Por Laura Cruz López; Roberto Suárez Brandariz |
CRÍTICA URBANA N.18 |
A experiencia que presentamos nace da colaboración entre Arquitectura sen Fronteiras e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, co obxecto de formar axentes multiplicadores na difusión do dereito ao hábitat. A sinerxía entre ambas entidades concretouse nunha cartografía social da exclusión residencial na cidade da Coruña, na que participaron un total de 174 estudantes de diferentes cursos, titulacións e niveis educativos; 3 docentes de áreas de coñecemento tamén distintas; e 42 entidades sociais
En palabras de Cabrera e Rubio[1], a pobreza extrema é sempre sospeitosa e difícil de contemplar, motivo polo cal acostuma estar cargada de estigmas que atribúen a culpabilidade unicamente ás vítimas, ocultando a dimensión estrutural dunha problemática que é social. O senfogarismo representa a exclusión social máis extrema, da que só se recoñece a manifestación máis visible e estigmatizada de quen durme na rúa. O resultado final é unha completa falsificación e invisibilización da realidade; cuestión que pretendiamos mudar a través da cartografía. Para isto, propuxémonos:
- Identificar a pluralidade de situacións de senfogarismo entendido en sentido amplo (desde carecer dun domicilio ata vivir en aloxamentos e contornas que non reúnen as condicións mínimas para un axeitado desenvolvemento humano e social), cuestionando a imaxe arquetípica que se ten socialmente das persoas que padecen esta situación.
- Resituar os factores estruturais vinculados á exclusión residencial, tanto no que respecta ao acceso á vivenda como ao espazo público, así como a presenza de prácticas antihomeless.
- Caracterizar a rede de recursos formais da cidade da Coruña destinados ás persoas sen fogar.
- Dialogar e recoller a perspectiva de persoas sen fogar (PSF) e profesionais sobre dereito ao hábitat e espazo público.
Recollida de información e produción cartográfica
Elixiuse a cartografía social entendida como práctica socioeducativa coa que construír unha narrativa ou relato colectivo que visibilice outra maneira de relacionarnos co territorio, outras formas de coñecemento, de acceso ao mesmo, e de desafiar os relatos dominantes[2].
Despois de formarnos sobre dereito ao hábitat, senfogarismo e cartografía social, o alumnado de segundo e terceiro curso do grao en Educación Social, foi o encargado de recompilar información para a produción cartográfica, mediante derivas pola cidade, o rexistro de recursos e entrevistas a 24 PSF e 46 profesionais de diferentes entidades. Pola súa parte, o estudantado do itinerario de artes plásticas e visuais, do Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, deseñou unha exposición pública cos principais resultados.
Nun percorrido total de 662 km, o alumnado identificou máis de 900 escenas de senfogarismo e factores de exclusión residencial.
A partir destes datos o estudantado de mestrado deseñou seis paneis informativos. Na imaxe 3 xuntamos os paneis referidos ao hábitat e espazo público (cor verde) e senfogarismo (cor fuxia).
Apréciase unha ampla presenza ou indicios de senfogarismo en sentido estrito (persoas durmindo na rúa ou en aloxamentos de fortuna, así como persoas sen recursos, pedindo esmola ou buscando alimentos no lixo); e tamén en sentido amplo, sendo identificadas vivendas ocupadas e precarias que serven de acubillo aínda sen reunir uns mínimos de habitabilidade. Reportáronse ademais elementos estruturais relacionados co que Bachiller[3] denomina prácticas antihomeless, en concreto, bancos antipersoa (nos que unha persoa non se pode recostar), espazos públicos privatizados (aos que as PSF non poden acceder). Finalmente, evidenciouse que a problemática do senfogarismo non é de falta de vivendas, como en épocas pasadas, senón dunha clara atrofia das políticas sociais[4]. En concreto, xeolocalizáronse moitos edificios e pisos abandonados.
Nas derivas, o alumnado tamén foi identificando os recursos e entidades destinadas a PSF e en situación de vulnerabilidade, cumprimentando unha ficha na que se recolleron as súas principais características. Con esta información elaborouse o mapa de recursos que se amosa na imaxe, entregado a todas as entidades participantes.
A diferenza doutras cidades, A Coruña conta cunha ampla e diversa rede de recursos destinados a PSF. Identificáronse sete centros de acollida; catro centros de día e un nocturno municipal; catro entidades que dispoñen de pisos; dous equipos municipais específicos (de inclusión e de erradicación do chabolismo); dous comedores sociais; un servizo de emerxencias (SEMUS); e catro unidades de rúa. Recursos, en xeral, profesionalizados e con diversidade de áreas de actuación, non só asistencial. Aínda así, os axentes chave entrevistados botan en falta recursos de baixa esixencia (con requisitos menos estritos, por exemplo, poder levar mascota) e para problemas de saúde mental, así como pisos de autonomía.
