• Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Suscripción
  • Inicio
  • La Revista
    • Quiénes somos
    • Próximos números
    • Normas de publicación
  • Entrevistas
  • Número actual
  • Números anteriores
  • Súmate
  • Suscripción

Urbanismo local con perspectiva de xénero desde Silleda

16 marzo, 2026

Por Cristina Botana, Natalia Campos e María Novas |
CRÍTICA URBANA N. 39 |

A incorporación da perspectiva de xénero á planificación urbana presentouse nas últimas décadas como unha ferramenta de innovación política e metodolóxica capaz de cuestionar as lóxicas capitalistas e androcéntricas dos modelos urbanos.

Así, o territorio deixa de ser entendido como un “soporte neutro” para infraestruturas e actividades económicas e pasa a ser lido como un espazo afectado por relacións de poder e prácticas cotiás que sosteñen a vida. Sen embargo, os estudos urbanos seguen maioritariamente centrados nas cidades e as súas áreas metropolitanas, mantendo os sistemas intermedios, as vilas, e o rural fóra do foco.

Xénero e planificación: unha experiencia galega

Neste escenario, os concellos rurais galegos enfróntanse a unha situación paradoxal. Por unha banda, as administracións locais asumen compromisos crecentes en materia de igualdade, sustentabilidade e dereitos, a través dos Plans de Igualdade, da Axenda 2030 ou de marcos normativos supramunicipais; por outra, adoitan carecer de estratexias urbanas propias, ferramentas metodolóxicas adaptadas e referentes próximos que lles permitan traducir estes compromisos en actuacións concretas sobre o territorio. A planificación segue sendo maioritariamente reactiva, fragmentada e sectorial, dificultando a construción dunha visión integral a medio e longo prazo. Neste contexto, resulta clave dotarse de documentos estratéxicos que permitan ler o territorio desde a complexidade da vida cotiá e orientar a toma de decisións públicas. Para que estas estratexias sexan efectivas, é imprescindible que se constrúan de maneira inclusiva, abrindo os procesos á participación cidadá e incorporando unha perspectiva de xénero interseccional que recoñeza a diversidade de corpos, tempos, idades e situacións vitais presentes no rural e nas vilas de pequena escala.

Camiño en Silleda. Foto: Cristina Botana.

A diagnose urbana con perspectiva de xénero desenvolvida nos núcleos de Silleda e A Bandeira, na provincia de Pontevedra, entre marzo e xullo de 2025 constitúe unha experiencia singular en Galicia. Non só pola súa dimensión experimental, senón porque demostra de maneira directa que a teoría feminista é aplicable tamén en contextos menos densamente urbanizados. Probando que a perspectiva feminista é especialmente necesaria en territorios rurais e semiurbanizados, ou urbanizados de pequena escala, onde a dependencia do vehículo privado, a dispersión de servizos, a invisibilización do traballo de coidados e a fraxilidade das infraestruturas públicas xeran desigualdades profundas e persistentes. Nun momento de grave retroceso nos enfoques de dereitos, feministas e territorializados, compre destacar a grande relevancia e excepcionalidade desta experiencia.

A diagnose deu continuidade ao proxecto estatal de investigación ESMAART (Enfoque Social para a Mellora Ambiental dos Asentamentos Rurais Tradicionais), coordinado desde a Universidade da Coruña en 2025, cuxo obxectivo foi desenvolver metodoloxías integrais para a planificación e rexeneración do rural galego desde unha perspectiva social, ambiental e inclusiva. No seu Work Package 2, dedicado á integración da perspectiva de xénero, elaborouse unha proposta de indicadores específicos para contornos rurais galegos, afastándose das adaptacións simplificadas de ferramentas urbanas e apostando por unha análise situada, multiescalar e interseccional.

A experiencia piloto de Silleda e A Bandeira serviu para testar, adaptar e ampliar esta metodoloxía, combinando análise técnica, traballo de campo e procesos participativos intensivos. Pero, sobre todo, funcionou como un exercicio político: un proceso de lectura colectiva do territorio que puxo en cuestión as prioridades tradicionais da planificación municipal e desprazou o foco cara á vida cotiá, os coidados e as experiencias encarnadas das persoas que habitan a vila.

