Por Fernando Martínez Yáñez |
CRÍTICA URBANA N.20 |
En febreiro do 2021 enterámonos de que había un proxecto de parque eólico que afectaba ó Monte Veciñal do Chá, que dende outubro do 2020 comezamos a xestionar a asociación veciñal tras 60 anos de xestión municipal. Ese proxecto de 6 aeroxeradores de 200 m de altura, unha torre meteorolóxica, unha subestación transformadora e liña de alta tensión asociada sería totalmente incompatible cos proxectos de recuperación do patrimonio arqueolóxico, medioambiental e de potenciación da comunidade local que pretendemos levar a cabo.
A nosa reivindicación é que non se leve adiante este proxecto debido ó seu impacto sobre a poboación local, o patrimonio arqueolóxico e o medio ambiente, é a mesma reivindicación de centos de entidades veciñais de toda Galiza, pero tamén de Asturias, León, Zamora, Burgos, Cantabria afectadas por proxectos semellantes. De feito en Galiza, practicamente non hai monte que non estea ameazado por proxectos eólicos, de levarse todos a cabo o país sería un inmenso polígono de produción eléctrica. Algo semellante ó que sucede no noroeste do Estado coa eólica sucede en Extremadura, Castela – A Mancha e Andalucía coas megaplantas de produción solar fotovoltaica.
Ante o devalar dos combustibles fósiles estamos asistindo á declaración de determinadas zonas da península ibérica (aquelas coñecidas como a España vaciada) como zonas de sacrificio no marco de políticas de espolio dos recursos para o beneficio das grandes empresas de forma non moi diferente das políticas extractivistas e coloniais que levan décadas sofrendo noutras latitudes.

Concentración de colectivos contra os proxectos das compañías eléctricas. Mosteiro de Caaveiro, 5 de setembro do 2021. Foto: Maricarmen Tapia.
Impactos e problemas principais
Os actuais macroparques proxectados son aeroxeradores de 200 m de altura (125 m de altura de rotor e 75 m de aspa), mentres que a lexislación actualmente vixente é a dos anos 90 cando os aeroxeradores eran moito máis pequenos e permite instalalos a 500 m dos núcleos de poboación e menos distancia se se trata de vivendas illadas; pola dispersión da poboación en Galiza, iso implica que boa parte da poboación rural viviría rodeada do ruído e as sombras das palas, as interferencias nas comunicacións, as balizas de iluminación nocturna, as liñas de alta tensión.
Os montes veríanse afectados polas pistas e desmontes necesarios para levar as torres e aspas ata os cumes, así como as obras de cimentación con zapatas de 28 m de diámetro e as gabias de condución eléctrica ata a subestación, todo isto no cume dos montes onde nacen as fontes e os ríos en ecosistemas de brañas que alimentan os acuíferos e reteñen CO2.
Igualmente afectaría ós ecosistemas dos montes con fragmentación de hábitats para numerosas especies terrestres, ademais do impacto dos eólicos na mortaldade de aves migratorias.
Afectan gravemente ó patrimonio arqueolóxico dos montes galegos onde son frecuentes os enterramentos megalíticos da época neolítica, dolmens e mámoas. Máis alá de que sexan directamente afectados polas pistas ou aeroxeradores, os nosos ancestros elixiron, para a localización destas necrópoles, montes sagrados pola súa especial relación coa paisaxe e os ciclos astronómicos, de modo que os enterramentos se verían totalmente descontextualizados no medio dun polígono eléctrico.
A instalación dun macroparque afectaría a toda a comarca provocando o empobrecemento da mesma coa perda de valor de mercado de vivendas e propiedades, mentres que as escasas compensacións económicas que pagaría a empresa sería exclusivamente ás persoas propietarias dos terreos nos que se colocasen as instalacións, pero non daqueles que soporten os ruídos, afeccións á paisaxe, etc.
Non xeran emprego local, pois durante a súa instalación os traballos son encargados a empresas especializadas subcontratadas polas grandes compañías eléctricas. Mentres que destrúen postos de traballo na contorna nos sectores agrícola, gandeiro e forestal, de turismo e natureza, etc.
