Por Henrique Lijó |
CRÍTICA URBANA N.21 |
Nos anos 70, un grupo de investigadores financiados pola fundación Volkswagen, procedentes de diferentes países, publicou un dos textos máis importantes do século XX. Os límites do crecemento non acadou a difusión entre o grande público que realmente merece. A este inquietante estudo hai moitas críticas que facerlle case 50 anos despois. Se cadra a máis clara de todas elas, estea relacionada coa ausencia dunha análise sistemática da estrutura económica que produce o colapso ecolóxico que o texto vaticina.
En lugar disto, o Club de Roma preferiu situar as causas do colapso no aumento demográfico e no emprego da tecnoloxía, como síntoma dunha “modernidade desbocada” que se revolve contra os ecosistemas que, en última instancia, fana posíbel. Mais incluso estas dúas circunstancias están intimamente relacionadas con un sistema hetero-patriarcal capitalista que segue negando a liberdade das mulleres sobre os seus dereitos sexuais, e que orienta o progreso tecnolóxico cara a acumulación de ganancias, en lugar de facelo cara o benestar das maiorías sociais.
Este silenzo interesado condicionou a evolución do movemento ecoloxista nas seguintes décadas e dificultou a análise dos límites do crecemento coma un escenario de aparición de novas desigualdades territoriais e de clase ao non ter un apoio teórico na súa concepción inicial. Falamos das desigualdades socio-ambientais.
Hoxe, sobre a corda frouxa do colapso ecolóxico, podemos comprobar como as variacións sobre a estabilidade climática, incluso sendo relativamente cativas, producen enormes varianzas na evolución das precipitacións en distintos lugares do planeta, na reprodución de especies mariñas e na maduración e equilibrio das especies vexetais. En non poucas ocasións estas varianzas son o xermolo de grandes conflitos sociais, cruzados a súa vez por dimensións de clase, raza e xénero. Non é casual que sexan as mulleres do terceiro mundo o suxeito máis numeroso das migracións ambientais. A súa menor presenza nos mercados formais de traballo nos países en vías de desenvolvemento, fomenta a súa maior dependencia de bens comúns que son, a súa vez, bens ambientais. Ao vérense afectados polo cambio climático, ou pola actividade de industrias extractivas, lesionan, en maior medida, as vidas das mulleres, respecto aos seus pares masculinos.
As variacións climáticas teñen un enorme impacto na reprodución das especies mariñas, afectando aos sectores económicos extractivos relacionados co mar. No noso país tivemos unha experiencia durante o curso 2019–2020, relacionada co cultivo do mexillón. A natureza do sector obriga aos propietarios das bateas a apañar a mexilla (a cría do mexillón) durante os primeiros meses do ano. As zonas para esta extracción están delimitadas administrativamente. O que aconteceu no 2020 foi que un aumento da temperatura das augas fixo morrer á cría do mexillón en grande parte das Rias Baixas, obrigando aos bateeiros e bateeiras a procurar a semente nas zonas do norte da costa galega. Estas migracións puxeron en disputa ás asociacións de miticultores coas cofrarías de percebeiros que tradicionalmente explotan estes lugares e que sentiron ameazados a súa exclusividade de extracción.
O conflito entre percebeiros/as e bateeiros/as é un bo exemplo de como pequenas varianzas ecolóxicas acaban confrontando a sectores en contacto directo cos recursos naturais. Na medida en que estes recursos diminúen, aumenta a competencia polo acceso ás zonas extractivas, motivando conflitos horizontais entre sectores da mesma escala social.