Metodoloxía situada: indicadores, escalas e participación

Un dos elementos máis innovadores da diagnose foi a construción dunha metodoloxía adaptada ás condicións específicas do rural-intermedio galego. Partindo dunha primeira proposta de indicadores estruturados en tres compoñentes, pasando a unha estructura baseada en cinco compoñentes (provisión de servizos, vitalidade, calidade ambiental, autonomía e seguridade e tecido social) e reorganizando os indicadores definidos inicialmente en dous indicadores por compoñente.

O décimo indicador, saúde ambiental, incorporouse para avaliar e visibilizar como as condicións climatolóxicas, a presenza de áreas verdes e vexetación, a calidade do aire, a sombra ou o confort térmico inflúen na habitabilidade e os usos do espazo público, recoñecendo que o benestar físico e climático son unha peza fundamental da igualdade territorial e da vida cotiá.

A análise desenvolveuse de maneira multiescalar recoñecendo que as desigualdades se producen e se reproducen en diferentes niveis e que as solucións non poden limitarse á escala do espazo público inmediato. Esta mirada ampla permitiu conectar problemáticas locais, como a falta de sombras ou de bancos, con cuestións estruturais como a organización do transporte público ou a distribución territorial dos servizos.

A diagnose participada baseouse en reunións con diferentes axentes locais, roteiros urbanos, obradoiros de mapeo colectivo, cuestionarios e microentrevistas permitiron integrar as experiencias cotiás da poboación na diagnose. Especial relevancia tivo a participación das mulleres, incluindo unha mesa específica con mulleres migrantes que aportaron a súa mirada sobre todas as cuestións analizadas a través da súa experiencia e outra proposta de participación dirixida a persoas con diversidade funcional, que asumiron un papel protagonista na lectura crítica do territorio, visibilizando tarefas e desprazamentos habitualmente invisibles para a planificación técnica.

Obradoiro de mapeo colectivo en Silleda. Foto: María Novas.

Coidados, mobilidade e vida cotiá: o que o urbanismo non ve

Durante e diagnose constatouse que Silleda e A Bandeira contan cunha estrutura urbana relativamente compacta, que facilita a proximidade entre vivenda e servizos básicos. Non obstante, esta aparente vantaxe vese erosionada por múltiples desaxustes: itinerarios peonís incompletos, barreiras arquitectónicas, espazos públicos pouco habitables e unha clara priorización do tráfico rodado. A ausencia de bancos, sombras ou espazos de descanso penaliza especialmente ás persoas maiores, ás crianzas e a quen realiza tarefas de acompañamento. A iluminación deficiente nalgúns puntos concretos e a falta de continuidade nos percorridos afectan á autonomía e á seguridade percibida, condicionando os horarios e os usos do espazo público, especialmente no caso da percepción de seguridade das mulleres.

A mobilidade emerxeu como un eixo crítico. Identificáronse diversas necesidades nos itinerarios máis comúns que se producen entre as aldeas e a vila, entre os dous núcleos urbanos que posúe o concello ou entre a vila e a cidade de referencia, Santiago de Compostela. A dependencia do vehículo privado no rural galego non é unha cuestión de elección individual, senón unha imposición estrutural derivada da falta de alternativas de transporte público eficientes e accesibles. Esta situación xera unha desigualdade profunda entre quen pode acceder a un vehículo privado e quen non, limitando o acceso á educación, á sanidade, ao emprego, ao ocio e á participación social. A diagnose puxo de manifesto como estas limitacións afectan de maneira desproporcionada ás mulleres, que polo rol social presentan unha mobilidade próxima e complexa.

Outro aspecto central foi analizar a autonomía e a seguridade no espazo público desde unha perspectiva feminista que vai máis alá da prevención do delito: como capacidade de habitar con confianza, visibilidade e recoñecemento, tamén nas dimensións física, ambiental e simbólica. A diagnose identificou zonas infrautilizadas e pouco acolledoras que reducen a diversidade de usos e corpos, e incorporou a calidade ambiental (confort térmico, arborado, pavimentos drenantes e protección ante eventos extremos) como eixo clave para unha planificación xusta e sostible en contexto de cambio climático.

Unha aproximación aos valores feministas no urbanismo galego

A diagnose urbana con perspectiva de xénero en Silleda e A Bandeira constitúe unha das primeiras experiencias en Galicia de aplicación sistemática da teoría feminista á avaliación urbana en contextos rurais e intermedios, sentando as bases para o desenvolvemento de estratexias e deseños urbanos máis inclusivos. O proceso permitiu, ademais, redefinir e mellorar os indicadores iniciais do proxecto ESMAART, xerando unha ferramenta metodolóxica flexible e transferible a outros concellos galegos.

