Por Rosalía Macías Tarrío |
CRÍTICA URBANA N.18 |
Hai menos mulleres que homes durmindo na rúa, pero os perigos e as discriminacións ás que se enfrontan elas son moitas máis.
En Galicia, arredor dun 20% das persoas sen fogar son mulleres, segundo os últimos datos do INE, que datan do 2012. Unha cifra que pode sorprender tendo en conta que as mulleres parten dunha situación económica máis precaria que a do sexo masculino.
As mulleres evitan a toda costa acabar na rúa”, conta Lucía Rodríguez, educadora social en Alume, unha asociación baseada en Lugo (Galicia) que traballa con persoas en situación de senfogarismo e con trastorno mental. “Cando chegan á rúa están destrozadas”, asegura, pois esgotan moitas máis opcións que os homes con tal de non acabar na rúa, como por exemplo a prostitución.
Violencia de xénero: causa e consecuencia do senfogarismo
Esta educadora social explica que as mulleres sen fogar adoitan sufrir abusos físicos e verbais. O 24% das mulleres sen fogar afirmaron ser vítimas dalgún tipo de violencia sexual, segundo o Estudo sobre senfogarismo feminino e violencia de xénero en Galicia publicado pola Xunta de Galicia en 2020. Este é un dos motivos polos que non é frecuente ver a mulleres durmindo soas na rúa, sempre están acompañadas dun home. Como algunhas mulleres teñen explicado a Lucía Rodríguez, “prefiren que as viole un a que as violen varios”.
A violencia de xénero pode así ser consecuencia da situación de senfogarismo pero tamén causa. Segundo o dito estudo da Xunta de Galicia “o perfil das mulleres que forman parte da mostra consultada é o dunha muller de 43,7 anos que, nunha porcentaxe elevada, é vítima de violencia de xénero, concretamente o 79,7%”. Se ben, como indica Rodríguez, non podemos definir un perfil tipo de persoa sen fogar, xa que se trata dun fenómeno complexo e multicausal.
Mulleres sen fogar e con trastorno mental
A violencia e a invisibilización que sofren as mulleres sen fogar vai acompañada tamén do estigma, como sinalan no estudo “Mujeres sin hogar en España: un análisis sociográfico desde una perspectiva feminista” realizado pola Asociación Moradas. “O estigma é unha cuestión importante cando falamos de mulleres sen fogar, pois a sociedade etiquétaas primeiro como sen fogar (…) e segundo como mulleres que non souberon sacar á súa familia adiante”, escriben.
Así, ser muller e non ter fogar conleva xa unha dobre discriminación, un dobre estigma e un dobre risco, pero é que en moitos casos hai que sumar un trastorno mental. Dende Alume traballan para que “as persoas na rúa e con trastorno mental poidan desenvolver un mínimo de saúde mental e ir aos recursos que xa hai” e de onde normalmente “son expulsadas”, indica Rodríguez. Isto é debido a que algunhas normas dos albergues son estritas e difíciles de cumprir polas usuarias, por exemplo a prohibición do tabaco. A persoas con ansiedade ou con algún trastorno mental “é moi difícil pedirlles que non fumen”, xa que “fumar é o único que che deixan facer na ala de psiquiatría”.
“Intentamos traballar moitísimo con elas para intentar que se mediquen (…) achegámonos a elas e vemos o que necesitan”, relata Rodríguez, que engade que “só escoitalas sen xulgalas xa é saúde mental”. Ademais fan seguimento de que acoden ás citas e de que teñen os medicamentos necesarios. Ese é o primeiro paso para poder entrar nun sistema que tende a invisibilizar e culpabilizar ás persoas sen fogar e con trastorno mental. Moitas veces non teñen conciencia da enfermidade, polo que se trata dun proceso longo. “É un proceso que leva un tempo, e nese tempo sofren moitas cousas”.
A importancia de ter un fogar
Estar estables é o lugar do que partir para poder acceder a un teito, e sobre todo a un fogar. Pois unha vivenda con teito pode protexernos das inclemencias do tempo e de certos perigos, pero é necesario un fogar no que as persoas poidan ter calidade de vida e dignidade, un dereito fundamental. No proceso de recuperación das mulleres sen fogar é imprescindible o acceso a unha vivenda digna, xa non como un fin senón como un medio para poder seguir mellorando.
O problema é que neste sentido -e xa a nivel de albergues- os recursos son “insuficientes” e moitas veces están “desfasados”, lamenta Rodríguez, que é clara: “o sistema está mal”. Para tratar de pór solución a este problema existen iniciativas como Housing First, baseada en ter vivenda primeiro, como escriben na súa web: “Ata hai poucos anos, a forma de afrontar o senfogarismo seguía un modelo de atención en escaleira. As persoas tiñan que ir superando pasos pouco a pouco: da rúa a un albergue, do albergue a un aloxamento temporal e, como último chanzo, unha vivenda permanente. Nese largo proceso, unha alta porcentaxe de persoas volvía á rúa”.
En calquera caso, todos os plans de intervención ou atención que se realicen coas persoas sen fogar deben ter en conta a perspectiva de xénero. Como recalcan no estudo da Xunta de Galicia citado anteriormente: “as traxectorias de senfogarismo son diferentes entre mulleres e homes”, polo que as respostas que se dan non poden obviar estas diferenzas, xa estean relacionadas co xénero, coa súa saúde ou con calquera outra característica ou situación.
Nota sobre a autora
Rosalía Macías Tarrío é xornalista especializada en conflitos e movementos sociais. Ademais de en medios de comunicación, ten colaborado con organizacións comprometidas coa comunicación social como AGARESO ou ASAD.
Outros artigos da autora en Crítica Urbana
Lucía Escrigas; Rosalía Macías. Arde Galicia. As mulleres coidadoras do territorio.
Lucía Escrigas y Rosalía Macías. O pasatempo de Betanzos: paisaxe en ruinas.
Lucía Escrigas, Rosalía Macías. O rural gallego. hai alguien aí?
Para citar este artículo:
Rosalía Macías Tarrío. Mulleres, senfogarismo e saúde mental. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 18 Vivir en la calle. A Coruña: Crítica Urbana, mayo 2021.