir unha relación persoal e de confianza cos veciños e veciñas foi falar a súa lingua, de xeito físico e metafórico, posto que o bilingüismo galego-castelán supón na maioría dos casos unha barreira sociocultural nas áreas rurais da Galicia, feito que xeralmente se traduce na pechazón dos veciños. Por outra banda, e tendo en conta os índices de avellentamento do concello, integrar os máis maiores nos eventos e actividades fomenta as relacións sociais entre veciños, paliando na medida do posible as situacións de soidade que padecen moitos dos poboadores da terceira idade na bisbarra.
A colaboración con diferentes asociacións, colectivos e agrupacións coma Colectivo A Rula e Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín-Roxal foi fundamental para reconstruír este relato colectivo do que gozamos, sendo un instrumento imprescindible para detectar o patrimonio cultural pero tamén para detectar os conflitos ou deficiencias do territorio así coma as posibles potencialidades e levar a cabo un traballo a escala supramunicipal que enriquece toda a bisbarra, fomentando unhas relacións ou ramificacións culturais que converxen establecendo sinerxías positivas nun territorio conectado.
As cifras de asistencia dos roteiros rupestres foron aumentando de par do interese dos poboadores polo patrimonio rupestre, acadando máis dun cento de asistentes entre locais e habitantes dos concellos veciños e da área metropolitana da cidade da Coruña.
O maior logro das Brigadas da Paisaxe constitúeno os propios veciños, o colectivo que traballa unido polo seu territorio de xeito democrático e colectivo, creando unha comunidade con inquedanzas culturais que medra cada ano en prol da veciñanza e da súa terra.
A aprendizaxe cos veciños e dos veciños é continua e amplíase a diferentes campos culturais como a música, o folclore e o deporte, creando unha pequena oferta cultural e de lecer sustentada polos propios veciños e os empresarios locais que amortece de algún xeito a situación de despoboamento e atractiviza a contorna de cara a atraer novos poboadores e visitantes.
A colaboración e o asociacionismo entre administrados e administradores é fundamental para acadar esta situación de sintonía e colectividade, democratizando o uso do territorio e a propia concepción da contorna de xeito que se reforce e sustente este tecido sociocultural e se conecte á rede cultural comarcal e á futura infraestrutura verde galega.
No longo prazo, a asociación prevé negociar a xestión colectiva ou adquisición, se fose posible, doutros espazos patrimoniais próximos como o castro de Bandoxa e o castro de Cabreira, lugares arqueolóxicos que son as pegadas dos asentamentos dos primeiros poboadores da Galicia e as primeiras mostras de ordenación e xestión da paisaxe e do territorio na prehistoria galega.
Nota sobre o autor
Bruno Prada. Paisaxista pola Universidade da Coruña, presidente da Asociación SOS-Patrimonio de Oza-Cesuras e fundador das Brigadas da Paisaxe da Galicia.
Para citar este artículo:
Bruno Prada. Oza-Cesuras: un territorio activo. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 8, núm. 36, Territorios activos. A Coruña: Crítica Urbana, junio 2025.