A experiencia demostrou que a incorporación da perspectiva de xénero como criterio transversal nas políticas locais de ordenación do territorio non só é viable, senón especialmente pertinente. Neste sentido, resulta clave dotarse de documentos estratéxicos capaces de ler o territorio desde a complexidade da vida cotiá e orientar a toma de decisións públicas, sempre desde enfoques participados e cunha perspectiva de xénero interseccional que recoñeza a diversidade de corpos, tempos, idades e situacións vitais presentes no rural e nas vilas.

Os resultados da diagnose permitiron identificar deficiencias urbanas, establecer prioridades e iniciar actuacións concretas. Este proceso só adquire sentido pleno grazas ao compromiso político da administración local, que non só promoveu e financiou a diagnose, senón que asumiu desde o inicio o compromiso de integrar os seus resultados nas decisións públicas e nas estratexias municipais futuras. Sen esta implicación institucional, o exercicio tería quedado reducido a un informe técnico máis, desvinculado da acción.

En definitiva, o caso de Silleda cuestiona a centralidade urbana dos discursos sobre o dereito á cidade e as transformacións xustas, propoñendo unha extensión necesaria cara ás vilas e aldeas galegas. Ao situar a vida cotiá, os coidados e a participación no centro da política urbana, esta experiencia contribúe a construír o dereito á vila e á aldea como un dereito colectivo que tamén se xoga nos territorios aparentemente periféricos, ofrecendo un referente crítico para repensar o futuro do rural galego desde unha perspectiva feminista, democrática e arraigada no lugar.


Nota sobre las autoras

Cristina Botana Iglesias é doutora arquitecta (UDC,2021), colaboradora docente na Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e investigadora especializada en ecofeminismos e estudos decoloniais aplicados ao territorio. Entre os seus últimos traballo destaca o proxecto A Coruña entre memorias. Historia, colonialismo e identidade.

Natalia Campos Ferro é arquitecta e urbanista en exercicio profesional libre, mestranda en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo (UVigo). Desenvolve a súa actividade profesional con especial interese polas relacións entre xénero, patrimonio e territorio, abordadas desde enfoques de participación cidadá.

María Novas Ferradás é doutora arquitecta, profesora e investigadora na Cátedra da Historia e Teoría do Deseño Urbano e editora académica da revista científica gta papers, no Institute for the History and Theory of Architecture (gta) da ETH Zurich en Suiza.

Para citar este artículo:
Cristina Botana, Natalia Campos e María Novas. Urbanismo local con perspectiva de xénero desde Silleda. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol. 9, núm. 39, Feminismo y espacio. A Coruña: Crítica Urbana, marzo 2026.

Critica Urbana n. 39
Share

Prácticas sociales

Quizás también te interese

El hábitat desde el feminismo
16 marzo, 2026
Urbanismo feminista ante el avance de la ola conservadora
16 marzo, 2026
Beyond the Fakes
16 marzo, 2026
  • Buscar

  • SUSCRIPCIÓN

    Recibe gratuitamente Crítica Urbana en tu correo cada tres meses.

    Tu suscripción nos ayuda a contar con un público base que le otorga soporte y sentido a este proyecto.

    CONSENTIMIENTO

  • LIBRO DE CRÍTICA URBANA: DESCÁRGALO GRATIS

  • Estamos en las redes

  • Nuevo número. 39. Feminismo y Espacio

  • Números anteriores

    • Crítica Urbana 37: Arquitectura, ¿para quién?
      22 septiembre, 2025
    • Crítica Urbana 36: Territorios Activos
      22 junio, 2025
    • Crítica Urbana 35: Producción fabril para la producción...
      24 marzo, 2025
    • Crítica Urbana 34: Más allá del pensamiento hegemónico
      11 diciembre, 2024
    • Crítica Urbana 33: Memoria y ciudad
      22 septiembre, 2024



  • Crítica Urbana

    Revista de Estudios Urbanos y Territoriales.
    Quienes somos, nuestros principios
    contacto@criticaurbana. com
    A Coruña. Galicia. España
    ISSN 2605-3276

  • Politica de Privacidad

    Aviso legal y cláusulas de privacidad

    Nuestra política de Cookies

  • Síguenos en las redes


Licencia de Creative Commons
Este obra está bajo una licencia de Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional.