Por Miguel Reimúndez |
CRÍTICA URBANA N.21 |
A escaseza de combustibles fósiles vai supor un reto sen precedentes para o capitalismo, quebrando as relacións que sostiñan o modelo territorial baseado na concentración. Fronte ás alternativas dos principais centros de poder, compre pensar unha alternativa re-localizadora e simplificadora que permita un descenso enerxético equilibrado, xusto e ordenado.
Nos inicios da revolución industrial, competiron dous modelos produtivos baseados, respectivamente, na enerxía hidráulica e na máquina de vapor. Impúxose o segundo, non por ser o carbón máis barato nin máis fácil de obter, senón por permitir dar resposta á crecente contestación social aos métodos capitalistas. A máquina de vapor permitía concentrar a produción nas cidades, e así dispoñer dunha grande reserva de man de obra. Ademais, outorgaba unha maior autonomía ao empresario no control dos recursos enerxéticos, que xa non dependerían máis da súa xestión compartida, e que se integraron como un fluxo máis de capital, ao igual que a man de obra, as materias primas, as fábricas… A progresiva concentración de capital en grandes centros, que baleirou o resto do territorio e o converteu en subsidiario das cidades, non tería sido posible sen enerxía fósil.
Os límites do planeta
Bastaron dous séculos de capitalismo fósil para desequilibrar varios dos procesos biofísicos que garantiron, durante os últimos 11.700 anos, a estabilidade e resiliencia da biosfera terrestre; procesos que proporcionaron as condicións para que a vida exista tal e como a coñecemos e que posibilitaron o desenvolvemento das civilizacións humanas.
Nos últimos 50 anos aceleráronse estes impactos pola progresiva des-localización da produción industrial, o desenvolvemento a grande escala do comercio internacional -que multiplicou o seu volume por oito neste tempo-, do turismo de masas e da agricultura industrial. Cada ser humano consume hoxe, de media, un 30% máis de combustibles fósiles que nos anos 70 do pasado século e, malia o importante desenvolvemento das enerxías renovables e as enormes melloras tecnolóxicas producidas, estes aínda supoñen un 80% da enerxía primaria total consumida no planeta. Basicamente comemos petróleo e gas, movémonos con combustibles fósiles e usamos electricidade procedente de fontes non renovables.

Fonte: Planetary Boundaries. J. Lokrantz / Azote baseado en Steffen et al. 2015.
A crise enerxética e os límites das renovables
No ano 2020, a Internacional Energy Agency, no seu World Energy Outlook, apuntou que, de manterse o actual proceso de des-inversión nos xacementos de petróleo, a dispoñibilidade deste recurso en 2040 sería unha terceira parte da actual. Para o gas natural e o carbón presentaba escenarios futuros de decrecemento da oferta, que xa non será quen de dar resposta á demanda crecente deste combustible.
A superación dos picos de produción de enerxía fósil axudará a re-equilibrar, a longo prazo, algúns dos procesos que garanten a vida no planeta, como os fluxos de nitróxeno e fósforo ou a emisión de gases de efecto invernadoiro, mais suporá un reto sen precedentes para o sistema capitalista.
Para a abordaxe deste reto, baixo a bandeira da loita contra o cambio climático, os países máis desenvolvidos están a formular propostas pola descarbonización da economía. Na UE, o European Green Deal (EGD) propón un grande esforzo na eficiencia enerxética de todos os sectores, o despregamento a grande escala da produción eléctrica renovable e o uso de hidróxeno verde como vector enerxético.
Este plan ten grandes limitacións. En primeiro lugar, non considera as estimacións da cantidade máxima de enerxía que é posible extraer das fontes renovables do planeta, entre un 30% e un 40% do total da que hoxe consumimos. Por outra banda, para o seu despregue, requirirá da posta en liza de inxentes cantidades de recursos non renovables, tanto na fase de instalación coma no seu futuro mantemento cando estes sexan aínda máis escasos. Ademais, a intermitencia e menor densidade enerxética da electricidade renovable non permitirán substituír completamente as fontes fósiles en actividades que requiren unha intensa achega de enerxía, como son a minería, a industria pesada, a construción ou o comercio internacional.
Non está a poñer o EGD todos os ovos nunha cesta sen fondo? Trátase dunha trampa enerxética, dun camiño sen saída?
