Por Margarida Prieto Ledo, Isabel Vilalba Seivane |
CRÍTICA URBANA N. 40 |
Máis de 50 anos de loita do Sindicato Labrego Galego contra o extractivismo en Galicia: décadas de espolio, resistencia labrega e defensa da soberanía territorial.
Galiza ocupa 29.574 km² no noroeste da península ibérica. É maiormente rural: o 88% do territorio, pero só o 35% da poboación reside en municipios rurais (menos de 150 hab/km²). Esta contradición entre territorio e poboación é o escenario de décadas de espolio.
O Sindicato Labrego nace en 1973, en plena ditadura franquista, froito das loitas do campesiñado galego. Hoxe forma parte da Vía Campesina, a maior organización internacional de persoas labregas, agricultoras, pobos indíxenas e sen terra, que loita pola soberanía alimentaria e contra o agronegocio, contra o extractivismo dos nosos recursos naturais.
As primeiras mobilizacións da nosa organización – Comisións Labregas- nesa época foron contra os encoros: moitas aldeas foron inundadas para producir electricidade destinada á industria e exportación a grandes centros de consumo, mentres pasaron décadas ata que a luz chegou a todas as aldeas. Aínda hoxe a rede é moi deficiente e un temporal pode deixar días sen subministración e imposibilitar por exemplo o muxido nas granxas de leite ou a actividade diaria da poboación. Moitos destes proxectos, como o encoro de Castrelo de Miño (Fenosa), foron paralizados pola presión veciñal.
Tamén nesa época, centos de hectáreas foron declaradas de utilidade pública para explotar lignito para a central térmica de Meirama (Fenosa). Expulsaron a decenas de familias e contaminaron as parroquias veciñas. As labregas de As Encrobas enfrontáronse corpo a corpo coa Garda Civil, sendo detidas e feridas. A súa loita converteuse nun símbolo da resistencia protagonizada por mulleres labregas. Tamén no nacemento do Sindicato tiveron lugar a loita de Baldaio, a da Nuclear de Xove e outras.

Imaxe cedida polas autoras.
Usurpación forestal e o impacto da PAC
Durante o franquismo, moitos montes veciñais en man común foron usurpados para plantacións industriais de eucalipto e piñeiro. Coa entrada no Mercado Común (1986) e a reforma da Política Agraria Común (PAC) de 1992, intensificouse a forestación de terras agrarias como alternativa á produción de alimentos. O monocultivo de eucalipto provocou o peche de miles de granxas, o abandono da xestión tradicional do monte e unha enorme vulnerabilidade fronte aos incendios forestais, que arrasan os nosos montes e tamén aldeas cada verán.
Nos últimos 30 anos perdemos máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas (o 20% da Superficie Agraria Útil). A SAU é só do 24% en Galiza fronte ao 50% de media europea. Hai máis de 2 millóns de hectáreas forestadas, máis da metade con eucalipto. Desde a entrada na UE desapareceron máis do 70% das granxas gandeiras.
Parques eólicos: a primeira onda industrial
Os primeiros parques eólicos pasaron bastante desapercibidos para a poboación e, aínda que se deron mobilizacións de grupos ecoloxistas por ocupar espazos da Rede Natura, a veciñanza non os percibiu como un problema. Alcaldes cómplices das empresas facilitaban o camiño con campañas favorables e de branqueo. Foi así como, por exemplo, concellos como o de Muras -situado na provincia de Lugo, e que non chega a 600 habitantes— conta con 19 parques no seu territorio e un total de 380 aeroxeradores; e no de Abadín viron ocupados os seus montes incluídos na Rede Natura e na Reserva da Biosfera Terras do Miño, destruíndose turbeiras de gran valor ecolóxico (1998-2009).
Nos últimos anos multiplicáronse os proxectos eólicos. Galiza xa ten instalados máis de 3.900 MW de eólica, cunha media de 130 kW por km², a máis alta de España (a media estatal é de 46 kW/km²). Xa existe un importante impacto nos municipios rurais: 4.000 aeroxeradores en 180 parques, dos que un terzo están en concellos de menos de 5.000 habitantes. A finais de 2021, a Xunta de Galicia daba a cifra de 300 novos proxectos en tramitación.
Os colectivos ambientais e plataformas veciñais lograron decenas de paralizacións cautelares de Parques Eólicos ditadas pola Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, hai uns días, dous dos seus xuíces foron apartados de forma irregular, entre eles Luís Villares. Asociacións xudiciais cualificaron o traslado como un ataque á independencia xudicial, mentres nós vémolo como un intento de frear a loita social xusta.
Minería: lousa, canteiras ilegais e grandes proxectos
Comarcas enteiras de Ourense son pasto da minería da lousa. En 2007 a Xunta recoñeceu 270 canteiras en Galiza sen licenza (o 24% do total). Durante décadas usurparon terras, destruíron camiños e contaminaron augas sen ningún control. A partir de 2000 xurdiron grandes proxectos mineiros con forte oposición e mobilizacións veciñais:
- Corcoesto (2013) – Ouro a ceo aberto en Cabana de Bergantiños con uso de cianuro. Denegado pola presión social.
- Terra Chá (2006) – 5.700 hectáreas para extracción de cuarzo. Tras máis de 30 xuízos, os permisos están denegados, pero as concesións seguen vixentes, mantendo a ameaza.
- Mina de Touro – Cobre explotado entre 1974 e 1987, abandonada sen restaurar, vertendo metais pesados ao Ulla e á ría de Arousa. Novo proxecto denegado en 2020-2021, pero outro xa está en tramitación.
- Mina Doade (Alberta I) – Litio tramitado sen declaración de impacto ambiental, e denegado en 2021, pero na actualidade de novo en tramitación ao abeiro dos novos plans europeos de minerais críticos.
- ALTRI: a macrocelulosa que non cesa.
Esta macrocelulosa pretendía ocupar 360 hectáreas, consumir 46 millóns de litros de auga ao día. Necesitaría 60.000 hectáreas de eucalipto ao ano e 250 millóns de euros de diñeiro público. Afecta a especies endémicas únicas no mundo. O Goberno central excluíuna da rede eléctrica, pero a Xunta non a descarta totalmente. A ameaza segue viva.

Imaxe cedida polas autoras.
A ofensiva lexislativa: simplificación é desprotección
Por se estas irregularidades non fosen suficientes, o noso goberno foi cambiando a normativa para eliminar as “trabas”. En aras da simplificación administrativa, foron eliminando moitas garantías de protección ambiental. Así:
No ano 2013 intentaron aprobar o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia, que delimitaba zonas de preferente minería por enriba doutros usos do solo.
Despois chegaron a Lei 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e a Lei 2/2024 de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos —que, baixo o pretexto da simplificación e axilización, eliminaron controis fundamentais a nivel medioambiental e reduciron os prazos de exposición pública.
Sempre co mesmo argumento: simplificación normativa e axilización nas tramitacións. Pero o que foron eliminando son controis esenciais para a protección ambiental, dificultando que as organizacións e a sociedade civil afectadas por proxectos eólicos, mineiros ou de infraestruturas poidan exercer o seu dereito a coñecer e a alegar.
Nos últimos anos tamén se reduciron os requisitos para que un proxecto industrial poida ser considerado estratéxico, axilizouse a expropiación e outorgouse á Consellería de Industria a potestade de decidir acerca da utilidade pública dos proxectos e da súa prevalencia sobre a actividade agraria.
O resultado é unha fonda desprotección da poboación rural, que posibilita a fragmentación de proxectos, debilita as declaracións de impacto ambiental e outorga prioridade aos grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga.
Conclusións
Desde a época franquista ata hoxe, o denominador común é a concepción do territorio como un ben do que lucrarse para empresas totalmente alleas á zona, con actividades que non teñen nada en común cos intereses da veciñanza.
Fronte a iso, o Sindicato Labrego defendemos un modelo radicalmente distinto baseado na agroecoloxía e na soberanía alimentaria: o dereito das comunidades galegas a decidir que comen, como se produce, quen o produce e en que territorio. Isto significa producir para o mercado local non para a exportación. Un modelo no que as labregas teñan o control das sementes, a terra e a auga. Un modelo que xere empregos de calidade e con proxección de futuro. Un modelo que fixaría poboación no rural, freando a sangría demográfica que leva décadas baleirando Galiza, contribuíndo á loita contra o cambio climático.
Porén, a situación recruou nos últimos anos. A UE, na súa obsesión pola transición enerxética e a autonomía estratéxica, apostou decididamente pola extracción de minerais críticos (litio, cobre, terras raras). Clasificando moitos proxectos extractivos como Estratéxicos, o que facilita a súa aprobación, acelera os prazos, reduce o control ambiental e abre a porta a axudas públicas millonarias.
Por iso, máis que nunca, é primordial defender o noso rural. Non podemos permitir que se siga expulsando a mocidade, que se siga baleirando o rural mentres as multinacionais levan os recursos e deixan terras mortas e ríos envelenados. Para a nosa organización esta loita é fundamental e é responsabilidade de toda a sociedade. É por iso que imos seguir traballando en rede con outros colectivos e asociacións para defender a terra.
Debemos defender os nosos bens básicos: a terra, a auga, o aire. Debemos recuperar a terra para a produción de alimentos, non para o eucalipto, non para os aeroxeradores, non para as minas, non para a macrocelulosa. Debemos construír un futuro onde as novas xeracións poidan vivir dignamente nas súas aldeas sen ter que emigrar.
Non permitamos que nos rouben a nosa terra, a nosa auga, o noso aire, nin o noso futuro!
Nota sobre as autoras
Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra o acaparamento de terras do Sindicato Labrego Galego e da comarca da Terra Chá.
Isabel Vilalba Seivane, labrega e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego.
Para citar este artículo:
Margarida Prieto Ledo, Isabel Vilalba Seivane. Resistencia e extractivismo en Galiza. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 9, núm. 40, Extractivismos. A Coruña: Crítica Urbana, junio 2026.