Os casos relacionados coa minería supoñen outro exemplo diferente de como o esgotamento de certos recursos naturais está a facer medrar a conflitividade eco-social. A recuperación do crecemento económico que se está a experimentar tras a pandemia da COVID-19, así coma os obxectivos de descarbonización da economía, están a facer medrar os prezos de minerais estratéxicos para a industria. É o caso do litio, o cadmio, o cobre, a prata, etc., elementos especialmente escasos cuxa escalada de prezos motiva ás empresas mineiras a embarcarse en novos proxectos extractivos. O aumento da actividade mineira ten especial incidencia en países en vías de desenvolvemento, debido a unhas regulamentacións ambientais máis laxas e un menor custo da man de obra. A conflitividade social relacionada con este tema é unha constante na historia recente de continentes como América do Sur, onde os colectivos de afectados, moitas das veces indíxenas, denuncian a contaminación de acuíferos e outros danos ambientais, pero tamén a perda de usos deses solos e os adxacentes, por mor do enorme impacto ambiental que xenera. Ademais disto, a actividade mineira remata por fortalecer o papel primario-exportador destas economías, dando lugar un reparto desigual do traballo a nivel global na que estes países ocupan os eslavóns de menor valor engadido das cadeas globais de valor.
A reclamación de xustiza ambiental e de débeda ecolóxica por parte dos movementos contra o extractivismo cobran especial significado e relevancia se entendemos este modelo de mercado internacional desde a óptica da ecoloxía-política. Mentres que os beneficios económicos destas actividades adoitan rematar en países desenvolvidos, o impacto ecolóxico asociado ocupa amplas extensións de territorio en países en vías de desenvolvemento. Este feito permítenos falar da realidade dun intercambio ecoloxicamente desigual entre o norte e o sur global.
Mesmo as transicións ecolóxicas (TE en diante) postas en marcha nos países desenvolvidos están a supoñer un aumento da conflitividade social. Ante o grande reto de descarbonización económica, xorden dúbidas a respecto de quen carretará cos custos implícitos na TE. Por unha banda, o peche de industrias altamente contaminantes supoñen a perda de postos de emprego nun sector xa de por si golpeado pola relocalización industrial, facendo pagar ás clases traballadoras as consecuencias negativas desta transición. Por outra, o marco de pensamento liberal desde o que se están a planear as ecotaxas sobrecarga en maior medida aos estratos sociais máis baixos. Feitos como a revolta dos chalecos amarelos durante o 2019 en Francia, motivada polo imposto indirecto aos carburantes, fan temer que o acceso a determinados bens económicos remate por converterse nun privilexio ambiental.
Afrontar os límites do crecemento non debe ser percibido coma unha labor unicamente física e económica, senón coma un esforzo pola conservación da cohesión e o benestar social en todos os países. Este obxectivo non será alcanzado se non se contemplan actuacións destinadas a unha distribución máis xusta dos pasivos ambientais, reparando as zonas afectadas e mellorando a calidade de vida das persoas que sofren o impacto ecolóxico do cambio climático e da TE en primeira instancia. Así mesmo, unha tributación ambiental que respecte a equidade social, podería aliviar a presión que sofren as familias máis vulnerábeis, para o que resulta de interese cavilar sobre a posibilidade de gravar actuacións concretas sobre o medio ambiente, en lugar dunha tributación que se cargue exclusivamente sobre os consumos. A TE debe transformar tamén o mundo do traballo, reducindo a xornada laboral e reorientando os esforzos produtivos cara a soberanía alimentaria e enerxética, a reciclaxe, o comercio de proximidade e a economía circular.
Nota sobre o autor
Henrique Lijó é sociólogo e activista de Ecoloxistas en Acción Galiza. Recentemente publicou o libro Privilexios Ambientais. O reparto da natureza como causa histórica de desigualdade, editorial Libros en Acción. Tamén publica en ocasións en praza.gal, nosdiario.gal y xanela.org
Outro artigo do autor en Crítica Urbana
Un nuevo boom inmobiliario en la antesala de la crisis ecológica. Crítica Urbana, núm 20, Urbanización y crisis ambiental, septiembre 2021.
Para citar este artículo:
Henrique Lijó. Conflitos eco-sociais sobre o abismo dos límites do crecemento. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 21 Los límites del crecimiento. A Coruña: Crítica Urbana, noviembre 2021.