A necesidade dunha alternativa
A fortaleza financeira e o control que exercen sobre as institucións europeas permitiulles impor o deseño do EGD e os fondos NGEU, condicionados ao cumprimento de reformas antisociais. Con débeda pública, estes van financiar, por unha banda, a transición enerxética dos sectores máis afectados pola escaseza de combustibles fósiles (industria pesada, aeronáutica, automobilística…), na súa meirande parte en mans dos países ricos. Pola outra, proxectos de extracción de enerxía renovable naqueles países que contan aínda cun gran potencial de produción, os países máis periféricos e pobres da UE. Unha “transición verde” que as comunidades locais do sur de Europa xa están comezando a sufrir, en forma de destrución e/ou des-posesión dos seus recursos: solo produtivo, auga, caladoiros…
Tanto se estamos diante dun plan suicida como do empobrecemento da maioría dos habitantes da UE para salvar os actuais niveis de consumo dunha minoría, é preciso construír unha alternativa ao EGD que permita un descenso enerxético ordenado, equilibrado e xusto.

Peirao de A Cabana-Ferrol. Foto: Miguel Reimúndez, 2020.
O contexto da quebra
Se a orixe do aliñamento entre sociedade e enerxía fósil foi un maior control dos medios de produción por parte do capital, a súa separación obedecerá ás mesmas motivacións, é dicir, requirira dun meirande control dos medios de produción por parte da maioría.
A correlación de forzas para logralo é moi desfavorable. A opinión pública abraza o reto do cambio climático, pero oculta os outros desequilibrios que o capitalismo provoca nos procesos necesarios para a vida, así como a necesidade do descenso enerxético. A práctica totalidade do arco político abraza os postulados do EGD, dende a dereita defensora de que todo continúe igual, ata a esquerda oportunista, que defende falsas alternativas dende posturas produtivistas e industrializadoras clásicas. A meirande parte da poboación dos países desenvolvidos aínda non superou, por razóns ben ideolóxicas -confianza cega na tecnoloxía, imposibilidade de concibir unha alternativa ao capitalismo-, ben sentimentais, a fase de negación do duelo polo fin do capitalismo fósil e do seu estilo de vida, inapelables e próximos.
É tempo de convencer e sementar alternativas. Alternativas que, necesariamente, deberán partir de facérmonos a pregunta seguinte: como imos garantir a auga, a alimentación, a vivenda e os servizos básicos sen combustibles fósiles, só con enerxía renovable, é dicir, co 40% da enerxía da que hoxe dispoñemos?. Pregunta que non é a mesma que teríamos que facernos, por exemplo, en moitos países africanos, que dependen case absolutamente das fontes renovables… e consumen moita menos enerxía.
Coordenadas para un novo modelo
No que nos toca, deberíamos definir, en primeiro lugar, un novo marco xeográfico para a planificación que coincida cos límites da bacía hidrográfica. É neste ámbito no que é posible resolver o ciclo de auga por gravidade, cun baixo custo enerxético, unha xestión dos usos do solo coherente e a consideración das condicións climáticas propias.
En cada territorio deberase obter un coñecemento exhaustivo de recursos como a produtividade do solo, as reservas de auga, as culturas do medio, as aptitudes enerxéticas do patrimonio edificado, as infraestruturas existentes… a avaliar segundo a súa capacidade para producir ou aforrar enerxía. Neste eido cobrará un novo significado o patrimonio cultural, material e inmaterial, pre-capitalista. En moitas partes do mundo, fóra dos principais centros do capitalismo, este patrimonio aínda está próximo no tempo e é aínda recuperable. O país onde vivo, sen ir máis lonxe, ata os anos 60 do pasado século foi, fundamentalmente, pre-capitalista.
O modelo territorial e urbano a propor deberá dar soporte á simplificación da vida en todas as súas facetas. A dispersión das fontes renovables precisa dun aproveitamento in situ das mesmas, se queremos sacar o máximo partido do potencial eólico, hidráulico e solar existentes, transformándoo en enerxía mecánica ou calorífica, e así evitar a perda de rendemento que implica a produción de electricidade renovable. Haberá, pois, que re-localizar no territorio a produción e o consumo, a vivenda, o aproveitamento dos recursos, e o subministro de auga e alimentos, fragmentar a cidade en barrios autosuficientes -superar os modelos de cidade compacta ou a cidade dos 15 minutos, e reducir a mobilidade de persoas e mercadorías ao mínimo imprescindible.
Parafraseando a Slavoj Zizek: esperemos que non resulte máis difícil imaxinar o fin do capitalismo que o fin do mundo.
Nota sobre o autor
Miguel Reimúndez González é arquitecto e consultor ambiental, membro de colectivos como Verdegaia, Radio Filispim ou Betula. Hoxe en día dirixe a oficina de implementación do proxecto Covenant of Mayors en Galicia.
Para citar este artículo:
Miguel Reimúndez. Quebra capitalista e alternativa territorial. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 21 Los límites del crecimiento. A Coruña: Crítica Urbana, noviembre 2021.