Ademais, un dos problemas detectados é que moitos recursos están concentrados na mesma zona ou situados na periferia. En certa medida, isto implica unha ocultación do problema, contribuíndo á súa invisibilización. Parece que o obxectivo é confinar ás PSF en espazos apartados, fóra da visión de quen goza dun fogar.
Nas entrevistas a persoas sen fogar e a profesionais, ademais de valorar os recursos dialogouse tamén sobre a satisfacción do dereito ao hábitat na cidade, sobre o espazo público e as principais dificultades do senfogarismo. O estudantado do mestrado tratou de reflectir a soidade, o frío, a falta de intimidade e á vez a invisibilidade, así como a precariedade extrema que padecen, nun habitáculo decorado unicamente cun saco de durmir, unha cámara de vixilancia e unhas poucas pertenzas, no que se podían ler citas textuais das entrevistas e ver un vídeo de persoas transitando día e noite pola cidade, sen pararse a mirar e falar con quen se atopa no chan.
Enténdese o hábitat como o espazo onde ten lugar a vida e as relacións das persoas co territorio. As PSF e profesionais entrevistadas reivindican o dereito a un hábitat axeitado, seguro, digno, accesible… onde desenvolver as capacidades e necesidades en diferentes ámbitos: social, político, residencial, económico, afectivo… En palabras dun rapaz de 23 anos sen fogar, o problema é que este dereito “se está violando inxustamente, nunha sociedade individualista e capitalista”, ou, como a cualificou unha educadora social, “nun sistema excluínte e deshumanizado”.
Exposición pública da cartografía social
Desenvolver unha conciencia crítica respecto da exclusión residencial e do dereito ao hábitat constitúe o punto de partida para solidarizarnos coas persoas que se atopan nesta situación e asumir unha responsabilidade compartida.
Un grupo reducido de persoas voluntarias, tanto de grao como de mestrado, participou na preparación e inauguración da exposición. Como se pode apreciar nas imaxes, circulou por diferentes lugares, amosando a magnitude da exclusión residencial na cidade da Coruña, que non se pode reducir á súa cara máis visible, senón que é preciso cifrar o problema desde unha óptica ampla, para tomar conciencia e esixir políticas sociais e de vivenda acordes cun problema de amplo alcance.
Para rematar, compartimos a reflexión final dunha alumna en relación á experiencia:
En primer lugar, me gustaría destacar la importancia de una educación para la transformación social que posibilite que las personas desarrollen un pensamiento crítico ante las injusticias y desigualdades sociales. En segundo lugar, considero que la problemática social de sinhogarismo se ha normalizado e invisibilizado en nuestra sociedad, de modo que durante el transcurso de nuestra vida cotidiana nos encontramos con escenas que reflejan la existencia de esta problemática y, por lo general, adoptamos una actitud de indiferencia y pasividad. Por lo tanto, es fundamental adoptar una actitud activa y de denuncia ante las injusticias sociales, por lo que la sensibilización de la ciudadanía es fundamental.
_______________
[1] CABRERA, Pedro J. e RUBIO, Mª José. Las personas sin hogar hoy. Revista del Ministerio de Trabajo e Inmigración, 2008, núm. 75, p. 51-75.
[2] LAFUENTE, Antonio e HORRILLO, Patricia. Cómo hacer un mapeo colectivo. Madrid: Continta me tienes, 2017.
[3] BACHILLER, Santiago. Significados del espacio público y exclusión de las personas sin hogar como un proceso de movilidad forzada. Revista Española de Investigaciones Sociológicas, 2009, núm. 128, p. 125-137.
[4] WACQUANT, Lloïc. El matrimonio entre el workfare y el prisionfare en el siglo XXI. Astrolabio, 2012, núm. 9, p. 184-205.
Nota sobre a autoría
Laura Cruz López é educadora social e pedagoga, docente e responsable de titulación do Grao en Educación Social (Universidade da Coruña) e membro do grupo de investigación Educación para a Cidadanía Global (Ecigal). Desde a proposta metodolóxica da investigación-acción participativa (IAP) ten participado en proxectos de animación sociocultural para a mellora da convivencia nun centro penitenciario (es.ascprision.es); ou de cartografía social para visibilizar experiencias de cidadanía global en centros escolares (emapic.es/mapacidadaniaglobal).
Roberto Suárez Brandariz é arquitecto de formación e profesor de Didáctica da Educación Artística, na Facultade de Ciencias da Educación, da Universidade da Coruña. Debaténdose nas súas dúbidas para tentar crear certezas no seu alumnado; ou ao revés?
Para citar este artículo:
Laura Cruz López; Roberto Suárez Brandariz. Cartografía social do dereito ao hábitat na cidade da Coruña. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 18 Vivir en la calle. A Coruña: Crítica Urbana, mayo 2021.