Mostras do impacto das obras. Fotos: del autor
Un problema de escala
Trátase de megaproxectos de grandes lobbys empresariais enfocados á exportación da enerxía producida, neste caso en Galiza, a outros territorios a pesares da perda de eficiencia que iso implica no transporte. Galiza xa produce máis enerxía de orixe renovable que a que consome, de modo que calquera nova instalación de megawatios vai ser só para a exportación ós grandes núcleos urbanos do Estado a beneficio da empresa promotora. Non se trata de pequenos proxectos de autoabastecemento das comunidades locais, que son as obrigadas a asumir en exclusiva os impactos negativos, polo que aumentan os desequilibrios territoriais entre áreas rurais e urbanas.
Os actuais proxectos eólicos implican un aumento da produción eléctrica e polo tanto a necesidade da ampliación da rede eléctrica de alta tensión; o deseño desta ampliación por Red Eléctrica Española apunta ó mantemento dos mesmos territorios da España vaciada como xeradores e os mesmos centros urbanos como consumidores e que esta ampliación pagariámola as persoas usuarias mediante a subida das tarifas da luz.
En definitiva son proxectos que agravarían o problema de despoboamento que xa están a sofrer as comarcas onde pretenden ser instalados.
Mecanismos que permiten este tipo de instalacións
Actualmente estamos asistindo a un auténtico pelotazo das renovables potenciado polas administracións públicas que favorecen a especulación de grandes grupos empresariais por riba do benestar e intereses da veciñanza. En Galiza, coa escusa do COVID, tense modificado a lexislación (Lei de fomento de iniciativas empresariais) simplificando os trámites ás empresas depredadoras e acortando os prazos de participación pública á veciñanza directamente afectada por estes expedientes.
Para empezar non hai unha planificación sectorial clara que exclúa determinadas zonas, estanse presentando proxectos en zonas de gran valor ambiental, mesmo dentro de zonas afectadas pola Rede Natura 2000, ou a escasos metros dos seus límites, como se as especies silvestres entenderan de límites administrativos. A Xunta de Galicia leva 20 anos desoíndo as recomendacións de Europa de aumentar a superficie ás areas incluídas dentro da Rede Natura 2000, precisamente por favorecer os intereses das empresas extractivistas.
Ante tal avalancha de proxectos tampouco hai unha avaliación ambiental sumativa do seu impacto, senón que se avalía cada parque por separado, mesmo avalíase por unha banda o proxecto do parque en si e por outro o proxecto da liña de evacuación eléctrica. Ademais dáse frecuentemente o caso da fragmentación fraudulenta dun mesmo megaproxecto en diferentes parques para poder eludir requisitos de avaliación medioambiental ou para ser tramitado pola administración autonómica en vez de polo ministerio. Isto conleva a multiplicación de trámites burocráticos para a veciñanza afectada mentres que as compañías poden permitirse pagar proxectos e estudos de impacto ambiental que presentan á administración.
Un detalle de gran importancia nestes proxectos é a definición da poligonal do parque. Cada parque leva aparellada a declaración dunha zona afectada polo mesmo na que a actividade industrial do parque tería prevalencia sobre calquera outra (agrogandeira, forestal, etc.). As poligonais que se están definindo (e que mesmo engloban núcleos de poboación) teñen unha extensión sobredimensionada pensando en simplificar os trámites de posibles futuras ampliacións.
Pero o máis sangrante é que moitos destes proxectos non serían rentables de por si se non contasen con financiamento público a cargo do Banco Europeo de Inversións ou os fondos europeos Next Generation supostamente destinados á recuperación económica tras a pandemia e que, en vez de atender ós sectores populares empobrecidos polas medidas impostas, están a ser adxudicados de forma opaca a proxectos extractivistas de grandes empresas. Estamos asistindo a un desvío descarado de fondos públicos para intereses privados. Aínda por riba préstamos de Europa que o Estado español terá que devolver a costa de recortes en servizos sociais. Un roubo en toda regra para financiar o espolio do territorio.
Non é certo que os Parques eólicos sexan de utilidade pública; tal como se plantexan, o obxectivo real é o gran negocio do lobby enerxético. Os beneficios non son para o pobo, que segue a pagar ben cara a enerxía que se privatiza.

Foto: Pancarta na manifestación de Caaveiro. Setembro 2021. Foto: Maricarmen Tapia
As limitacións dos parques eólicos como enerxía limpa e renovable
– Non é certo que os macroparques sexan unha enerxía limpa e verde, nin unha alternativa ó uso de combustibles fósiles, á súa instalación depende do uso dos mesmos e, como temos comentado, supón unha desfeita medioambiental.
– Non é certo que sexa sostible, polas perdas enerxéticas dende as comarcas de produción ás grandes areas urbanas de consumo, polo elevado custo ambiental da extracción de terras raras que precisan os aeroxeneradores actuais e polos residuos xerados trala vida útil dos mesmos que é de 25 anos como moito.
– Non é certo que sexa a solución para o cambio climático. O sistema enerxético ten que ir acompañado de solucións para a redución do consumo, para o aforro, para a eficiencia. Non é suficiente para evitar as emisións mudar unha enerxía por outra se o modelo de produción e uso desa enerxía, baseado no gasto sen medida e no lucro sen medida das grandes compañías eléctricas, non cambia.
– Non é certo que poidan substituír ós combustibles fósiles. Non existe outra fonte de enerxía tan rápida, abundante, barata, concentrada e flexible como a que até agora obtivemos dos combustibles fósiles. Só unha pequena parte da enerxía que consumimos (un 20%) ten forma de electricidade e moitas das aplicacións dos combustibles fósiles como motores de escavadoras, avións, barcos e automóbiles (a gran escala) non poden ser substituídas pola electricidade, que ademais precisaría de cantidades inxentes de cobre e de baterías con minerais escasos como o litio.
Quen son os principais beneficiarios
Os únicos e exclusivos beneficiarios son as grandes empresas eléctricas Iberdrola, Naturgy, Endesa, EDP, Starkraft, etc. e os especuladores que optan a conseguir unha concesión de parque eólico para poder revendela no mercado a fondos de inversión ou simplemente conseguir que suban as accións da súa empresa en bolsa ante a perspectiva de ter un proxecto eólico. Independentemente de que finalmente se leve a cabo ou non xa están gañando cartos.
Cara a onde debemos apuntar
O actual proceso de esgotamento dos combustibles fósiles enfronta á humanidade a un escenario no que o ritmo de crecemento non vai poder ser sostido; lóxico, pois habitamos un planeta de recursos finitos do cal dependemos para sobrevivir. Iso implica a necesidade dun cambio de esquemas socioeconómicos, de mentalidade e de valores de alcance civilizatorio e que é imposible sen un cuestionamento de raíz do sistema capitalista.
O actual modelo de implantación das renovables non soluciona nada, senón que continúa priorizando o lucro das grandes empresas capitalistas a costa de profundar no espolio do territorio e na exclusión social, iso si, maquillado de verde. Puro greenwashing.
O desenvolvemento das renovables estase concibindo en base a megaparques de alto impacto ambiental que necesitan de moita enerxía e materiais para a súa implantación, que necesitan da rede de alta tensión para abastecer areas afastadas das de produción. Todo iso non é enerxeticamente eficiente nin rentable sen axudas públicas; o que habería que facer é fomentar as pequenas instalacións e a produción comunitaria, que permiten aproveitar mellor a rede de baixa e media tensión.
Precisamos buscar vías de redución do consumo de enerxía, de aumentar a eficiencia, de redución da complexidade socioeconómica; precisamos a relocalización das actividades e o aumento da autonomía das comunidades locais.
Precisamos un aproveitamento descentralizado das fontes renovables, das que haberá que retomar tamén as súas aplicacións non eléctricas, que os números revelan que son moito máis eficientes enerxéticamente
E ás comunidades afectadas por proxectos similares, recomendarlles ante todo traballar en rede con outras comunidades tamén afectadas, compartindo recursos, información e experiencias.
__________
Leer o Manifesto de Caaveiro firmado por máis dunha veintena de plataformas vecinaies, entidades ecoloxistas e sindicatos: https://www.acapeladinon.com/manifesto-de-caaveiro/
Nota sobre el autor
Fernando Jesús Martínez Yáñez é membro da directiva da Asociación de Comuneiros do Chá que xestiona o Monte do Chá en Ferrol. Dita asociación forma parte da Rede Galega STOP Eólicos.
Para citar este artículo:
Fernando Martínez Yáñez. Enerxía eólica e depredación do territorio. Crítica Urbana. Revista de Estudios Urbanos y Territoriales Vol.4 núm. 20 Urbanización y crisis ambiental. A Coruña: Crítica Urbana, septiembre 2021.